Unha vez máis volvo a falar dos incendios forestais que están a causar grandes danos este verán
na península ibérica, especialmente no noso veciño país, Portugal.
A situación é de tal gravidade que o Goberno luso procedeu á
declaración de de calamidade pública con efectos preventivos desde o dia 18 ata
onte 21, en 155 concellos e rexións: Centro e interior Norte e Baixo Alentejo e
Algarve, debido ao risco inminente de incendio.
Están a loitar nese País, ademais dos bombeiros voluntarios, a Mariña,
Exército, GNR, PSP e Instituto dá Conservação dá Natureza e dás Forestas.
Procede resaltar aquí o apoio dos medios aéreos do Ministerio de
Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) que realizaron xa
525 horas de voo e efectuaron 1.814 descargas de auga nos diferentes incendios
forestais ocorridos en Portugal, desde o pasado mes de xuño e ata o 20 de
agosto.
En concreto, o número de incendios nos que participaron os medios
do MAPAMA en Portugal neste período representa o 3,7% do total de incendios
atendidos. Así mesmo, o total de horas voadas en Portugal representa o 14,7%
das horas voadas polos medios do Ministerio.
Os datos, abarcan desde o 18 de xuño, cando comezaron as
mobilizacións de medios en apoio das autoridades lusas ante o incendio de
Pedrogao Grande, e ata a data de onte, 21 de agosto. Nese período, os medios
aéreos do MAPAMA intervinieronen incendios localizados en de Bragança,
Vilareal, Castelo Branco (por dúas ocasións), Nisa, Portalegre, Montealegre,
Santarem (tamén en dúas ocasións), Abrantes, Leiria, Alvaiázere, Palaçoulo,
Ferreira do Zezere, Vila Rei, San Martín de Pedroso, Maçao e Covilha.
Salientar
tamén que a Xunta de Galicia mobilizou nas últimas horas medios de extinción de
incendios para axudar na loita contra o lume no Norte de Portugal. A actuación
da Xunta de Galicia enmárcase no protocolo de actuación do proxecto de
cooperación transfronteiriza ARIEM 112
En
virtude deste protocolo, os dous helicópteros con base en Queimadelos
(Mondariz) que coordina a Consellería do Medio Rural, farán quendas para actuar
en Portugal. Un deles xa está intervindo no municipio luso de Melgaço e cando
remate o seu tempo de autonomía de voo será relevado polo outro aparello.
Ambos
son helicópteros con capacidade para facer descargas de auga de entre 1.000 e
1.500 litros de auga e forman parte do dispositivo previsto no Plan de
Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga), integrado por
unha trintena de medios aéreos. A súa colaboración con Portugal vai estar
condicionada ás necesidades de servizo que poidan xurdir en Galicia, xa que a
súa principal prioridade é a protección do territorio forestal galego.
O
ARIEM 112 (Asistencia Recíproca Interrexional en Materia de Emerxencias) é un
proxecto de carácter multirrexional enmarcado dentro do Programa de Cooperación
Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Ten como obxectivo principal o
establecemento dun mecanismo de colaboración entre os Centros 112 que xestionan
e mobilizan recursos de emerxencias nas zonas transfronteirizas implicadas de
Galicia, Castela-León e Norte de Portugal, mediante a implantación de
ferramentas comúns informáticas e de telecomunicacións, a formación conxunta e
a implantación de protocolos de intervención comúns.
Entre
todas as administracións implicadas traballouse co fin de que os habitantes da
zona tranfronteiriza estean máis seguros e dispoñan dun óptimo servizo de
xestión e de atención das emerxencias; que a fronteira, en definitiva, non sexa
xa unha liña que divida senón que una rexións.
O
ARIEM 112 engloba a máis de cen concellos, preto de 600.000 habitantes e unha
extensión de case 17.000 quilómetros cadrados, que agora están atendidos no
eido das emerxencia por máis de 1.100 efectivos, contando protección civil, e
bombeiros das tres rexións, entre outros.