Asisto onte pola tarde na Casa de
Galicia en Madrid ao acto de inauguración de mostra "Arquitecto Daniel Vázquez
Gulías Martínez", proxectos, debuxos, fotografías e obxectos
persoais, organizada en colaboración co Centro Cultural Daniel Vázquez Gulías
M., e o Concello do Grove.
Un acto no que interviron o delegado
da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia José Ramón Ónega, os alcaldes
de Ourense e do Grove, Jesús Vázquez Abad e José Antonio Cacabelos Rico, e Lucila
Vázquez Gulías, avogada, neta do arquitecto Daniel Vázquez Gulías Martínez
(1869-1937) e presidenta do centro cultural cuxo obxectivo é a promoción e
difusión da obra de Gulías, tanto a nivel arquitectónico como documental,
industrial e material.
Ónega, tras as palabras de benvida,
sinalou que "é unha honra e un privilexio" para a Casa de Galicia
acoller esta exposición e contribuír a difundir en Madrid as obras e proxectos
que realizou o recoñecido arquitecto e dar a coñecer na capital, as obras e proxectos que
realizou o recoñecido arquitecto ourensán, que deixóu unha forte pegada en
Ourense, pero tamén en A Coruña e O Grove.
Daniel Vázquez
Gulías Martínez (1869-1937), nacido en Beariz (Ourense), estudou a carreira de
Arquitectura en Madrid e ampliou os seus estudos en Viena e Berlín, onde se
familiarizou coas inquietudes e movementos artísticos da época. Viaxou por
países como Siam, Estados Unidos, Cuba, e cidades como París, Berlín e
Budapest. Foi arquitecto municipal e diocesano de Ourense e pasou os últimos
anos na Coruña como arquitecto do catastro. Faleceu na Coruña e os seus restos
atópanse no panteón familiar deseñado por el mesmo, no cemiterio de San
Francisco de Ourense.
Rexionalismo, nacionalismo, modernismo (coas
múltiples influencias europeas) están presentes na obra de Vázquez Gulías, como
en case todos os arquitectos da súa xeración, a do 98. Canteiros,
ferreiros, carpinteiros, excepcionais artesáns, colaboraron co arquitecto na
enriquecedora fusión entre o culto e o popular que caracteriza a súa obra.
Entre as suas obras salientar na cidade das Burgas, a Casa
Junquera e a casa de Fermín García (actualmente Sede e Centro de exposicións de
Afundación), o Hotel Miño, a farmacia Saco e Arce, a Casa Novoa, o colexio
Santo Anxo ou o edificio da actual delegación de Defensa. E o destacable edificio
do Gran Hotel da Toxa, no Concello grovense.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad destacou que “debemos estar orgullosos de personaxes que,
como Vázquez Gulías, fixeron de Ourense o que é hoxe: unha cidade cosmopolita,
aberta ao mundo e cun potencial fantástico para as xeracións que virán. Unha
cidade mellor, en definitiva".
Pola súa banda, para José Antonio Cacabelos Rico, alcalde
do Grove, dixo que "falar do Balneario da Toxa en España, Europa e América é falar
dun lugar coñecido e famoso". Explicou que foi unha obra que simbolizou a
modernidade e a elegancia do turismo termal a principios do século XIX en
España. "Grazas á súa arquitectura ecléctica e a todo o conxunto do
complexo balneario, hoxe en día, a nosa illa é un referente incuestionable da
elite termal neste país".
A neta do insigne arquitecto Lucila Vázquez Gulías, salientou
que esta mostra persegue o mesmo obxectivo: dar a coñecer a D. Daniel, como
arquitecto pero tamén como persoa, á vez que tentar preservar o noso gran
patrimonio cultural. Que se coñeza, e que a súa proxección alcance a súa xusta
dimensión". Para Lucila, o seu avó era "un home xenial pero
sinxelamente humilde, traballador incansable e namorado da súa profesión".
Ademais, considera que a súa maior contribución ao mundo da arquitectura e polo
que destacou foi por algo que hoxe non se percibe moito nas edificacións,
"o humanismo, que debería ser a causa e fin último de toda
construción". O seu único soño foi "ser a alma da terra que máis
amou, Galicia e especialmente, Ourense".
A exposición, que a compoñen proxectos,
debuxos, fotografías e obxectos persoais de Vázquez Gulías, estará na Casa de
Galicia en Madrid ata o día 28 deste mes e poderá visitarse todos os días
laborables de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta