miércoles, 9 de agosto de 2017

O turismo é a principal industria de España e é fonte de riqueza, emprego e prosperidade

Salientar da actualidade De hoxe a visita do presidente do Goberno Mariano Rajoy e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á sede de Hotusa Hotels en Chantada.
Feijóo, destacou a aposta do Executivo autonómico pola Formación Profesional Dual; un modelo formativo que combina formación con experiencias en empresas e que permite a adaptación, en todo momento, ás necesidades do tecido produtivo, en constante evolución. “A conectividade da formación coa empresa e clave para ter emprego, desenvolvemento económico e, en consecuencia, para financiar o estado de benestar” abundou.
Con este fin, e a modo de exemplo, precisou que o IES Val do Asma de Chantada ofrece tres titulacións de FP Dual orientadas a diversos ámbitos da hostalaría e á xestión turística: desenvolvemento de aplicacións web; administración e finanzas e axencias de viaxes e xestión de eventos.
Feijóo aseverou que estes obxectivos están recollidos na Estratexia de turismo de Galicia 2020, unha folla de ruta que aspira a consolidar Galicia como un destino turístico tranquilo e acolledor, ao que vir a relaxarse e disfrutar da gastronomía e do seu patrimonio cultural e natural. E, sobre este punto, salientou o impulso á candidatura da Ribeira Sacra a ser Patrimonio da Humanidade.
En relación ao incremento de visitantes, recordou que nos primeiros seis meses deste ano rexistráronse máis de 1,8 millóns de turistas en establecementos hoteleiros, “isto significa que estamos incrementando o turismo e que estamos rompendo récords de anos anteriores. Significa que Galicia é un destino en auxe”, ao que engadiu que o número de viaxeiros procedentes doutros países medrou ata supoñer o 30% do total.
O responsable do Goberno galego aproveitou a súa intervención para condenar o movemento, nas últimas semanas, de rexeitamento ao turismo, “uns actos –dixo- que, aínda que minoritarios e localizados creo que non debemos ignorar”. “Son accións vandálicas executadas por grupos que están en contra do progreso, do intercambio cultural e, en definitiva, do dereito da xente a coñecer outros lugares”, precisou.
Feijóo cualificou este tipo de actuacións de inxustas: “Porque o turismo é unha fonte de ingresos e de influencia exterior. E porque volveu demostrar ser un dos sectores tractores da nosa economía”.

O presidente da Xunta concluíu destacando que, desde a súa sede en Chantada, na que traballan 200 persoas, Hotusa realiza o 70% da xestión dos hoteis que pilota de xeito directo. “Estamos a falar dunha empresa que comezou ofrecendo servizos conxunto a tres hoteis e, corenta anos despois, é o primeiro consorcio de hoteis independente a nivel mundial”, salientou.
Pola súa banda o xefe do Executivo Mariano Rajoy, sinalou que nunca creu que tería que defender o sector turístico español, "a principal industria do noso país", de ataques como os que sufriu nos últimos días.

Só no primeiro semestre deste ano, o gasto dos turistas estranxeiros en España superou os 37.000 millóns de euros, segundo lembrou na súa intervención Rajoy, quen tamén subliñou a contribución dese sector ao incremento do emprego. "Somos o terceiro país do mundo en número de turistas e o somos porque ofrecemos cultura, benestar, infraestruturas e seguridade. E iso fala moi ben de España e dos españois", manifestou.


O turismo, engadiu, "é fonte de riqueza, de emprego e de prosperidade, e atacalo como fan algúns é un sinsentido e un disparate" que, ademais, "dana a imaxe de España, conduce a menos emprego e menos riqueza e non ofrece ningunha alternativa sensata". Iso só pode querelo, dixo, "xente moi radicalizada que sente máis cómoda nas malas noticias, a pobreza e o illamento".


Rajoy agregou que o turismo en España é gastronomía, cultura, patrimonio, praias e paisaxe, pero tamén está ligado á actuación do conxunto das Administracións Públicas en ámbitos como a seguridade cidadá, o sistema sanitario ou as infraestruturas.



O presidente valorou a rede de liñas de Alta Velocidade -só superada en extensión pola de China-, así como as autoestradas, as autovías e os aeroportos españois. Respecto ao AVE, indicou que espera que chegue "á maior celeridade posible" a Galicia e ao País Vasco, as "dúas grandes prioridades" do Goberno neste terreo.
En 1977, un grupo de tres hostaleiros de Barcelona uniu esforzos e puxo en marcha Hotusa Hotels. A finalidade é prestarse servizos de forma conxunta e, á vez, competir en pé de igualdade coas principais cadeas hostaleiras a escala internacional. Naceu así unha nova tipoloxía de asociación pioneira en Europa. Apenas tres hoteis, e unha longa viaxe e futuro por diante. Amancio López Seijas asumiu a batuta como Director Xeneral e Conselleiro Delegado.
A  empresa Hotusa emprega a unhas duascentas persoas nas súas oficinas da rúa Rosalía de Castro en Chantada, algo que supuxo un forte estímulo para a economía da zona. Estas instalacións albergan desde o ano 2012 diferentes áreas da xestión interna da que é a primeira cadea hostaleira de Cataluña, que alcanzou os 1.000 millóns de euros de facturación no ano 2015. Ademais, está previsto que inaugure outra sede nos próximos meses para seguir aumentando o seu persoal no municipio.