Asisto hoxe no Parlamento de Galicia ao debate de Política Xeral sobre o estado da Autonomía.
Esta mañá o presidente Alberto Nuñez Feijoo pronuncióu este discurso:
"Señor Presidente do Parlamento;
Deputadas e deputados do Bloque Nacionalista
Tampouco podemos ser alleos ás reflexións políticas que produce este episodio, nin ás respostas que se lle dean desde diferentes ámbitos institucionais.
O Estado das Autonomías tamén é noso.
Recibirá resposta
Esta mañá o presidente Alberto Nuñez Feijoo pronuncióu este discurso:
"Señor Presidente do Parlamento;
Deputadas e deputados do Bloque Nacionalista
Galego, do Partido Socialista de Galicia, de En Marea e do Partido Popular de Galicia;
Autoridades que nos honran coa súa presenza na tribuna;
Galegas e galegos:
“Ser fiel ao meu mandato como presidente da Xunta, observar e facer cumprir a Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado, e exercitar as miñas funcións no interese supremo e exclusivo de Galicia e de España”. Prometino e reitero a miña promesa. Hoxe e cada día.
Porque ningún presidente autonómico pode obviar ou esquecer o significado destas palabras, en ningún momento e por ningunha causa. Eu traballo por Galicia, e sempre o farei, coa honra e coas obrigas que implican este compromiso, recollido no artigo 20 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, e que pronunciei por terceira vez hai algo máis dun ano.
Con esta promesa moi presente, comparezo tamén hoxe aquí. Esta é a sétima ocasión en que abro como presidente un debate sobre o estado da nosa Autonomía, que hoxe ten un horizonte moito mellor que en calquera dos anos anteriores.
O estado social e económico da nosa Autonomía é obxectivamente mellor que no primeiro debate da primeira lexislatura (en 2010) ou que no primeiro debate da segunda lexislatura (en 2013). Existen problemas, demandas e tamén novos retos por alcanzar, pero podemos afirmar que o arranque desta lexislatura foi o mellor para os galegos desde o inicio da crise e desde que estou ao seu servizo como presidente.
Por esa certeza de ter contribuído a unha Galicia mellor, e referendado pola maioría absoluta que o pobo galego nos outorgou o pasado ano, poderíase concluír que este é un debate menos difícil para o meu Goberno, menos difícil para min e menos difícil tamén para o partido maioritario nesta Cámara.
Pero saben, señorías? Dóeme Cataluña. Porque Galicia é España, e en consecuencia, o que ocorre no conxunto de España aféctalle a Galicia. E porque Cataluña é España e, en consecuencia, o que ocorre en Cataluña sentímolo tamén en Galicia.
Por iso, señorías, eu sinto que ningún outro debate neste hemiciclo se celebrou en momentos políticos tan infaustos.
Porque, se ben é certo que houbo outros ataques ao noso Estado de Dereito con anterioridade nunca antes se producira algo tan lamentable como que os golpistas fosen políticos, e que ademais forzas políticas supostamente democráticas fosen ambiguas no seu rexeitamento e mesmo obstaculizasen o xeito de afrontalo.
Defender a convivencia é imprescindible. Eu fágoo sen paliativos nin peros de ningún tipo, e pídolles pactar unha proposta de resolución neste sentido. Pero tamén creo que, por si só, isto é insuficiente.
Cómpre tamén seguir predicando co exemplo para que a nosa xente se sinta tranquila coa nosa postura ante o novo dilema sobre o que estamos obrigados a pronunciarnos. A democracia é votar –e facelo con garantías, en liberdade, baixo o amparo legal e nunha convocatoria imparcial- a democracia é votar pero tamén é respectar o que se vota –como a Constitución, os Estatutos de Autonomía e as leis que nos demos cos votos-. O contrario non é democracia.
E nesa disxuntiva, democracia si ou democracia non, en Galicia está clara a nosa resposta: en Galicia si, en Galicia democracia si. E subscribo, por iso, cada unha das palabras que dixo a Súa Maxestade El-Rei como Xefe de Estado na súa alocución onte pola noite.
Se reproducín o compromiso ao que me obrigan a Constitución e o Estatuto nada máis comezar a miña intervención –e que, non se esquezan, todos vostedes, señoras e señores deputados, fixeron tamén en termos semellantes para poder sentarse no escano que ocupan— é porque ninguén, absolutamente ninguén, se pode crer co dereito de romper (e moito menos unilateralmente) as guías de convivencia que como pobo nos demos cando as votamos.
Do contrario, o resultado alcanzado nas urnas sería unha mera pantomima que se acepta cando convén, pero que se pode burlar se non interesa. Por certo, xustamente ese é un comportamento recorrente nos réximes ditatoriais, como tamén cociñar votacións á marxe da democracia coa única garantía de que gañará o que máis interese a quen as convoca.
Señorías, mentres nós gobernemos, en Galicia nin se van cometer nin se van avalar os disparates que estamos a ver durante todos estes días.
Señorías, non se van cometer. Nin eu como presidente o propiciarei nin Galicia o permitiría. Con toda lóxica, as galegas e os galegos que cumpren as leis todos os días, e que acatan as sancións cando se vulneran, agardan que os seus representantes fagamos o mesmo.
Non imos cometer disparates nin os imos avalar.
Primeiro, porque non queremos que se sinta orfa a Cataluña aberta e pacífica que tampouco deixou solos os milleiros de galegos que emigraron a Cataluña (hoxe viven alí máis de 71.000 galegos nados aquí, ademais dos seus fillos e dos seus netos).
E segundo, porque –como logo explicarei detidamente– falar do futuro de Cataluña é falar tamén do noso futuro.
Señorías. A democracia converteuse en algo consubstancial ao noso país, por moito que lles pese a aqueles que aínda defenden o totalitarismo do século pasado ou ás novas correntes xurdidas neste século XXI.
A democracia galega, como no conxunto de España, ten o seu primeiro alicerce na Constitución que recoñece e garante a nosa condición de cidadáns libres e de pobo libre. Tanto a liberdade individual dos galegos como a colectiva quedan preservadas contra todo intento de cerceala.
A diferenza do sucedido noutros períodos da historia de España, os dereitos básicos non quedan a expensas do goberno de cada momento, senón que se consagran como un común denominador das forzas políticas democráticas. Neste catálogo de disposicións básicas que se blindan diante de veleidades e vicisitudes, está a estrutura autonómica do Estado e, polo tanto, está o autogoberno de Galicia.
O Estatuto que desenvolve a nosa Autonomía é o segundo alicerce da casa común que protexe a democracia galega. Emana da Constitución e, como ela, foi elaborado e ratificado polos galegos.
A Galicia democrática que hoxe escoita este debate é filla dese Estatuto e é filla desa Constitución. En consecuencia,
O ataque á Constitución por parte do independentismo é un ataque directo á democracia galega.
O desacato reiterado ao Tribunal Constitucional, aos tribunais ordinarios a aos xuíces, e aos órganos consultivos, é un desafío á democracia galega.
Tentar mudar pola forza o sistema autonómico do que nós tamén formamos parte é un asalto contra Galicia.
A subversión das normas que este Parlamento comparte con outras Cámaras autonómicas é un desafío ao parlamentarismo en xeral e, consecuentemente, ao galego.
Cando se ‘pisotean os dereitos’ dos cataláns tamén se atropelan os dereitos dos galegos.
É doado entender, por tanto, que a crise aberta de maneira unilateral por algunhas autoridades catalás non é algo alleo a este debate que iniciamos.
De consumarse unha ruptura mediante procedementos antidemocráticos, mediante procedementos golpistas, o Estado no seu conxunto quedaría danado, a estabilidade alterada, a convivencia viciada, a economía afectada, e o noso país non estaría á marxe das consecuencias. Por iso, defendemos todas as medidas que sexan necesarias para garantir que iso non vai pasar.
Subliñar que ese Estado que se impugna pola forza é un Estado democrático pode parecer superfluo. Pero non o é.
Nas peores artes da propaganda, adóitase dicir que ‘unha mentira mil veces repetida convértese en verdade’. Desgraciadamente foron máis de mil as veces que se ten cualificado o Estado democrático do que formamos parte os galegos como un Estado ‘represor’ ou un Estado ‘autoritario’.
Esta é unha das peores mentiras que se poidan escoitar nun país como o noso, que sufriu as consecuencias dunha ditadura, e non hai tanto tempo.
Por iso, non está de máis que, nesta sede, reiteremos que a España da que formamos parte é unha democracia plena homologable ás mellores democracias do mundo. Non vivimos nun réxime opresor que manexe ao seu antollo supostas colonias. Vivimos, señorías, nunha democracia plena.
Vivimos, señorías, nunha democracia e a insurrección do independentismo non se produce contra unha ditadura, senón contra unha democracia.
Non se fai por métodos democráticos, senón vulnerando todos os métodos democráticos.
Non se leva adiante con respecto ao discrepante, senón condenándoo á condición de parlamentario ou cidadán de segunda categoría.
Trátase, como reza o manifesto asinado por persoeiros que se presentaban como ‘de esquerda’, dunha ‘estafa antidemocrática’. A primeira estafada é Cataluña. Pero tamén todos os demais territorios de España. E, polo tanto, Galicia.
Así pois, en que lado, señoras e señores deputados, debe situarse un demócrata galego?
Porque hai debates nos que non convén a ambigüidade.
Ou se avala que se cuestionen as decisións dos xuíces, ou se condena.
Ou se avala o incumprimento da lei, ou se condena.
Ou se avala que se sinalen alcaldes, concelleiros e deputados pola súa ideoloxía, ou se condena.
Ou se avala que se amedrenten as súas familias, ou se condena.
Ou se avala que se intimiden xornalistas, ou se condena.
Ou se avala que se ataque ás Forzas e Corpos de Seguridade, ou se condena.
Ou se avala que se predique o supremacismo da metade dun pobo sobre a outra metade, ou se condena.
Señorías, ou se avala que se utilice os menores cando se están a cometer ilegalidades, ou se condena.
Nada, nada, nada do que está a facer nos últimos tempos o independentismo catalán pode inspirar Galicia.
Todo, todo, todo nos avergoña.
Porque, señorías, se todo isto non lles resulta abondo, temos que ter moi presente que esa rebelión está inspirada pola xenreira que produce nalgúns colectivos a xustiza solidaria entre os pobos de España.
Esta afirmación non é un mero prexuízo. Lembremos que o mesmo Goberno de Cataluña que instiga estas accións ilegais, négase a participar nos debates preparatorios do novo modelo de financiamento, malia ser esa comunidade a primeira beneficiaria do Fondo de Liquidez Autonómica, é dicir, da solidariedade dos galegos e do resto dos españois. Din ‘non nos escoitan’ e ao tempo deixan baleiro o seu espazo para o diálogo.
Non esquezamos, así mesmo, que o slogan ‘España nos rouba’ estivo na orixe da campaña independentista.
Dicir España é dicir tamén Galicia. E Galicia, señorías, non lle rouba a ninguén. A nosa xente conforma un pobo honrado e traballador. E o noso deber é defendelo. E para iso estou aquí.
Señorías, en que lado debe situarse un demócrata galego?
Ten que orientarse polos intereses do seu país ou converterse en voceiro en Galicia dunhas accións que van en contra da nosa xente? Eu teño clara a resposta, señorías.
Respecto o traballo xudicial para castigar os delitos evidentes que se están cometendo baixo a escusa do independentismo, e igualmente respecto o traballo político que tamén cómpre facer no asunto catalán. É necesario e, á vista do que está pasando, urxente.
Estou a favor de empregar a política pero non de que iso signifique dicir amén a todas as reclamacións soberanistas, como parece deducirse dalgunhas intervencións. Iso non reforzaría en nada a nosa democracia nin reforzaría Galicia. E señorías, un demócrata galego, se o é realmente, está sempre coa democracia e sempre con Galicia.
Por iso, quero transmitirlles aos galegos que, contra a insubmisión, a demagoxia e, tristemente, tamén o partidismo que hai detrás dos acontecementos políticos destas últimas semanas, o Goberno galego vai seguir movéndose en todo momento na legalidade, na moderación e no interese xeral.
Non hai equidistancia posible entre defender o Estado de Dereito e incumprir a lei. Nin en defender Galicia ou poñerse do lado daqueles que non pensan en Galicia en absoluto.
Agardo contar neste punto co apoio unánime deste Parlamento. De todos os xeitos, por se houbese algún partido nesta Cámara que prefira seguir ancorado na indefinición ou directamente a favor dos independentistas, garanto que Galicia seguirá protexida de quen pretenda danar a nosa democracia.
Tendo en conta todas as achegas que busquen a concordia que representa o noso pobo, a postura de Galicia non vai estar sometida, nin neste debate nin en ningún outro, á imposición de ningún partido político ao que eu lle deba o meu cargo e o empregue constantemente como moeda de cambio.
Señorías, eu só me debo ao meu país, o meu socio de goberno son os galegos e a miña coalición é con Galicia.
Así o quixeron os cidadáns cando expresaron un resultado contundente nas eleccións autonómicas do pasado ano. E ese mandato, por suposto, tamén o imos respectar.
Isto cobra grande importancia nos últimos tempos porque moitos dos problemas de desgoberno que estamos a vivir no conxunto de España explícanse precisamente poloabuso que exercen algunhas forzas políticas que non son capaces de gañar nas eleccións legais e democráticas.
As negociacións dos orzamentos en cidades e vilas, en comunidades e, como estamos vendo estes días, tamén no Goberno central, é un exemplo recorrente disto.
Este hemiciclo foi testemuña anos atrás de como conselleiros socialistas tiveron que aceptar que todas as súas decisións estivesen sometidas á última palabra dos nacionalistas.
Igualmente, son moitas as voces que sitúan o xerme do problema catalán na dependencia que os sucesivos gobernos nacionais tiveron dos nacionalismos en España. A máis recente, a do Goberno socialista de quen actualmente está á fronte do desafío independentista en Cataluña.
E a tiranía dalgunhas minorías queda máis patente que nunca agora, cun Goberno catalán convertido nunha marioneta en mans de partidos abertamente radicais e antisistema que decidiron o quen, o como e o cando de todo o que está a acontecer.
Para evitar estes efectos perversos, sigo pensando, e nestes tempos aínda con maior claridade, que, dentro das reformas políticas que necesita España, se debe traballar para blindar as administracións fronte á chantaxe daqueles partidos que non aceptan o papel que lles outorga a democracia, e que actúan pensando que só eles teñen que ser os protagonistas porque o país lles parece secundario.
Fago esta proposta desde a lexitimidade que me dá ser o único presidente autonómico en España apoiado por un partido que ten maioría absoluta. Ser, polo tanto, o único presidente que está á marxe deste problema. Porque Galicia, xa que así o quixeron os galegos, segue a ter asegurada a súa gobernabilidade durante todos os próximos anos.
Pero que o problema non o sufra Galicia directamente neste momento, non significa que o problema non exista. Por iso, defendo manter límites. Límites a que un só partido poida decidir o futuro de todos en todos os asuntos, por suposto, pero evitando tamén que haxa outro –e por riba minoritario- que sexa quen de poñer diques que nos impidan a todos avanzar.
Porque señorías, a negociación é enriquecedora, pero a parálise non.
Afortunadamente, Galicia progresa. Ten neste momento a melloría económica e a unidade social para poder facelo, e ademais conta coa estabilidade política necesaria.
En primeiro lugar, porque en Galicia hai un Goberno responsable que cumpre as normas do Estado ao que pertencemos, e as normas da Autonomía, e que, en consecuencia, ten as mans libres para autogobernarse.
Por iso mantivemos o autogoberno, fronte a outras comunidades, na práctica rescatadas.
E por iso é impensable que os tres poderes do Estado –o executivo, o lexislativo ou o xudicial- se vexan obrigados a reprobarnos e mesmo a intervir as nosas contas.
E en segundo lugar, porque en Galicia hai un goberno dedicado a xestionar a realidade, non a emendar o pasado ou elucubrar sobre un futuro desde a falacia.
O efecto máis claro disto é que lles poida anunciar algo que non debería ser noticioso, pero que na España de hoxe certamente o é.
A diferenza de tantas cidades e concellos galegos, a diferenza tamén de tantas comunidades autónomas, e a diferenza das dificultades do Goberno central, Galicia volverá ter presupostos o próximo ano. Cando e como corresponde, en tempo e forma.
Para calquera goberno é importante ter no momento axeitado unha folla de ruta onde determinar as prioridades de cada exercicio, pero se cadra aínda máis nun 2018 en que a Xunta terá a maior marxe de actuación orzamentaria desde o inicio da crise. Por catro motivos básicos.
O primeiro, porque o crecemento económico e da recadación tradúcese nun maior nivel de recursos: a previsión é contar con preto de 500 M€ máis que no ano 2017.
O segundo, por un mellor aproveitamento dos fondos europeos: neste primeiro ano, xa fomos capaces de deseñar un novo sistema de xestión acorde ás esixencias da Unión, que permitiu converternos na comunidade con máis operacións aprobadas (xa representan o 23 % do total do Feder programado ata 2020, cinco veces máis que a media das rexións europeas).
O terceiro, porque ser a comunidade que menos aumentou a débeda nos últimos anos permítenos que xa a finais deste ano vexamos reducida a ratio débeda/PIB, e en 2018 aínda con máis intensidade. É dicir, que teremos menos gastos financeiros.
E o cuarto, ser unha comunidade cumpridora (cumprimos co obxectivo de déficit no ano 16, cumpriremos outra vez neste ano, e lles aseguro que volveremos cumprir opróximo), fixo que o Goberno central crease un mecanismo de financiamento específico e a custo practicamente cero, que xa nos permitiu un aforro de 346 M€ desde 2015 e aos que se sumarán outros 80 M€ en 2018.
En suma, máis recursos que terán o seguinte destino:
Menos impostos.
Máis axudas ás familias.
Unha importante ampliación do sistema de atención á dependencia.
Máis investimentos na Sanidade Pública.
Máis recursos para innovación.
E máis medidas para o fomento do emprego.
Porque señorías, o progreso do noso país e o benestar da nosa xente seguen a ser os nosos principais cometidos. É a base do programa electoral que avalaron a maioría dos galegos, e o eixe do meu discurso de investidura. Cumprímolo neste primeiro ano de lexislatura e ímolo seguir cumprindo.
Quero subliñalo porque resulta tremendamente inxusto que os mesmos cidadáns que sufriron, afrontaron e están superando unha crise económica histórica, vexan aberta agora unha crise institucional sen precedentes.
O único logro certo dos soberanistas é conseguir que en España se fale máis deles que da xente que está no paro, que da xente que ten contratos precarios, que da xente que ten dificultades en chegar a fin de mes. Non lles parece lamentable que se dedicados máis esforzos aos independentistas que á xente que ten dificultades económicas?
A min si, e reitero o meu compromiso de que a inestabilidade doutras administracións non se traslade a Galicia. As galegas e os galegos non están na busca da autodeterminación, nin moito menos se moven na insubmisión. Ao que se dedican basicamente é a loitar todos os días por un mellor futuro para eles e para os seus. E merecen contar con nós en todo momento.
Presenteime ás eleccións para que Galicia seguise sendo unha Comunidade estable. Para que Galicia funcionase e con racionalidade, como fan os galegos. O meu pobo segue tendo todo o meu compromiso e o seu Goberno ten o compromiso ineludible de cumprir.
Señorías, sen caer nos erros dun optimismo desmedido, o contexto élle a Galicia cada vez máis favorable.
A recuperación consolídase, cun crecemento superior ao 3 % nos últimos tres anos, e coa previsión do 2,7% para 2018.
Avanzamos tamén na converxencia coa Eurozona (2,8 puntos nos dous últimos anos) e o pasado 2016 logrouse o maior nivel de converxencia coa media estatal (89,1 %).
A mellora económica tamén se reflicte na recadación (o pasado ano, a dos principais impostos en Galicia aumentou un 3,2 %, máis que a media nacional, e este ano a evolución tamén é positiva).
E, loxicamente, iso ten unha repercusión directa no obxectivo fundamental do noso país: a creación de emprego, que é constante desde hai máis de tres anos.
Non en van, os últimos datos do paro rexistrado, que coñecemos onte mesmo, confirmaban esa tendencia: 10.279 persoas desempregadas menos que hai un ano.
Hai 19.373 afiliados máis que hai un ano.
E seguen presentando tamén un mellor comportamento colectivos prioritarios como os mozos, as mulleres e os parados de longa duración.
A situación actual, por tanto, permítenos manter o obxectivo que fixamos a este respecto no Plan Estratéxico 2015-2020, e que asumín hai un ano no discurso de investidura, que non é outro que reducir a taxa de paro ao contorno do 10 % a finais da lexislatura.
Para contribuír a iso, saben que estamos desenvolvendo a Axenda 20 para o Emprego, que só neste 2017 supuxo activar máis de 100M€ en programas de apoio para preto de 20.000 persoas desempregadas e máis de 22 millóns para mellorar a formación doutras 12.000 que están traballando.
Formación á carta deseñada polas propias empresas, axudas de ata 7.000 € para incentivar a contratación de mozos, o Plan Emprega en Feminino, accións específicas para promover o emprego no rural, no naval ou na automoción... son exemplos dunha batería de medidas que se viron reforzadas con máis recursos neste primeiro ano de lexislatura, e que nos permitiron chegar a quen máis o precisa e onde máis se necesita.
O noso compromiso é continuar nesta liña, e gustaríame destacarlles dúas próximas decisións: a reforma dos obradoiros de emprego e a reforma do Servizo Público de Emprego.
A reforma dos obradoiros de emprego, para que teñan unha vinculación máis real co tecido produtivo das comarcas onde se realizan.
E tamén a reforma do Servizo Público de Emprego, tanto para reforzar o número de orientadores como para revisar os métodos e lograr unha maior eficacia.
Pola súa importancia no noso tecido laboral, neste punto quixera tamén referirme especificamente aos autónomos. Saben que elaborar unha folla de ruta para este colectivo foi unha das prioridades que nos marcamos o pasado ano. Pois ben, a Xunta está cumprindo.
A Estratexia de apoio aos autónomos galegos xa está en marcha para que esta sexa a comunidade coas maiores facilidades para ser autónomo grazas a medidas como: a ampliación da tarifa plana de 50 euros, a creación do Bono Autonómo de ata 3.000€ ou a ampliación en 6 semanas adicionais da bonificación para conciliar polo nacemento dun fillo, e abríndoa tamén aos pais.
Señorías, como xa teño afirmado en varias ocasións, este tipo de medidas son básicas para a realidade laboral que é conxuntural neste momento. Pero seguimos tendo claro que deben estar acompañadas, necesariamente, dun compromiso a longo prazo, que prepare as próximas xeracións e tamén as actuais para as demandas que xa teñen os sectores produtivos e tamén as que terán mañá.
Facelo é inevitable tendo en conta, por exemplo, que, segundo os últimos informes, de aquí a 2030 a economía española incrementará en 2 millóns os postos de traballo aos que estean vinculados á automatización e á dixitalización. Na miña investidura, dixen que Galicia non pode quedar atrás neste reto e creo que se están a dar pasos importantes.
A preparación comeza, loxicamente, desde o momento en que un rapaz ou unha rapaza entra na escola pública, mais hai outros tres ámbitos aos que tamén atinxe e nos que seguimos traballando nesta lexislatura:
Primeiro, a formación profesional. Como resultado da ampliación de prazas (un 47% máis que en 2009) e da aposta xeneralizada pola FP dual, hoxe estes estudos xa teñen maior demanda que os estudos universitarios e, o máis importante, a empregabilidadena Formación Profesional está no contorno do 80%.
Debemos perseverar e, con ese fin, anúnciolles que imos impulsar o primeiro campus dedicado exclusivamente á formación profesional en Galicia, no que varios centros punteiros de FP compartirán un espazo onde se fomentará a innovación e o nacemento de novas empresas.
Segunda área, na Universidade: é fundamental o traballo que xa iniciaron as tres universidades para trazar un novo mapa de titulacións, adaptado ás demandas profesionais e á especialización dos campus, algo no que Galicia é pioneira e que merece un recoñecemento expreso aos equipos reitorales.
A maiores, tamén lles anuncio a próxima elaboración do Programa de excelencia universitaria, que incluirá graos en inglés por primeira vez, bolsas para os alumnos con maior rendemento, ou accións para mellorar a posición das universidades galegas nas clasificacións internacionais.
A FP, a Universidade e tamén a formación das persoas que xa están actualmente no mercado laboral. Ese é o terceiro piar.
Temos o compromiso de desenvolver un Plan de adaptación dos perfís profesionais á nova industria. É dicir, aumentar a súa capacitación en materias como a industria 4.0 e a innovación.
Señorías, é unha obriga que os traballadores de hoxe e do futuro se adapten ás necesidades do tecido produtivo, pero neste punto gustaríame deixar constancia tamén da necesidade de que esta afirmación sexa recíproca. As empresas tamén deben adaptarse aos seus traballadores.
Fago esta afirmación coa lexitimidade que creo que nos dá aplicala nas nosas políticas de emprego público, coa intensidade que nos permitiu cada momento.
A día de hoxe, máis de 8.000 empregados públicos contan coas vantaxes da flexibilidade horaria e do teletraballo. Desde o ano 9, máis de 6.800 empregados públicos víronse beneficiados dos concursos de traslados.
E, como lles solicitamos un esforzo importantísimo durante a recesión, estamos intentando devolvelo coa mellora económica. Por iso, fomos unha das primeiras comunidades en repoñer os días adicionais de descanso e libre disposición. Por iso, os empregados públicos de Galicia xa comezaron a recuperar o seu nivel adquisitivo, cunha suba media dos soldos de 1.400 € por traballador no último ano.
E por iso, temos o compromiso de garantir nesta lexislatura o emprego público, e coa maior estabilidade posible. Así, anúnciolles que ata 2020 levaremos a cabo unha oferta pública de emprego case sen precedentes: 14.000 novas prazas de oferta pública de emprego, novas prazas que situarán a taxa de temporalidade do emprego público no contorno do 7 por cento, é dicir, en termos de práctica estabilidade.
Na mesma liña en que practicamos isto no ámbito público, insisto –e así llelo transmitín aos representantes da patronal- en que a mellora do emprego que xa é unha realidade debe seguir medíndose en cantidade, pero tamén en calidade, no conxunto de Galicia. É dicir, en melloras salariais e mellores condicións para os galegos que traballan en empresas que xa levan en beneficios nos últimos anos.
En mellores salarios porque é xusto que os empregados reciban parte dos réditos que están xerando tamén co seu esforzo, derivados da mellora na produtividade dos sectores económicos onde traballan.
E en mellores condicións, a través de facilidades para conciliar e da revisión dos horarios de traballo, porque este segue a ser un dos principais hándicaps da realidade laboral en toda España.
E, por certo, non esquezamos que tanto os salarios como a conciliación terían seguramente o maior impacto na tarefa de asegurar a viabilidade do sistema de pensións.
Señorías, se podemos falar nestes termos, se podemos optar con claridade por políticas máis expansivas, é porque, como lles dixen desde o inicio, a situación económica permite facelo. Déixenme poñerlles algúns exemplos:
No mar, un sector que en 2009 perdía peso no PIB e emprego, rexístrase un crecemento superior ao da economía galega no seu conxunto. De feito, o valor das vendas de peixe e marisco fresco acadou en 2016 a mellor cifra dos últimos 20 anos.
No agro, no que levamos de 2017 as afiliacións subiron case en 3.300 persoas, un 8 % máis, e no último ano Galicia foi a comunidade na que máis subiu o prezo do leite (un 11,4 %).
Na industria, de ter sectores que semellaban esmorecer, como o naval ou a automoción, estamos recuperando niveis de actividade previos á crise. Os datos máis recentes falan dun aumento da produción industrial do 4,7% no último ano, e a entrada de novos pedidos na industria galega medrou un 9,1% neste ano.
E no sector servizos, de rexistrar caídas de ata o 13,8% en febreiro de 2009, levamos máis de tres anos en positivo, case dous anos evolucionando por riba da media, e con incrementos acumulados este ano no contorno do 9%.
Todas estas afirmacións, por suposto, admiten matices, pero non caben negativas a que nos últimos anos se puxo de manifesto unha capacidade de superación do pobo galego que é innegable.
Avanzamos cando había as maiores dificultades e, agora que se reduciron notablemente, podemos e debemos facelo con máis intensidade. É o que propuxemos no programa electoral, é o que apoiaron os galegos cunha maioría excepcional, e é o que estamos a facer.
Por tanto, con responsabilidade, loxicamente, para non volver atrás, manteño os obxectivos cos que me comprometín hai un ano no ámbito económico, e nos que durante estes primeiros doce meses avanzamos. Refírome a que esta sexa a lexislatura dos sectores primarios, que cada vez máis emprendedores se embarquen na innovación e que Galicia siga ampliando a súa presenza e influencia no ámbito internacional.
Señorías, se Galicia pode seguir fiando boa parte do seu futuro económico aos sectores primarios é porque manteñen intacta a súa principal fortaleza para competir no mercado.
A capacidade dos traballadores de obter o mellor rendemento dos nosos recursos naturais fai que a calidade dos produtos do rural e do mar siga a ser incuestionable.
Precisamente por esa razón, no primeiro ano de lexislatura reforzamos a aposta por transformar e comercializar os produtos galegos coa calidade como marca, convencidos de que dentro de Galicia, no conxunto de España e tamén no eido internacional, se compite a través da diferenciación.
O Plan de Conserva horizonte 20/20 recentemente aprobado, e o compromiso de facelotamén no sector do conxelado. Novas indicacións xeográficas protexidas como Vaca e Boi de Galicia ou Pan galego. A promoción de marcas de calidade consolidadas como PescaDeRías ou leite de Galega 100%. Ou o apoio ás exportacións do sector vitivinícola, que medraron un 68,5 % nas últimas cinco campañas. Todo iso, son algúns exemplos salientables dun camiño polo que queremos seguir. De feito, confírmolles que xa estamos deseñando dous instrumentos destacados: o Plan de promoción da calidade agroalimentaria e o Plan estratéxico de produción ecoloxica.
O Plan de promoción da calidade agroalimentaria, para que Galicia siga na vangarda dos produtos de excelencia, con máis IXP, máis produtores e máis industrias implicadas, e máis instrumentos para loitar contra a competencia desleal neste ámbito.
E o segundo instrumento, o Plan estratéxico de produción ecolóxica, un sector de grande importancia para Galicia, con posibilidades de crecemento e cunha notable presenza de mulleres e mocidade, e que, polo tanto, precisa dun impulso normativo, económico e fiscal.
Señorías, este esforzo no último elo da cadea non nos fai esquecer nunca que o principal apoio debe ser para os galegos que xeran estes produtos do rural ou do mar.
Especialmente neste último sector (o do mar), o primeiro ano de goberno resultou bastante frutífero para que hoxe teña, por exemplo:
Máis recursos: o novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca puxo á disposición case 500 M€ ata o ano 20.
Máis cotas para a nosa flota: un 20 % máis no último reparto.
Máis zonas de marisqueo, xa que continuamos a recuperación de zonas improdutivas (con máis de 8 millóns de metros cadrados recuperados desde 2009).
Máis posibilidades de desenvolvemento do litoral: somos a comunidade máis avanzada no apoio aos grupos que traballan por abrir novas vías de riqueza no litoral.
E a todo isto, avánzolles que se sumará tamén unha maior simplificación das normas para facer máis sinxela a súa consulta e aplicación.
Con todo, os retos máis relevantes do sector do mar que afrontamos neste tempo, e que aínda non se pecharon, resolveranse no ámbito europeo. Refírome á eliminación da normativa dos descartes e ao impacto do brexit. En ambos os dous estamos traballando:
Da man do sector, e espero que tamén co apoio de todos os grupos parlamentarios.
Apoiándonos nos expertos, aos que lles quero agradecer o seu labor.
E buscando aliados que contribúan á defensa dos nosos intereses. Eu mesmo trasladei ás nosas demandas en Bruxelas e o vindeiro mes terei oportunidade de volvelo facer participando na conferencia sobre o brexit organizada polas rexións marítimas da Unión, que terá lugar en Cardiff.
Señorías, ante o brexit, procuraremos que Galicia estea máis presente que nunca en Europa.
Ocúpanos tamén seguir facilitando novas oportunidades no agro. E isto pasa loxicamente por perseverar nas tres liñas de actuación que trazamos nos últimos anos.
Primeiro, perseverar no obxectivo dun medio rural con servizos semellantes aos que xa hai nos ámbitos urbanos.
Por iso, estamos apoiando a instalación de conexións tecnolóxicas de ata 350 megaspara as empresas situadas en zonas illadas.
Ou por iso temos en marcha un Plan de camiños rurais, que xa nos permitiu melloras en 1.800 km de 295 concellos.
En segundo lugar, perseverar na mellor organización da terra, que é unha tarefa que leva tempo, pero no que xa avanzamos moito e que ademais traballamos para axilizar.
Manteño o compromiso de que nesta lexislatura se dea o maior impulso á reestruturación parcelaria, co obxectivo de que todos os procesos de concentración abertos estean pechados administrativamente en 2020: 130 expedientes, sobre 116.000 hectáreas, e con 92.000 propietarios beneficiados.
Igualmente, manteño o compromiso de que este esforzo para mellorar a ordenación se estenda ao ámbito forestal: apostando polas agrupacións de propietarios para a xestión conxunta dos montes, unha figura na cal observamos un interese crecente e que facilitaremos notablemente nos próximos meses; mellorando os equipamentos das zonas de pastoreo extensivo das provincias de Pontevedra e Ourense; e tamén completando a revisión do Plan forestal, que xa iniciamos neste primeiro ano co ánimo de fixar obxectivos claros dos aproveitamentos dos montes para as dúas ou tres décadas próximas.
Así pois, no agro, tentamos mellores servizos, mellor organización e, sobre todo, as maiores facilidades para vivir no rural e do rural.
Adiantar os pagos da PAC, reforzar as axudas para os mozos que desenvolvan un proxecto no agro, ou para a remuda xeracional nas explotacións teñen ese obxectivo.
Pero saben, señorías, que máis aló de apoios puntuais, a nosa política económica no rural é ambiciosa. Na miña opinión, das máis ambiciosas que houbo en Galicia. E pese a iso, xa lles digo que non nos conformamos.
Díxenlles hai un ano que toda a sociedade, empezando polo Goberno, tiña que comprometerse neste eido. Estámolo facendo e por iso, anúnciolles que o vindeiro ano volveremos reforzar o Plan de Impostos Cero no rural.
Desde o ano 16 hai impostos cero para calquera persoa que merque, amplíe ou permute unha parcela. Non o hai en ningún outro lugar de España.
Desde este ano, impostos cero para os mozos, as familias numerosas ou as persoas con discapacidade que adquiran unha vivenda no rural.
Pois ben, o próximo 2018 aprobaremos unha nova redución fiscal –que logo lles concretarei- para aqueles investimentos que xeren algunha actividade económica no rural.
E tamén melloras na fiscalidade para os investimentos ligados ás Sociedades de Xestión Forestal.
É dicir, por terceiro ano consecutivo, quen aposte polo rural pagará menos impostos.
Señorías, hai un ano presenteilles tamén a necesidade de avanzar con maior intensidade no camiño da innovación. En todos os sectores, e con carácter especial, na industria.
Son consciente, e así o dixen, de que nos últimos anos a maioría dos emprendedores centraron o seu esforzo en sobrevivir. Na Xunta sabémolo ben porque nas últimas lexislaturas outorgáronse máis avais e préstamos que en toda a historia da comunidade, e aínda segue a haber unha alta demanda dos distintos programas de financiamento que temos a disposición. O programa de financiamento Galicia 1000, por exemplo, prevé chegar este ano a 3.000 pequenas e medianas empresas.
Con todo, tamén neste punto a situación é máis esperanzadora.
As alianzas producidas nas cooperativas lácteas e os novos proxectos de transformación no sector lácteo fan prever un maior valor engadido nesta industria.
O liderado forestal segue sendo unha realidade, e agardamos que a mantelo contribúa a Axencia da Industria Forestal que desde a próxima semana estará aprobada, como comprometín hai un ano.
A puxanza do sector téxtil demóstraa o incremento das exportacións nun 12% nos primeiros meses do ano; recuperouse a carga de traballo nos estaleiros do naval galego, onde volvemos ser líderes en números de contratos este ano.
Na automoción, os novos encargos conseguidos pola planta de PSA en Vigo suporán investimentos de 3.000 M€ e carga de traballo para un mínimo de 10 anos.
E fomos quen de abrirnos a novos e punteiros sectores como a aeronáutica, que avanza da man do polo tecnolóxico de Rozas en Lugo.
Temos, polo tanto, un presente económico máis estable que nos permite poder afrontar con máis determinación o mundo que vén. E iso pasa por incorporar á innovación ao día a día das empresas.
A vontade existe e o compromiso da Administración tamén. De feito, Galicia é a quinta comunidade onde máis creceu o investimento privado en I+D+i entre 2013 e 2015; e neste mesmo período Galicia foi a segunda comunidade con maior incremento do gasto público neste eido. A intención da Xunta é afondar con máis intensidade nese camiño, e de feito, o presuposto de innovación será un dos que máis medre dentro da Consellería de Economía.
Non se trata dunha decisión puntual, senón dunha decisión consecuente. É a continuación lóxica do traballo que levamos facendo nos últimos anos para que, do mesmo xeito que Galicia xa se asocia coa calidade, poida cada vez máis ser asociada coa innovación.
Neste último ano, ao abeiro da Estratexia de especialización intelixente RIS3, afondamos nas tres liñas de actuación xa coñecidas por todos vostedes: a primeira, potenciar Galicia como unha das sedes de I+D+i; a segunda, fomentar a innovación nas empresas; e a terceira recuperar e reforzar o talento.
Potenciar Galicia como unha das sedes da I+D+i, comprometémolo e cumprímolo. A nosa Comunidade está sendo quen de atraer a Galicia proxectos punteiros das grandes multinacionais. O Programa de Unidades Mixtas de Innovación atraeu xa 24 grandes empresas, que están a colaborar cos nosos centros de coñecemento para impulsar proxectos de vangarda, sermos máis competitivos e xerar empregos cualificados.
Sectores como o enerxético, o alimentario, o naval ou a automoción son algúns dos beneficiados, e tamén o biosanitario (por certo, Galicia se converterá na sede da primeira incubadora de España dedicada á investigación para descubrir novos fármacos).
A segunda gran liña de actuación é fomentar a innovación nas empresas. Comprometémolo e cumprímolo.
A industria 4.0 é unha realidade para moitas empresas galegas e xa unha referencia para o que se coñece como fábrica do futuro.
A través da Axenda Industria 4.0, logramos mobilizar 342 M€, chegar a 4.200 empresas e crear 11.500 novos empregos na industria. E nos vindeiros meses imos redobrar esta aposta. E así:
Ademais de renovar as convocatorias xa en funcionamento, como a que permitiu a Citröen ou Televés reforzar a conversión cara á fábrica intelixente, reforzaremos a Rede de Aceladoras, cun programa de proxectos aeroespaciais en Lugo (a carón de Rozas).
E poñeremos á disposición novos mecanismos de financiamento neste ámbito, como o Programa dos instrumentos financeiros innovadores, que aprobaremos esta mesma semana cun investimento inicial de 60 M€ para emprendedores que se animen a modernizar os seus procesos.
A terceira liña da nosa aposta pola innovación é o talento. Comprometémolo e cumprímolo.
Galicia ten e manterá abertas varias liñas de apoio para que os nosos investigadores queden ou volvan a Galicia a exercer a súa carreira.
Pero, ademais de recursos, seguiremos completando a especialización das universidades, na que levamos inmersos desde hai anos.
Seguimos comprometidos co liderado que exercen o Campus do Mar en Vigo e o Campus Vida de Santiago, de excelencia internacional. Fortalecerémolos:
No caso do Campus do Mar, a través dos edificios do Berbés e da ETEA.
E no Campus Vida, cunha nova Facultade de Medicina e Enfermería referente para toda Galicia.
Ademais, fomos pioneiros á hora de apostar pola especialización dos campus non centrais. O resultado é o Campus Terra de Lugo, o Campus Auga de Ourense e o Campus Industrial de Ferrol. E seguiremos por este camiño, por exemplo:
Co Campus Innova e Campus da Sustentabilidade da Coruña, ou co campus Crea de Pontevedra.
Señorías, o apoio aos sectores primarios e á innovación súmanse á internacionalización, onde, sen ningunha dúbida, temos máis camiño andado.
Despois de que os anos 13, 14 e 15 fosen os anos de maior importancia da nosa historia, en 2016 volvemos bater un récord histórico, con vendas ao exterior por valor de máis de 20.000 M€.
E os datos dos primeiros sete meses, en que as exportacións medraron nun 9,3%, anímannos a pensar que en 2017 volveremos a resultados récord.
Señorías, o Goberno galego apoia e seguirá apoiando as empresas galegas para que os seus produtos estean cada vez máis presentes no mundo.
Facémolo cando defendemos os intereses dos galegos en debates como as negociacións do brexit, ou cando participamos e presidimos os instrumentos de carácter supranacional, como a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
E facémolo tamén cando acompañamos os emprendedores nos destinos con máis posibilidades. A última ocasión na que tiven a oportunidade de facelo foi na visita a China –a segunda potencia mundial por PIB- o pasado mes de xuño. E seguirémolo facendo sempre que poidamos.
Para que Galicia estea no mundo, señorías, e tamén para que o mundo estea en Galicia. En relación a isto último, nas últimas semanas este Parlamento deu luz verde á tramitación dunha lei que, na nosa opinión, terá unha importancia capital: a Lei de implantación empresarial.
Nos últimos anos demos pasos de gran relevancia para facilitar os investimentos en Galicia.
Eliminouse con carácter xeral a obriga da licenza previa.
Aprobáronse incentivos fiscais para os emprendedores.
Abaratamos e flexibilizamos o acceso ao solo industrial, ata o punto de que nos últimos dous anos vendemos o 37% do que había en Galicia en 2015. É dicir, adxudicamos máis de 1 millón de metros cadrados.
Fixemos unha aposta sen precedentes pola tecnoloxía, primeiro logrando que todos os galegos teñan acceso á banda larga, e agora traballando para que o fagan tamén convelocidades máis altas. Por exemplo, a finais do ano que vén, o 93% da superficie ocupada dos polígonos contarán con Internet de máis de 350 megas.
E igualmente, destinamos máis recursos ás infraestruturas enerxéticas, continuando a desenvolver o concurso eólico, a estratexia de biomasa, ou o Plan de gasificación de Galicia, que segue o seu rumbo para que a finais de lexislatura o 82% dos cidadáns e das empresas conten con acceso a gas natural. Neste eido, anúnciolles que tamén desenvolveremos traballos para introducir o gas natural no transporte pesado de mercadorías por estrada.
Con todo, son consciente de que Galicia debe reforzar a súa posición, fundamentalmente pola competencia que exerce a nosa contorna, e moi especialmente,o norte de Portugal.
A Lei de implantación empresarial nace coa vocación de non igualarnos rebaixando os salarios. Non queremos que Galicia se converta nun país low-cost. Propoñémonos competir con máis facilidades e máis incentivos para os investidores, mantendo as garantías ambientais, sectoriais e urbanísticas. De feito:
Ademais da maior aposta feita nunca pola Xunta para eliminar trabas administrativas e desenvolver polígonos á carta, que se axeiten ás necesidades das empresas e non ao revés. A norma incluirá tamén incentivos aos municipios que axuden, aos que municipios que reduzan os impostos no seu termo municipal, aos municipios que reduzan, para os novos investimentos, o Imposto sobre bens inmobles, o Imposto sobre actividades económicas, o Imposto sobre construcións, instalacións e obras ou taxas de apertura.
E a iso sumaremos tamén o compromiso de eximir do imposto de actos xurídicos documentados a todas aquelas transaccións de solo empresarial que se realicen por parte das administracións a partir do 1 de xaneiro de 2018.
En consecuencia, calquera empresa que merque unha parcela nun polígono industrial en Galicia non pagará o Imposto sobre actos xurídicos documentados a partir desa data.
Porque captar investimento é unha prioridade de país na que todos somos necesarios. Por iso, temos que facer un esforzo conxunto tanto desde a fiscalidade dos tributos autonómicos como desde a fiscalidade dos tributos locais.
Señorías, seguimos abertos a tentar lograr unha Lei de implantación empresarial de consenso. Con ese ánimo traballamos cos concellos, cos axentes sociais, tamén cos grupos parlamentarios nos últimos días. E así continuaremos ata completar a tramitación da normativa. Agardo que consigamos un acordo.
Señorías, na economía do futuro da que estamos a falar, hai dous fitos que nos convocan para os próximos anos, que terán unha grande incidencia para Galicia e que, polo tanto, debemos abordar tamén conxunta e convenientemente. Eses dous fitos, na nosa opinión, son o próximo Ano Santo Xacobeo e a culminación dos treitos pendentes da alta velocidade ferroviaria.
Ao respecto do Xacobeo 2021, creo que non é esaxerado afirmar que estamos a falar dunha das grandes oportunidades desta lexislatura. Malia que a data formal sexa na seguinte, o traballo debe facerse desde xa. Para recoller os froitos non só chegado ese ano –que xa non sería pouco-, senón tamén para recoller os froitos canto antes.
O próximo Ano Santo chega no mellor contexto, tanto pola evolución económica xeral como polo crecemento do turismo galego.
Galicia recibe máis visitantes que nunca e veñen desde máis sitios que nunca. E, como somos un pobo acolledor e hospitalario, hónrannos coa súa presenza. Porque, señorías, aquí si, aquí son benvidos.
Neste pasado verán, nalgunhas partes de España –en Galicia, por sorte, residualmente- asistimos con bochorno a varios episodios dun fenómeno que se deu en chamar turismofobia.
Estou convencido de que a maioría do noso pobo non se recoñece neses comportamentos, e por iso, pídolles expresamente o seu apoio para que os rexeitemos de forma clara neste Parlamento.
A nosa vocación é traballar para apuntalar e ampliar estas cifras récord e, por iso, o Goberno segue tomando decisións.
Elaboramos unha Estratexia de turismo co sector para reforzar a nosa posición como destino turístico tranquilo e de calidade. Continuamos a impulsar o aproveitamento da riqueza termal de Galicia, ou promovemos activamente a nosa riqueza natural. Por iso, pido o apoio de todos os grupos para lograr que as Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra sexan declaradas Patrimonio da Humanidade.
Que aos moitos argumentos que xa temos para acadalo se engada tamén a unidade política.
Pero, como lles dicía, a principal oportunidade turística e, en consecuencia, económica,que temos é o Xacobeo, que culminará en 2021, pero que comezará a percibirse xa ao longo do próximo ano.
Estamos poñendo a punto os Camiños de Santiago a través das actuacións previstas no Plan Director, así como traballando na conservación dos Bens de Interese Cultural do Camiño e na rehabilitación da súa meta: a Catedral de Santiago.
Igualmente, imos mellorar a promoción, non só de cara ao gran momento de 2021 senón tamén de cara a fitos concretos, como o programa O son do Camiño que se celebrará xa o próximo ano.
E preparando tamén a organización, coa próxima posta en marcha da Comisión interdepartamental para a preparación do Xacobeo.
Non pode volver repetirse a situación de 2009, cando aínda non había nada feito para o Xacobeo 2010. O Xacobeo 2021 debe ser o escaparate da Galicia que somos: un pobo organizado, preparado, coidadoso, innovador, dinámico e acolledor.
Señorías, o segundo gran fito ao que nos convoca o final da década é o remate da alta velocidade. Esta debe ser a lexislatura na que se complete o AVE a Galicia. É un deber do Goberno facelo, é unha responsabilidade da oposición non bloquealo e é unha esixencia de Galicia. A uns e outros.
Hai avances que teñen reflexo nos tempos de conexión (xa se reduciron a 4 horas e media o ano pasado, e a previsión é quedar por de baixo das 4 horas o próximo). Pero hai que chegar ao obxectivo final.
E o obxectivo é que o AVE á meseta funcione a finais do ano 19, e que se siga avanzando nas conexións internas comprometidas (AVE a Lugo, AVE Ourense-Vigo, variante de Ourense e mellora da conexión a Ferrol).
Tivemos que aturar retrasos de máis de oito anos primeiro e despois, unha nova demora dun ano de parálise política en España. Valoramos a sinceridade, a transparencia e os compromisos pero auditaremos polo miúdo que a Galicia non se lle volva facer perder máis tempo do que levamos perdido.
A entrada do AVE coincide con outros pasos importantes en materia de mobilidade.
Relacionado directamente, está o impulso ás estacións intermodais, que levan prazos moi paralelos á alta velocidade. Aínda que na Coruña os esforzos por impulsala estanse a ver obstruídos polos continuos cambios de criterio do Concello -esperemos que cesen- nas de Vigo, Santiago e Ourense a tramitación xa está moi avanzada. De feito, esta mesma semana:
En Santiago, culminaremos o trámite urbanístico coa súa aprobación en Consello.
En Vigo, rematamos o trámite ambiental.
E en Ourense iniciamos o proceso expropiatorio.
Por suposto, estamos traballando para deseñar as estacións intermodais de Pontevedra,xa moi avanzada, e tamén en Lugo e Ferrol.
E, indirectamente, tamén inflúen outras melloras en mobilidade: ademais do transporte metropolitano que xa funciona totalmente en Santiago, A Coruña, Lugo e Ferrol, e na área de Vigo salvo no seu principal concello; e ademais da gratuidade do transporte público metropolitano para os menores de 19 anos nas liñas que dependen da Xunta, e que sigo pedindo que se estenda tamén ás liñas dos concellos; neste ano comezamos a reforma do transporte público, que xa se traduciu en aforros para os galegos de ata o 80% no importe do billete.
Igualmente, tamén continuamos a traballar na rede galega de autovías. Por suposto insistindo na seguridade. Nesta lexislatura imos actuar en todos os tramos de concentración de accidentes de Galicia para reducir a sinistralidade e faremos un especial esforzo para protexer a vida dos ciclistas.
Tamén con novas estradas. Pero, señorías, desde 2009, Galicia dispón dun 66% máis de quilómetros de vías de alta capacidade. Un 80% dos galegos vivimos xa a menos de 15 minutos dunha delas, e para chegar ao 100%, estamos avanzando en treitos relevantes como:
A Autovía do Morrazo, na que os dous primeiros treitos entrarán en servizo na primeira metade do ano que vén e na que xa se iniciaron as obras do último.
A Autovía da Costa da Morte, onde estamos xa redactando o proxecto da prolongación ata Vimianzo.
A continuación da autovía Santiago-A Estrada, para o que este mesmo ano iniciaremos as expropiacións.
A vía da Costa Norte, onde este mesmo ano puxemos en servizo o treito Celeiro-SanCibrao e traballamos nun novo deseño para a Variante de Viveiro e facela de verdade.
A conversión en autovía entre Lugo e Sarria, redactando xa o proxecto para o treito Pobra de San Xiao – Sarria.
Ou a conexión entre a autovía de Ourense e San Cibrao das Viñas, que licitaremos este ano 2017.
Igualmente, demandaremos avances a Fomento para rematar a autovías importantes como Santiago-Lugo, na que xa se impulsaron os dous últimos treitos que permiten tela en obras ou executada, ou a circunvalación de Pontevedra ou a autovía Lugo-Ourense, ademais de impulsar eixes tan necesarios como o Corredor da Mariña, que non nos esquecemos nin renunciamos a que a Administración do Estado cumpra os seus compromisos. En definitiva, unha Galicia conectada nas mellores condicións, conectada a máis oportunidades.
O crecemento de Galicia é unha boa noticia económica, pero tamén é unha boa noticia social. Porque, grazas a el, hoxe podo dicirlles que o Goberno galego ten marxe de actuación para seguir baixando impostos e para seguir mellorando os servizos públicos.
Tal e como cremos que temos que facer, tal e como podemos facer, tal e como facemos.
Baixar impostos estivo na nosa axenda mesmo nos momentos máis complicados da recesión económica. Algunhas comunidades están a seguir agora o noso exemplo, adoptando agora as reducións fiscais das que os galegos levamos algún tempo desfrutando.
Desde 2009, os galegos pagaron case 1.000 M€ menos de impostos grazas ás rebaixas fiscais que aprobamos ou mantivemos durante todos estes anos.
Galicia seguirá estando á vangarda de España no que se refire a baixadas de impostos. E, neste sentido, trasládolles o meu compromiso de manter e ampliar os incentivos fiscais o próximo ano.
Manter a exención do imposto de sucesións para o 99 % dos galegos;
Manter o IRPF entre os máis reducidos de España para as rendas medias e baixas.
Manter o Plan de Desgravacións para as familias con fillos.
Manter o Plan de Impostos Cero no rural.
E ampliar todo isto con catro novas rebaixas fiscais que incluiremos nos Orzamentos da Xunta para o próximo ano.
Estou a falar dun programa de deducións que permitirá:
En primeiro lugar, pagar menos impostos -tanto de IRPF como de Patrimonio- a aquelas persoas que invistan en terras e bens rústicos que se atopen desaproveitados e, deste xeito, dinamicen a actividade no noso agro.
Segundo, pagar menos impostos –xa hai deducións en IRPF e ampliarémolas a Patrimonio- a aquelas persoas que invistan nunha Sociedade de Xestión Forestal.
Terceiro, pagar menos impostos -tanto de IRPF como de Patrimonio- ás persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou en actividades económicas neles.
E cuarto, non pagar Imposto de actos xurídicos documentados a quen merque solo industrial das administracións.
Señorías, os galegos non só non pagarán o Imposto de sucesións na súa maioría, non só seguirán tendo un dos IRPF máis baixos de España, non só seguirán tendo o Programa de Impostos Cero no rural, senón que tamén pagarán menos impostos aqueles queinvistan o seu patrimonio no agro, no eido forestal, na rehabilitación dos cascos históricos ou na compra de solo industrial.
Que Galicia estea xerando cada vez máis emprego e máis crecemento permite que poidamos amplificar as baixadas de impostos dos últimos anos, pero tamén nos permite robustecer outra das liñas fundamentais de actuación deste Goberno. Grazas ao crecemento, Galicia dispón de máis fondos para garantir o benestar das familias.
Algúns de vostedes lévanme escoitado xa en moitos destes Debates sobre o Estado da Autonomía. Os que levan aquí desde 2009 poderán percibir con total claridade como cambiaron as perspectivas da comunidade autónoma desde entón.
Cando chegamos ao Goberno de Galicia, atopámonos un contexto económico moi distinto ao que temos hoxe en día. Pero en ningún momento renunciamos a manter os servizos públicos e que estes chegasen a máis cidadáns:
Hoxe hai máis galegas e galegos que teñen preto un hospital público novo ou renovado ou un novo centro de saúde preto da súa casa, que antes da crise.
Hoxe hai máis familias que contan cunha praza pública de residencia, centro de día ou de atención ao alzhéimer, que antes da crise.
Hoxe hai máis dependentes atendidos que antes da crise.
Hoxe hai máis rapazas e rapaces cunha praza pública de escola infantil que antes da crise.
Hoxe hai máis nenas e nenos que aprenden idiomas e contan cun ordenador nas aulas do ensino público que antes da crise.
Estes son algúns exemplos de que, pese ás dificultades, o Estado de Benestar mantívose en pé en Galicia durante todos estes anos. E iso permítenos agora poder encamiñar a política social non a reconstruír nada, senón a ampliar servizos e infraestruturas con máis intensidade se cabe.
Este Goberno tivo que xestionar, ano a ano, unha situación de ata 2.000 millóns de euros menos nos orzamentos que antes da crise; pero eu quero recoñecer o principal mérito dos avances acadados nos momentos máis complexos aos profesionais que garanten día a día a rede de benestar das familias galegas. E celebro que, ademais de con palabras, poidamos facer ese recoñecemento tamén con feitos.
Xa lles comentei con anterioridade as melloras que impulsamos no eido da función pública, e o avance que van a supoñer as próximas OPE para acadar a práctica estabilidade dos profesionais que sosteñen a Educación pública, a Sanidade pública e os Servizos Sociais e a Administración Xeral.
Na vocación e o traballo dos mestres e profesores do ensino público pode atoparse unha das mellores explicacións aos resultados educativos que está a rexistrar Galicia nos últimos anos.
Galicia reduciu a taxa de abandono escolar desde o 25,8% de 2009 ata o 14,7% de hoxe, acadando xa o obxectivo que marca Europa para 2020.
Galicia ten o ensino máis inclusivo de España, pois o 90% dos alumnos con necesidades educativas especiais están integrados nas mesmas aulas que o resto de compañeiros.
E Galicia ofrece un ensino de maior calidade, como demostra que no informe PISA esteamos por riba, en todos os indicadores, da media española e, na maioría dos indicadores, por riba da OCDE.
Queremos que no noso ensino público se dea a mellor das formacións posibles para os galegos do mañá. Nisto inclúese, por suposto, a formación plurilingüe. Un curso máis, crece o número de centros plurilingües e de seccións bilingües, dous programas cos cales pais e profesores se amosan moi satisfeitos. Ademais, por primeira vez, esta aposta polas linguas estranxeiras ampliouse a Infantil e ao Bacharelato.
Igualmente, para facilitar o coñecemento tecnolóxico, xa introducimos a Robótica e a Programación no calendario educativo. A finais desta lexislatura, todo o alumnado do ensino obrigatorio terá acceso a formación nestas dúas materias.
E por suposto, imos fomentar o método STEM para preparar aos nenos do futuro, continuamos estendendo o libro dixital a máis centros de ensino, puxemos en marcha a adquisición de 20.000 ordenadores portátiles para os próximos dous anos ou a mellora das conexións a Internet, en todas as escolas necesarias para os rapaces e para os profesores.
Reforzamos o ensino medio pero tamén as alternativas que existen despois de saír do instituto. Ademais do histórico impulso á formación profesional, un 47% máis de prazas que en 2009, a nosa Universidade é a máis accesible de España e as taxas téñense conxelado todos os anos desde 2009.
Galicia é, desde hai anos, a Comunidade Autónoma coas taxas universitarias máis baixas e seguirá nesta posición. Namentres sexa a miña responsabilidade, Galicia terá o prezo mínimo garantido na primeira matrícula das materias de graos universitarios.
Ademais, de cara ao vindeiro curso Galicia vai seguir reforzando o seu sistema de bolsas para que ninguén quede fóra da Universidade por motivos económicos, especialmente aqueles con mellores resultados. As novas Bolsas de Excelencia Académica recompensarán economicamente o alumnado con maior esforzo e maior rendemento.
O gran piar do noso Estado do Benestar é, sen dúbida, a Sanidade pública e tamén está a vivir unha época de renovacións e melloras. Durante os anos da recesión económica impulsamos actuacións ambiciosas para renovar as infraestruturas sanitarias e ampliamos os dereitos dos pacientes. Agora, en recuperación, imos consolidar e ampliar esas medidas.
En materia de dereitos, a semana pasada aprobamos definitivamente un decreto que blinda os tempos máximos de espera para máis de 100 patoloxías graves. Con isto completamos o desenvolvemento normativo da Lei de garantía das prestacións sanitarias, un texto que aprobamos en plena recesión económica.
Se as estreiteces económicas non nos impediron tampouco construír e equipar senlloshospitais públicos novos en Vigo e Lugo, nesta lexislatura completaremos a renovación do mapa de hospitais públicos de Galicia.
En Ferrol, estamos coa renovación do hospital Arquitecto Marcide e esperamos empezar a obra.
Na Coruña, está a piques de abrir o novo bloque cirúrxico.
En Santiago, ampliaremos o Hospital Clínico;
En Lugo, dotaremos o Barrio da Residencia dun novo centro integral de saúde;
En Pontevedra, está desbloqueado o proxecto do Gran Montecelo, que xa está en marcha;
En Vigo, no Álvaro Cunqueiro xa está funcionando un quirófano híbrido pioneiro en España e no Meixoeiro farao antes de final de ano o laboratorio central do Chuvi;
En Ourense, acabamos de inaugurar e seguiremos coa reforma dos vellos edificios do complexo Cristal Piñor;
Na Mariña, está en marcha a ampliación que suporá melloras na hospitalización e aumento da actividade no hospital de día;
No Salnés, xa están inaugurados o novo servizo de urxencias, o bloque obstétrico e o bloque cirúrxico e o novo hospital de día estará funcionando antes de que remate o ano.
En Verín, imos mellorar as urxencias e a área ambulatoria.
No Barco de Valdeorras, ampliaremos o bloque cirúrxico e a área ambulatoria;
En Cee, imos ampliar a unidade de diálise;
No Barbanza, estase elaborando o proxecto de reforma das urxencias;
E en Monforte de Lemos, melloraremos a área de ingreso e ambulatoria.
Señorías, ao final desta lexislatura, todas as galegas e os galegos estarán atendidos en hospitais públicos ou renovados ou ampliados, máis equipados e en mellores condicións que cando chegamos ao Goberno en 2009. E digo todos.
A maiores, tamén reforzamos as prestacións e ímolo seguir facendo baixo o paraugas da futura Lei de saúde que ten precisamente iso como principal obxectivo.
Por iso cumprimos coas nais e pais galegos co novo calendario de vacinación Infantil e creamos ademais o Calendario de Vacinación para o Adulto. Ou por iso seguimos preparándonos para as realidades máis recorrentes da Sanidade pública e para atender ás persoas máis vulnerables: crónicos, maiores, enfermos mentais, infancia e maternidade.
Temos mellores hospitais públicos e centros de saúde, temos unha tecnoloxía máis completa e avanzada, temos máis emprego público e estabilidade, temos novos programas de atención a doenzas como o cancro e o ictus
Co que aínda queda por facer, cos erros que se poidan producir, só na historia hai un momento que supera a situación actual da Sanidade pública en Galicia: o futuro que estamos preparando porque non nos conformamos e o noso compromiso é inequívoco e permanente.
Un compromiso como o que temos coas familias galegas. Dixemos que Galicia aspiraba a ser o lugar no que máis se apoia a mulleres e homes que deciden ter fillos e estamos cumprindo coa nosa palabra.
Ser nai ou pai en Galicia ten máis apoio en Galicia que nunca antes.
Respecto a 2009, hai un 80% máis de prazas de escolas infantís sostidas con fondos públicos;
Para as nais e pais do rural existen as casas niño, cuxas dúas primeiras convocatorias tiveron unha acollida excelente;
Para as nais e pais que traballan nun polígono industrial, habilitamos liñas de axudas para abrir garderías nas súas instalacións;
Seguen en vigor as medidas do Plan de apoio á natalidade, como a Tarxeta Benvida.
E mantemos as deducións fiscais para as familias que teñen fillos, que ampliaramos na pasada lexislatura.
Señorías, Galicia xa é unha comunidade de referencia en apoio á natalidade, pero xa lles avanzo que o será máis.
Así, o próximo ano, comprometeremos tres melloras máis:
A primeira, ampliar a Tarxeta Benvida ata que a nena ou neno cumpra tres anos naquelas familias con rendas baixas.
A segunda, aprobar unha nova bonificación nas taxas das escolas infantís: un 25% para o segundo fillo e un 50% para o terceiro e sucesivos.
A terceira, os empregados públicos terán á súa disposición unha nova medida de conciliación: un permiso por maternidade aumentado ata as 22 semanas desde as 20 actuais.
Señorías, coa ampliación do permiso de maternidade ata 22 semanas, a Xunta actúa, unha vez máis, no eido onde ten competencias sobre permisos de maternidade ou paternidade, que é a función pública autonómica.
En 2015 xa o incrementamos de 16 a 18 semanas, en 2017, ata 20 cun novo permiso pre-parto e agora damos este paso que converte Galicia na comunidade autónoma que máis apoia os empregados públicos que deciden ter fillos.
Isto é importante para as familias que se benefician destas medidas, mais o que queremos con estas decisións é tamén marcar un camiño ás demais administracións, institucións e ás empresas de Galicia.
A conciliación da vida persoal, familiar e laboral non só depende do Goberno senón tamén da sensibilización e implicación de todas as administracións e, por suposto, de todas as empresas. Por iso, impulsamos a creación do distintivo Benvida, familia, que axudará a identificar aqueles establecementos máis adecuados para as familias con cativos.
Do mesmo xeito, unha sociedade que respecta os seus maiores é unha sociedade que se respecta a si mesma.
Nós respectamos os compromisos adquiridos e por iso xa iniciamos os trámites para construír sete novas residencias de maiores nas sete cidades galegas, tal e como nos comprometemos. Estas residencias suporán 900 novas prazas e se sumarán, por tanto, novos crecementos aos que xa logrou Galicia nos últimos anos: hoxe hai un 47% máis de prazas públicas para os maiores do que había no ano 2009.
Os maiores que están nas súas casas teñen ademais á súa disposición outras opcións: volveremos reforzar a teleasistencia, ampliaremos o alcance do programa Xantar na casa e volveremos incorporar 5.000 novas libranzas.
Señorías, non chegaremos a 60.000 persoas dependentes atendidas en 2020, tal e como prometemos. Chegaremos a 60.000 persoas dependentes atendidas a finais de 2018.
Incrementaremos os fondos ao máximo das nosas posibilidades para que, se o Goberno tamén cumpre coa súa parte, e aproba os presupcumprir co obxectivo de finais de lexislatura, na metade da lexislatura.
Galicia pasará de 14.000 dependentes atendidos en 2009 a 60.000 dependentes atendidos en 2018: catro veces máis.
A rede de benestar que imos tecendo cada día os galegos debe chegar tamén ás persoas que sofren máis dificultades.
As solicitudes da Risga baixaron nos primeiros nove meses do ano un 23%. Malia isto, o investimento nesta prestación social chegou a estar por primeira vez por riba dos 61M€, e xa lles avanzo que o próximo ano volveremos incrementar notablemente as axudas destinadas a este colectivo para facilitar a súa inserción laboral.
Actuamos tamén contra as consecuencias máis graves da pobreza, como o acceso á enerxía, para o que creamos o tícket eléctrico; ou o risco de quedar sen fogar.
No que vai de lexislatura, puxemos unha vivenda á disposición dunha familia necesitada cada 4 días e medio.
Ademais, Galicia dispón dun completo programa de loita contra os desafiuzamentos que foi loado pola Valedora do Pobo, con medidas como un Bono de Alugueiro Social mellorado, o Programa Reconduce —que se ampliará ás sete cidades galegas— e o Programa de vivendas baleiras.
Solicito unha vez máis que os concellos que aínda non se incorporaron a este programa o fagan canto antes. Non pola Xunta, senón polas persoas que realmente o necesitan.
A nosa política de vivenda non remata aquí. Tamén seguiremos apoiando as reformas para mellorar a eficiencia enerxética das vivendas e impulsamos as rehabilitacións que poñan en valor as construcións xa feitas, especialmente nos cascos históricos.
Neste eido, este ano comezaremos a tramitar un novo instrumento: a Lei de rehabilitación, coa que daremos cumprimento a un dos nosos compromisos electorais tanto para reducir os trámites como para facilitar o acceso a financiamento. Entre outras novidades, inclúe: normas de aplicación directa que se poderán empregar nos núcleos históricos para axilizar reformas en cuestións secundarias ou de accesibilidade; ou a posibilidade de expropiar edificios abandonados nos cales sexa necesaria unha intervención urxente.
A reactivación da nosa economía permítenos tamén dar un novo impulso a un servizo público dunha enorme importancia: a Xustiza.
Ademais de seguir avanzando cara ao papelame cero na Administración xudicial, estendemos a todas as cidades os servizos de mediación familiar e tamén daremos novos pasos na renovación das infraestruturas.
Igual que en 2013 puxemos en marcha un novo edificio de xulgados en Santiago, e no 2015 en Ourense.
Igual que neste último ano puxemos á disposición dos coruñeses o seu novo edificio xudicial.
En 2018 prevese que estea rematado o novo edificio xudicial de Pontevedra, que xa entrou na segunda fase das obras.
Obras que tamén serán realidade pronto en Tui, onde o antigo centro de saúde concentrará os novos xulgados.
E por suposto a nova Cidade Xustiza de Vigo, que recuperará unha icona da cidade como é o antigo Hospital Xeral, e que prevemos rematar en 2019.
Señorías, a folla de ruta que lles acabo de expoñer demostra que en Galicia se está trazando un camiño de máis progreso e maior benestar. Ambos os conceptos van unidos porque non é posible unha boa política social sen unha boa política económica.
Con todo, esta ecuación non estaría completa se ademais non tivésemos en conta outros factores que tamén inflúen, e nalgún caso con gran transcendencia.
Tentei ao longo desta intervención facer referencia a varios deles, convencido como estou de que tamén debemos prever e abordar xa hoxe os retos que nos presentará o mañá. Afrontar as consecuencias da evolución demográfica –por exemplo, asegurando o futuro das pensións- é, posiblemente, o máis importante para o medio e o longo prazo.
Como o problema non é nin recente nin exclusivo de Galicia, o Goberno galego alertou desta cuestión hai tempo e celebro que tanto a nivel nacional como europeo se estea incorporando ás axendas de traballo prioritario.
Tampouco podemos ser alleos á necesidade de ter un modelo económico máis sustentable. Non só polo endurecemento, axeitado ao noso modo de ver, das esixencias internacionais a nivel medioambiental. Tamén porque protexer a nosa paisaxe e ordenar mellor o noso territorio significa protexer tamén a nosa identidade.
Queremos consolidar en Galicia unha nova cultura ambiental.
Trátase dunha aposta a longo prazo para que Galicia contribúa a mitigar o cambio climático: progresivamente iremos reducindo as emisións de acordo co previsto na Estratexia de cambio climático e co que recollerá a futura Estratexia da economía circular.
Ademais, o traballo polo medio ambiente tamén dará froitos a curto prazo, grazas a iniciativas como a futura Lei de residuos ou a ampliación de Sogama.
Para garantir un crecemento sustentable, a Galicia das vindeiras décadas terá un territorio mellor organizado. Xa demos importantes pasos neste sentido, coa Lei do solo e o seu desenvolvemento normativo, e seguiremos avanzando coa futura Lei de ordenación do territorio.
Desde 2009, a poboación galega que reside nun lugar con plan xeral multiplicouse por tres, pero aínda queda traballo por facer. O Plan básico autonómico que presentaremos no primeiro semestre de 2018 servirá como punto de apoio para que os concellos pequenos tamén poidan dispoñer dun planeamento urbanístico.
Garantiremos tamén que en Galicia non se constrúa ás costas de degradar a paisaxe, con ferramentas como as Directrices da paisaxe, a Guía de cores e materiais ou a Lei de patrimonio natural, que xa está en tramitación.
O crecemento económico e urbanístico debe ser compatible co respecto ao medio ambiente. Por iso entre 2016 e 2017 impulsamos unhas 100 obras de saneamento nos concellos galegos, algunhas tan importantes como o saneamento da enseada da Malataen Ferrol ou a finalización das obras nas Edar de Vigo e Ourense. Ademais, o novo Plan director de ríos de Galicia guiará a xestión da nosa rica rede fluvial.
Avanzar na ordenación dos recursos hídricos permitiranos perfeccionar a resposta ante situacións como a seca que se decretou este luns en seis zonas de Galicia.
A este respecto, quero trasladar unha mensaxe de confianza porque polo momento o subministro está garantido, pero tamén a miña preocupación porque (se non hai choivas nos próximos meses) podemos entrar nunha situación crítica.
A Xunta está comprometida con esta situación e, de feito, estamos estudando unha batería de medidas para paliar no posible os efectos da seca, especialmente no agro. Entre outras:
Anticipar as axudas da PAC antes do 1 de decembro, e incluíndo situacións excepcionais como o uso de barbeitos para pastoreo,
Aprobar axudas para todas as infraestruturas que permitan o subministro de auga ás explotacións.
Ou reforzar axudas para o refinanciamento de pasivos ou apoio a circulante.
Medidas todas elas que se suman ás aprobadas polo Goberno central, como a moratoria dun ano no pago da Seguridade Social para os afectados pola seca.
En todo caso, é preciso o máximo compromiso de todos os cidadáns, pola repercusión que iso xa terá no presente, pero tamén polas Galicia que deixemos para mañá.
Temos que afrontar os retos aos que nos convocan as próximas décadas, e tamén temos que abordar, e resolver con máis inmediatez aínda, o debate aberto sobre o novo modelo de financiamento autonómico. A súa resolución terá un impacto innegable na nosa capacidade para asegurar e seguir mellorando o benestar das familias galegas. Por iso, señorías, formulo unha pregunta nada retórica. Cal é o interese de Galicia?
Pregúntollelo porque o intento de, por prioridade ideolóxica, emular posicionamentosalleos a Galicia lévanos ao absurdo de que desde Galicia se defendan postulados que van contra Galicia.
Aplicando isto ao financiamento, estase aplaudindo un movemento que pide, xa non só que o novo modelo reduza o peso das nosas circunstancias demográficas ou dos custos dos servizos derivados da nosa dispersión xeográfica, senón tamén que castigue a nosa capacidade fiscal.
Señorías, imitar o que propoñen outros, ignorando que as realidades e os intereses son discordantes, é un erro no que Galicia non pode caer.
Primeiro, porque o sistema resultante sería nocivo para Galicia. Ser fiel ao noso país esixe loitar para melloralo sen esquecer nunca o que é.
Segundo, porque a insolidariedade que predican algúns é impropia do noso país. Desde logo, resulta sorprendente ter que recordar a estas alturas que todas as persoas en España merecen os mesmos servizos.
E terceiro, porque tampouco é completa a lectura economicista que se fai cando se reducen as achegas dos territorios a termos fiscais.
Acaso pasamos desde Galicia a factura dos 167.000 M€ que o conxunto de España, polo tanto tamén nós os galegos, lle prestou ás comunidades incumpridoras?
Acaso pasamos desde Galicia a factura dos prexuízos económicos que supuxo para Galicia que haxa liñas de AVE funcionando noutros territorios desde hai décadas e aquí sigamos esperando?
Señorías, todos podemos construír argumentos se pretendemos agrandar as diferenzas e situarnos en polos extremos pero eu négome a aceptar un debate que se enmarque en falsas rivalidades entre comunidades norte-sur, este-oeste, centro-periferia, por partido, por ideoloxía ou por renda.
En efecto, non todas as comunidades temos a mesma situación en cada momento da historia nin os intereses son idénticos, pero hai principios básicos que deberían ser compartidos por todos.
Unha mostra desta afirmación darémola a finais deste mes, no cumio que celebraremos os gobernos de Galicia, Castela e León e Madrid. Tres autonomías convencidas de que se pode, e se debe, defender as posturas de cada quen, sen que isto supoña romper coa xustiza solidaria que se consolidou coa democracia en España.
Ese encontro ten moito que ver co punto de partida para abordar o financiamento que reclama o representante galego na Comisión de Expertos encargada de elaborar a proposta para a renovación do sistema.
Láiase este profesor designado por este Parlamento da tendencia dominante nos debates territoriais a esquecer o ‘todo’ e centrarse exclusivamente nas ‘partes’. “Fronte ao que ocorre na inmensa maioría de países, tamén nos descentralizados e federais -sinala-, argumentar desde unha perspectiva de conxunto ou española, é rapidamente visto como indicativo de prexuízos xacobinos”.
Non quero que ese prexuízo afecte tamén a posición galega. A Galicia interésalle que as súas aspiracións se recollan dentro dun sistema viable, sustentable e tamén global.Pensar que o Estado é unha realidade allea e abstracta coa que só nos relacionamos para esixir e reclamar, é desvirtuar o funcionamento xeral do sistema.
Sentada esta idea, defendemos que se recolla o custo efectivo dos servizos, por diante da capacidade fiscal de cada comunidade.
E defendemos igualmente que se pondere o peso da poboación máis envellecida. Galicia ten un compromiso cos seus maiores, pioneiros en definitiva do país que hoxe desfrutamos, pero ese compromiso ten que ter unha plasmación axeitada no financiamento debido aos custos que supón.
En definitiva, as necesidades son semellantes nas distintas comunidades pero a prestación concreta depende de variables que veñen dadas. Esa posición leva aparellada a demanda dunha nivelación de todos os servizos.
Señorías, a Galicia cústalle máis prestar os servizos públicos pero aos galegos non lles pode custar máis recibilos
Non pedimos máis que ninguén nin máis a costa de ninguén. Pedimos igualdade.
Trátase, como ven, dunha fórmula que aplica unha asimetría de necesidades e non de privilexios infundados. Moi distinto na súa formulación daquelas posicións que avogan, de maneira máis ou menos clara, por un status especial para determinadas comunidades.
A Galicia, señorías, interésalle que este debate esencial para o benestar dos nosos cidadáns non se vexa solapado por outros. Por iso,
Nin acepto que se aproveite a crise xerada polos independentistas como pretexto para desmantelar a descentralización do Estado.
Nin tampouco que se deixe caer a idea de entregarnos, case sen posibilidade de réplica, aos postulados soberanistas.
Fronte a isto, xa llelo dixen ao comezo, non hai posibilidade de indefinición. Falsamente, hai forzas políticas que pretenden arrogarse un suposto labor de mediación entre dous supostos extremos, e mesmo simulan dar alternativas
Están os que reclaman día si e día tamén ‘solucións políticas’, que curiosamente non concretan nunca. Tamén hai quen se interna no mero nominalismo, como se chamar a España dun xeito ou outro funcionase como un conxuro que fose resolver a situación ao instante.
Pero, señorías, e despois que? Falemos claro. O que se está a propoñer é de ceder algo –non se aclara que- aos que incumpren as normas e sinalan a todo aquel que non pensa coma eles. Pois ben, señorías. Non sei que pretenden os que están dispostos a facelo. Tampouco sei ata onde poderían chegar nin canto custaría. Pero si lles digo que ás costas de Galicia non o farán. Non o farán.
Facilitar que o conxunto dos cidadáns cataláns se sintan cómodos en España é unha tarefa compartida e aí estará Galicia coa man tendida. Pero o acomodo de quen incumpre a Constitución, o Estatuto e as leis non depende de quen si respecta as normas de convivencia. Só depende do seu retorno á cordura e á legalidade.
“Tots som esclaus de la llei, perque poguem ser lliures”. Todos somos escravos da lei, para que poidamos ser libres. Galicia é libre porque está coa lei.
Debería non facer falla aclarar nun Parlamento democrático que o único marco posible onde se pode dialogar é dentro da democracia. Debe volver á orde constitucional quen se apartou dela.
Aquí hai mulleres e homes que din non crer na Constitución nin no Estatuto, pero prometeron cumprila por imperativo legal para poder ser deputada ou deputado. Acaso merece máis esforzo ocupar un escano neste Parlamento que a convivencia de todos os españois?
Señorías, non pode haber diferenzas irreconciliables entre os demócratas. De feito, eu creo que non as hai e algunha mostra da capacidade para acordar nos temas de país deuse recentemente.
Un dos mellores exemplos é o Pacto contra a Violencia de Xénero que nos uniu neste Parlamento e que tamén se está concretando no Congreso dos Deputados. É un acerto ese camiño, polo que lles convido a continuar no futuro para poder incorporar novos instrumentos á loita contra esta lacra.
Para iso, temos precisamente un Protocolo de coordinación interinstitucional, que recolle o mapa de recursos dispoñibles e procedementos de actuación no eido educativo, sanitario, xurídico ou social. Igualmente, pídolles achegas para afondar na igualdade en todos os niveis co I Plan de conciliación e corresponsabilidade que se aprobará por primeira vez en Galicia nesta lexislatura.
A unidade trae resultados. Aquí tivemos unha posición conxunta sen a que, estou convencido, Galicia non se tería aforrado 400 millóns de euros na AP-9.
Manteñámola porque a diferenza que hai agora respecto a outros momentos nos cales os diferentes gobernos centrais tamén se negaban ao traspaso da autoestrada, é que agora todo o Parlamento estamos xuntos na reivindicación. Xa demos avances e podemos seguir avanzando. Perseveremos.
Ser construtivos é a única política posible para os que pensamos que, respectando as lexítimas posturas de cada partido, todos estamos aquí para servir á nosa xente. Desde a oposición, que tamén ocupei, ou desde o Goberno, elixíronnos aquí para pensar e traballar por Galicia.
Por iso defendo que o noso país teña unha presenza activa, singular e construtiva, que se fundamente nunha pregunta esencial: ¿cal é o interese de Galicia?
Cal é o interese de Galicia? Que se produza unha quebra do Estado das Autonomías que abra paso a unha balcanización de España?
Cal é o interese de Galicia? Que se rompan os mecanismos que equilibran o modelo territorial, que se fracture a irmandade entre os pobos de España, que se esnaquice a convivencia?
Cal é o interese de Galicia? Que se lle negue aos galegos o dereito a decidir reformas que melloren a estrutura institucional?
Cal é o interese de Galicia? Que prime a nosa contribución ao progreso e ao benestar do conxunto de España ou a quen, en vez de solucionar dificultades, provocou máis?
Hai que responder como galegos. Partindo da nosa realidade, da nosa experiencia e das nosas expectativas como pobo. Responder como galegos para actuar como galegos.
En Galicia defendemos a nosa identidade sen necesidade de enfrontar á xente. Abrímola a quen a queira coñecer e ensinámola ao mundo. Por iso estamos avanzando na creación da Memoria dixital de Galicia, que dixitalizará documentos clave da nosa Historia para poñelos á disposición da sociedade.
En Galicia defendemos a nosa cultura sen necesidade de infravalorar as dos demais. Estamos elaborando co sector a Estratexia de Cultura para que, coa boa nova da redución do IVE cultural, reforcemos a súa posición dentro e fóra de Galicia. A isto unimos a boa nova de que o Pergamiño Vindel, unha das xoias da nosa literatura, vaise exhibir por primeira vez en Galicia.
En Galicia defendemos o noso idioma sen necesidade de impoñelo. Aproveitamos os lazos que nos dá co mundo lusófono, seguimos traballando para garantir un maior uso, sobre todo dos máis novos. Por iso imos presentar o Plan de dinamización lingüística entre a mocidade, para tentar que, ademais de coñecelo máis que nunca, tamén o empreguen con máis frecuencia.
En Galicia defendemos a nosa sociedade sen poñela entre a espada e a parede dun debate identitario.
Nós non cremos que a identidade sexa un xogo de suma cero no que para ser máis galegos haxa que ser menos españois, ou viceversa. Nós defendemos unha Galicia que sexa á vez española e europea, ou o que é o mesmo, unha Galicia xenuinamente galega.
Señorías, Galicia valora a diversidade, aprendeu e aprende doutros pobos aos que os respecta; pero que non nos cambiamos por ningún outro. Galicia quere seguir sendo Galicia e vai seguir sendo Galicia.
E por iso, Galicia non está nin estará ausente nin muda nos debates territoriais. Igual que nin estivo nin estará inmóbil ante a realidade económica. E igual que nin estivo nin estará á marxe das dificultades que vivan as mulleres e homes do noso país.
Non temos por que imitar ou envexar ou contemplar con complexo o que sucede noutros lugares porque o exemplo está aquí: podemos mirar con orgullo o que fixeron e fan cada día os galegos.
Con orgullo, como nos peores momentos Galicia acreditou unha enorme capacidade de superación.
Con orgullo, como as galegas e os galegos nos apoiamos os uns nos outros.
Con orgullo, como as familias galegas se esforzan para sacar adiante os seus fogares.
Con orgullo, como nos sentimos profundamente galegos sen caer na exclusión doutras identidades nin na discriminación a quen sente diferente.
Con orgullo, como antepoñemos o sentimento común e a convivencia ao que nos diferenza, ao que tamén nos fai únicos ou á ideoloxía de cada quen
Con orgullo, como se pode ser tan nacionalidade histórica como calquera outra e abrirnos aos demais
Miren para as galegas e galegos.
Miren para Galicia".
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es