miércoles, 5 de julio de 2017

Mellora da situación económica dos fogares galegos e da confianza dos consumidores.

Difunde hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE)  a Enquisa conxuntural a fogares (ECF)  que ten como obxectivos principais os seguintes:

Construír o Indicador de Confianza do Consumidor (ICC) e o Indicador de Sentimento do Consumidor (ISC), que permiten obter un rápido coñecemento dos cambios na percepción do consumidor respecto as súas expectativas de gasto e aforro, así como da situación económica persoal e xeral da Comunidade Autónoma.

E proporcionar información sobre as medidas que toman, ou pensan tomar, os fogares galegos segundo sexa a súa propia situación económica: decisións sobre os gastos efectuados, aforro, número de horas a traballar, solucións financeiras,etc.

Situación económica dos fogares

Os datos desta Enquisa, reflicten que se está a producir unha mellora da situación económica dos fogares galegos.

Esta mellora é consecuencia das mellores perspectivas que teñen os fogares galegos sobre a situación financeira persoal, sobre a situación económica de Galicia ou sobre a evolución do desemprego nos vindeiros meses.

No segundo trimestre de 2017 o 54,52% dos fogares galegos chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, o 35,36% con dificultade e o 10,11% restante con moita dificultade.

Con respecto ao trimestre anterior, prodúcese un aumento de 6,4 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, e unha diminución de 6,4 puntos na dos que chegan con dificultade. A porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade non variou no segundo trimestre de 2017 respecto ao primeiro.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2016, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes medrou 10,15 puntos e a porcentaxe de fogares que chega con moita dificultade 0,59 puntos. Pola súa banda, a de fogares que chega con dificultade caeu 10,75 puntos no segundo trimestre de 2017 respecto ao mesmo período do ano anterior.

Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010. 

Obviamente, a medida que se vai creando emprego e reducindo o paro, redúcense as dificultades económicas dos fogares. Por iso temos que seguir insistindo no traballo feito ata agora, porque se demostra que Galicia é capaz de crear emprego.

Ademais, os datos tamén mostran unha redución dos fogares que no segundo trimestre tomaron medidas para reducir gastos, aumentar ingresos ou afrontar pagos. 


Confianza do consumidor


Por outra parte,o indicador de confianza do consumidor tamén acadou no segundo trimestre o mellor resultado de toda a serie histórica. Isto supón unha mellora de 8,18 puntos respecto ao mesmo trimestre de 2016, e un incremento de 1,39 puntos sobre o trimestre anterior.

Neste trimestre aumentaron tres dos catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador de situación financeira persoal aumentou 0,85 puntos, o de situación económica en Galicia 2,43 puntos e o de desemprego aumentou 3,21 puntos. O indicador parcial de capacidade futura de aforro, pola súa banda, diminuíu 0,92 puntos.


O indicador de confianza do consumidor varía en función do intervalo de ingresos do fogar. Os fogares con menores ingresos medios mensuais son os que presentan valores máis baixos no ICC, mentres que a confianza aumenta ao incrementárense os ingresos do fogar. Así, o indicador no caso dos fogares con menos de 600€ ao mes acada o valor de -30,94, namentres que entre os fogares que máis ingresan ao mes (por riba dos 3.000€) o indicador sitúase en 17,39.

https://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/OperacionsConxunturais/ECF.html


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta