Informa
hoxe a Consellería de infraestruturas da Xunta de Galicia que convoca os días
26, 27, 28 e 29 de setembro aos
propietarios dos terreos afectados polas obras da vía de conexión da A-52 co
polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no treito A-52 –N-525, para
realizar o levantamento de actas de ocupación.
Trátase
do levantamento de actas previas á ocupación dos terreos para a execución desta
infraestruturas.
Como xa teño dito neste blog, o obxecto desta actuación é a construción
dunha vía de novo trazado, que contará con 4,5 quilómetros de lonxitude e
percorre os termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela. Unha vez
que estea en servizo reducirá o percorrido de conexión coa A-52 nun 66%, ao
pasar de 11 a 4,5 quilómetros, e, adicionalmente, mellorará a conectividade coa
autovía de Celanova.
O
trazado escollido é a alternativa máis viable e axeitada, compaxinando a menor
afección posible cos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes cos
requirimentos técnicos que ten unha vía destas características. Así, a nova
infraestrutura comezará no enlace de Gargantós da A-52, onde se conecta a
propia autovía co viario local e a autovía AG-31 (Ourense-Celanova). A vía
disporá de estruturas singulares como un viaduto de 510 metros sobre o rego de
San Benito, 6 pasos inferiores e un superior.
A
tramitación deste expediente expropiatorio, ademais de iniciar o proceso para a
obtención dos terreos para a execución das obras, é necesaria neste momento
para poder realizar as sondaxes xeotécnicas no punto exacto onde se situará a
cimentación das pías do viaduto previsto, e así contar coa máxima información
posible para a execución das obras.
O
polígono de San Cibrao das Viñas conta con 5 millóns de metros cadrados de
superficie; con máis de 300 empresas instaladas; e dá emprego a preto de 8.000
persoas. Trátase dun motor económico para toda a provincia que precisa das boas
conexións coa rede viaria de alta capacidade para incrementar a súa eficacia na
distribución de materias e mercadorías e xerar maior actividade.
A
Xunta, consciente de que esta zona industrial é estratéxica na provincia,
pretende impulsar unha conexión que atenderá a demanda empresarial e cidadá,
favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e ofrecerá
novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar. A
mellora das conexións suporá novas oportunidades para que o polígono se
converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e
de toda Galicia.
Celebro este novo paso para unha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento desta grán área industrial.