Hoxe, a titular de Medio Rural, Ángeles
Vázquez, presidiu a mesa de coordinación de accións técnicas post-incendios,
como primeiro paso na toma de decisións técnicas trala vaga de lumes. Nela
participaron preto de 40 persoas pertencentes a distintas consellerías. Así,
ademais de Medio Rural, con responsables do servizo de prevención e extinción
de incendios, de fomento forestal e das catro provincias galegas, tamén houbo
persoal da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; de
Medio Ambiente con portavoces de Augas de Galicia; e de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Tamén acudiu persoal da Consellería de Sanidade, de Política Social e do Mar,
así como representantes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A maiores,
participou o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias,
Alfredo García.
A conselleira destacou, tras este encontro
de traballo, a importancia de coordinar a información sobre o sucedido e a
actuación posterior, para optimizar os esforzos de todos os axentes implicados.
Trátase, engadiu, de “reforzar a coordinación e evitar a improvisación”. Neste
sentido mencionou en particular aos concellos, que segundo dixo teñen un papel
fundamental –ademais do da propia Xunta– nestas tarefas de recuperación e
agradeceu por iso a presenza neste encontro do presidente da Fegamp.
Técnicos de diferentes departamentos da
Xunta empezarán esta semana a traballar para avaliar a situación dos incendios
forestais e planificar as medidas necesarias de actuación sobre os terreos, co
fin de evitar o arrastre de cinzas e favorecer a recuperación da vexetación,
así como o control da calidade da auga. A conselleira do Medio Rural, Ángeles
Vázquez, explicou que se lle dará prioridade aos lumes que afectaron máis de
300 hectáreas, sen descoidar outros de menor extensión pero que afectaron zonas
sensibles.
Todos estes traballos forman parte da
actuación integral da Xunta fronte a vaga de lumes, que tal como explicou a
conselleira centrouse nun primeiro momento en extinguir os incendios para de
contado apoiar os damnificados mediante liñas de axudas específicas e que agora
se enfocan no territorio e o medio natural, para protexelo e fomentar a súa
recuperación.
Ángeles Vázquez sinalou que, entre
outras medidas, estudarase o uso de técnicas de protección do chan como o
mulching ou o helimulching (utilizar unha cobertura de palla nas zonas
queimadas, para evitar arrastres), así como a instalación de barreiras e mesmo
de mallas de xeo-téxtil en áreas a carón do mar, para protexer os bancos
marisqueiros. Ademais, a titular de Medio Rural dixo que nos traballos técnicos
participarán expertos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de
Lourizán, que coordinarán os estudos preceptivos para determinar as zonas e
medidas de actuación.
Protección e prevención forestal:
Por outra parte salientar que a Consellería de
Medio Rural vén de presentar unha serie de modificacións normativas dirixidas a
favorecer o cumprimento das esixencias legais por parte de todas as
administracións na protección e prevención forestal, así como unha serie de
medidas adicionais para reforzar estes ámbitos. A través da Lei de
Acompañamento dos Orzamentos de 2018 entregados onte no Parlamento de Galicia,
a Xunta fai un reforzo inmediato da lexislación coas iniciativas coas que se
vén traballando nas últimas datas. Así mesmo, estas propostas están abertas ás
achegas dos diferentes grupos políticos, con independencia do traballo
posterior que se deberá facer tamén no eido parlamentario.
Medio Rural da un paso máis a través destas
modificacións lexislativas reforzando a regulación para conseguir un maior e
mellor aproveitamento do monte e conseguir reforzar a loita contra o lume.
Unhas medidas que se suman ao decreto de axudas para os afectados aprobado esta
semana, á mesa para a adopción inmediata de medidas técnicas nas zonas
afectadas convocada para este luns ou ás diferentes reunións de coordinación
que se manterán coas administracións implicadas e colectivos de damnificados.
No que ten que ver coa xestión da biomasa (esencialmente limpeza de maleza e
ordenación das árbores), auméntase a distancia dos 30 aos 50 metros nos que non
pode haber árbores pirófitas (de fácil combustión) naqueles lugares onde está
demostrado que son de maior risco pola súa situación. É o exemplo das zonas con
pouca altitude ou pendente superior ao 10% e as caras norte das provincias de
Pontevedra e A Coruña, zonas nas que o vento de compoñente nordés sopra con
maior perigosidade cara as zonas habitadas. Esta norma é extensible tamén para
gasolineiras, cámpings e instalacións industriais nas que haxa material
inflamable.
Para complementar esta medida prohíbese totalmente a plantación de acacias a
menos de 50 metros de edificios e obrígase a que os eucaliptos e piñeiros
garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar. A maiores, as
vivendas illadas situadas en solo rústico, deben obrigatoriamente ter
xestionada do mesmo xeito a biomasa nos 50 metros que as rodeen, atópense á
distancia que se atopen dun monte.
A lei tamén prevé que á contorna das subestacións eléctricas e estacións de
telecomunicacións se lles aplique a mesma norma que ás das infraestruturas de
transporte e distribución de enerxía, que obriga á retirada de especies
pirófitas a menos de 5 metros de distancia dando un prazo aos responsables para
facelo antes de que se faga cargo a Administración quen, a través desta norma,
terá máis facilidades para actuar cando eles non cumpran.
Neste sentido, e tal e como contemplaba xa a Lei de incendios de 2007, as Administracións
Públicas están facultadas para facerse cargo desa xestión subsidiariamente
podendo repercutirlle os custos despois aos seus propietarios. A modificación
que se introduce agora o que trata é de permitir que se acelere o procedemento
para evitar que se demore no tempo esa limpeza e se poida facer canto antes en
beneficio do conxunto dos potenciais afectados. Nesta liña, resulta
especialmente salientable a introdución da posibilidade de declarar zonas de
actuación urxente e prioritaria aquelas sobre as que se precise actuar podendo
facelo de xeito rápido e simplificado en caso de emerxencia. A maiores
introduce a posibilidade de que a Administración poida vender a madeira cortada
para facer fronte aos gastos derivados.
Finalmente, entre as novidades destacadas introducidas, prevese que aqueles
montes veciñais en man común que non estean explotados ou estean en grave
estado de abandono, poidan ser declarados como tal pola Consellería do Medio
Rural e incorporado ao Banco de Terras para que aqueles que teñan necesidade de
terreo o poidan poñer en valor. Neste suposto os comuneiros con explotacións
agrogandeiras que precisen base territorial para as súas explotacións, terán un
dereito preferente de acceso.
Axudas
para a recuperación de vivendas:
A Xunta de Galicia habilitará nos vindeiros
días axudas para a recuperación das vivendas afectadas polos incendios dos días
14, 15 e 16 de outubro e para pagar o alugueiro do realoxo temporal noutro
inmoble.
Cando
as axudas teñan por finalidade a recuperación da vivenda habitual, poderán
cubrir ata o 100% do custo das obras de reparación, chegando a preto de 100.000
euros. O límite máximo do importe da axuda será o 75% do valor establecido para
as vivendas protexidas no municipio correspondente.
As
axudas á rehabilitación de vivendas afetadas polos lumes poderán solicitarse
tamén para a reparación de vivendas ocasionais (40.000 euros, aproximadamente),
construcións anexas á vivenda principal e enxoval doméstico (3.000 euros en
ambos os dous casos).
Estas
axudas serán complementarias das posibles compensacións económicas que paguen
as compañías aseguradoras. Ademais, cubrirán as obras de reparación mesmo aínda
que se teñan iniciado antes da apertura do prazo para solicitar a as axudas.
Poderán
solicitalas propietarios e usufructuarios das vivendas e disporán de prazo ata
2020 para executar as obras.
Ademais
de axudar economicamente á recuperación das vivendas afectadas polos incendios
da pasada fin de semana, a Xunta de Galicia habilitará tamén unha liña de
axudas, compatible coa anterior, para pagar o alugueiro dunha vivenda destinada
ao realoxo temporal das familias afectadas.
O
Goberno galego pagará ata 450 euros durante 2 anos polos alugueiros que se
formalicen con posterioridade ao día 14 de outubro como consecuencia da
necesidade de abandonar a vivenda habitual a causa da vaga de lumes.
Percibirán,
ademais, unha axuda extraordinaria de 600 euros para formalizar a fianza e as
altas dos subministros.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta