Recibimos hoxe a boa nova de que Galicia, Asturias e Castela e León defenderán
conxuntamente a integración do noroeste peninsular no Corredor Atlántico de
Transporte de Mercadorías.
Neste sentido, Santiago de
Compostela acollerá o vindeiro luns un acto institucional no que as tres
autonomías formalizarán a súa unión na defensa dunha modificación do trazado
dese corredor ferroviario que redunde na mellora da competitividade dos portos
do Noroeste.
Nese encontro, a conselleira
de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego, Ethel Vázquez, o conselleiro de
Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, e o
conselleiro de Infraestruturas, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do
Principado de Asturias, Fernando Lastra,
asinarán unha declaración institucional de apoio e impulso á incorporación do
noroeste ao Corredor Atlántico.
O terá lugar na Cidade da
Cultura de Galicia e nel os representantes dos tres Gobernos autonómicos
reivindicarán a necesidade de que estas autonomías formen parte do Corredor
Atlántico, pola súa rendibilidade económica e social e o seu potencial de
futuro.
Esta xornada contará coa
presenza e participación de representantes de diferentes departamentos da
Administración pública, así como de axentes sociais e empresariais. Entre
outros, están convocados, representantes das autoridades portuarias, das
cámaras de comercio e das principais agrupacións de empresarios.
A Declaración Institucional
ten como finalidade unir esforzos para defender que a redefinición do trazado
do Corredor Atlántico prevista para o ano 2018 sirva para reforzar a
competitividade loxística das tres autonomías. Así, defenderase que o Corredor
incorpore e priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado español cos
portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, a través de Palencia e
León.
Esta declaración é froito da
consideración dos mesmos criterios sobre a importancia do transporte, a
loxística e o comercio exterior e intracomunitario como motores do
desenvolvemento económico. Os tres Gobernos autonómicos comparten o carácter
estratéxico do Corredor Atlántico para contribuír á política de transporte da
Unión Europea; loitar contra o cambio climático, fomentando o uso do
ferrocarril e dos portos, e proporcionar maior competitividade á economía.
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es