viernes, 20 de octubre de 2017

Celebrando os 25 anos do Parque Tecnolóxico de Galicia

Asisto hoxe a xornada conmemorativa do XXV aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia. 

Nela o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou  que o Parque Tecnolóxico de Galicia proxecta os obxectivos da nova Lei de implantación empresarial polas vantaxes de acceso ao solo industrial e por facer da innovación un foco para atraer investimentos.
De tal xeito, o solo empresarial dispoñible en venda rolda os 35 euros metro cadrado, pero tamén é posible adquirilo a través da cesión en dereito de superficie, que permite ás empresas instalarse nel durante 30 anos prorrogables cun custo anual de carácter simbólico ou mediante o alugamento con dereito a compra.
Así mesmo, incidiu en que este espazo tecnolóxico, tamén, está en condicións de atraer capital e novos proxectos empresariais por ser un polo de innovación en Galicia.
Sobre este punto, reiterou o compromiso do Goberno galego de facer da innovación a ferramenta para consolidar o crecemento económico e para diferenciar o traballo dos sectores estratéxicos da Comunidade. “Porque a innovación implica emprego cualificado, e implica, tamén, máis competitividade a nivel internacional”, dixo.
Feijóo aseverou que a Xunta seguirá apoiando as empresas para que integren a innovación e a tecnoloxía ao seu día a día, a través de iniciativas como as 24 Unidades Mixtas de Investigación e a Rede de Aceleradoras, que está a contribuír a desenvolver ao redor de 500 proxectos innovadores en sectores estratéxicos galegos.
En relación a este último aspecto, referiuse á colaboración entre Tecnópole e Agrobiotech, co obxectivo de fornecer proxectos de empresa relacionados co eido da biotecnoloxía, a agroalimentación ou a biomasa. “Dez proxectos desenvólvense xa na súa segunda edición e, a vindeira semana, este parque empresarial será a sede do II Encontro multisectorial Agrobiotech de innovación”, avanzou.
O responsable do Executivo autonómico subliñou que o Parque Tecnolóxico de Galicia ten, tamén, un claro compromiso coa divulgación científico-tecnolóxica, especialmente, entre os máis novos. De feito, máis de 20.000 visitantes participaron nas 11 convocatorias do certame Galiciencia ou nos sete cursos das Aulas Tecnópole dirixidos a escolares galegos.
Por outra banda, salientou que converter San Cibrao das Viñas no emprazamento da súa sede proba que o rural pode albergar industria, emprendemento, emprego e innovación. Non en van, pasados estes 25 anos, as case cen hectáreas de solo industrial que abrangue dan cabida actualmente a máis dun centenar de empresas, a cinco centros tecnolóxicos, e a máis de 1.200 traballadores.
Este parque conta, ademais, cun Centro de empresas e innovación que funciona como incubadora de novos proxectos, dispón dun Laboratorio de biotecnoloxía, dun Centro de tecnoloxías médicas avanzadas e dun Centro experimental de enerxías renovables. “En definitiva, estamos a falar dun espazo de referencia en Galicia dirixido a acoller, apoiar e potenciar iniciativas de marcado carácter innovador que apostan pola tecnoloxía e a investigación como unha forma de xerar valor e actividade económica”, resumiu.
Durante o aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, Feijóo valorou tamén os últimos datos de exportacións que confirman a senda ascendente iniciada hai catro anos, cunhas exportacións galegas que creceron no que vai de ano un 8,4% con respecto ao 2016. “E proban que Galicia conta cunha industria competitiva”.

O presidente da Xunta concluíu anunciando que no próximo mes de novembro se licitará a estrada que conectará o polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52, cun investimento inicial de máis de 24 millóns de euros, e co obxectivo, dixo, de seguir traballando por un polígono e un Ourense máis competitivos.