Publica hoxe o BOE que o Ministerio de Fomento aprobou someter a información pública, o documento técnico de Adecuación do Proxecto de Construción: Variante de Ourense. Tramo: Ligazón de Eirasvedras coa N-120 no seu punto quilométrico (p.k.) 573,800 Ligazón de Quintela coa N-120 no p.k. 572,000, na provincia de Ourense.
O tramo dunha lonxitude de 1,7 km, ten un orzamento estimado de licitación de 30,2 millóns de euros.
Trátase de someter ao trámite de información pública os axustes agora incluídos no trazado que foi aprobado o pasado 27 de abril, segundo anunciou o Boletín Oficial do Estado. Os axustes son os seguintes:
- Supresión da glorieta Sur da ligazón de Eirasvedras.
- Axustes na glorieta Norte.
- Axustes da rasante dos viarios na zona próxima ao rio Miño.
- Habilitación como calzada bidireccional do tramo da N-120 entre a glorieta Norte de Eirasvedras e Quintela que terá carácter de provisional ata a execución do segundo tramo do variante Norte entre Quintela e A Casa.
Características Técnicas
O trazado ten a súa orixe na ligazón de Eirasvedras, onde existen actualmente dúas calzadas separadas, baixo o paso superior do ramal da estrada N-120 que dá acceso a Ourense a través da calzada unidireccional da N-120. As dúas novas calzadas da variante que se proxecta conectan coas existentes da citada ligazón de maneira que se dá continuidade á N-120 cara á N-525 e viceversa.
Tras un percorrido de 1,7 km, o tramo finaliza na ligazón de Quintela, onde conecta coa N-120 á altura do núcleo de Tarascón, no p.k. 572, para o que se incluíu unha conexión provisional en forma de fondo de saco que permite dar ao proxecto a condición de obra completa e poñer en servizo o tramo.
Os principais cambios introducidos atópanse na ligazón de Eirasvedras, no que se suprimiu a glorieta Sur situada sobre a calzada da N-120 próxima ao río Miño. Así mesmo, axustáronse os trazados dos ramais afectados para conducilos ata a glorieta Norte, e a rasante dalgúns deles para axustalos ao terreo o máximo posible.
O outro cambio substancial é a conversión a dobre sentido de circulación dun tramo duns 600 m da calzada Norte da N-120, que funcionará provisionalmente con esta configuración ata a execución do segundo tramo da Variante de Ourense, entre Quintela e A Casa. Isto motivou a inclusión de pequenos axustes de trazado nas entradas e saídas de ramais nas glorietas das ligazóns de Eirasvedras e Quintela.