Salientar da actualidade de onte que o conselleiro de
Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou no Parlamento de Galicia o
Orzamento do seu departamento para o vindeiro exercicio que crece nun 9% ata os
700,6 millóns de euros para “dar un forte impulso ás políticas sociais, que de
novo volven ser unha prioridade en 2018 co obxectivo de que o crecemento
económico chegue a todos os fogares”. A atención á dependencia, o apoio ás
familias co reforzo das medidas de conciliación, a integración das persoas en
risco de exclusión social, e a formación así como o fomento da participación e
voluntariado entre a xuventude son os piares das novas contas desta área do
Goberno autonómico.
Rey
Varela sinalou, en primeiro lugar, a forte aposta polo apoio á familia e á
infancia que recollen as novas contas, que reservan para esta área da
Consellería 133,2 millóns de euros.
E, nesta liña, Rey Varela non se quixo esquecer da outra gran responsabilidade da administración: a protección da infancia, en especial, daqueles menores que se atopan nunha situación de risco ou desamparo social. Para elo, a Xunta ten previsto incrementar a partida destinada ao programa de acollemento familiar en 1 millón de euros, chegando aos 3,4 millóns –un 41% máis que no presente exercicio-; aumentar a partida destinada aos centros para a atención dos menores do sistema de protección e de atención á infancia ata os 32,2 millóns de euros (a partida específica para centros de protección de menores increméntase nun 20%) e consolidar a convocatoria de subvencións para investimentos e equipamento dos Centros que desenvolven medidas de protección.
Na
súa intervención, o titular de Política Social explicou que unha das actuacións
básicas será seguir coa consolidación e mellora do sistema autonómico de
atención á dependencia. De feito, a partida económica consignada para a área de
Maiores e Persoas con Dependencia ascende a 413 millóns de euros, dos cales a
maior pare destínase ao programa de dependencia que crece máis de 30 millóns de
euros en comparación co presente exercicio. Así, a atención a persoas
dependentes suma 369 millóns de euros que se destinan, entre outras medidas, a
reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), conceder un maior número de
libranzas e a atender novos servizos de teleasistencia. “O obxectivo é alcanzar
en 2018 os 60.000 dependentes atendidos, adiantando así ao segundo ano da
lexislatura unha meta que inicialmente se tiña fixada para o remate da mesma”,
apuntou.
En
materia de inclusión, cuxo presuposto é de 115 millóns de euros, Rey Varela
destacou o novo incremento da partida da Renda Social (Risga) alcanzando os
62,4 millóns de euros o que supón unha suba do 8,7% con respecto a este ano.
Desde a creación da Consellería de Política Social en 2015 a partida económica
consignada para a Risga aumentou máis dun 30%, o que equivale a preto de 15
millóns de euros máis. O conselleiro tamén subliñou o reforzo do apoio ás
entidades sociais e das medidas recollidas na Axenda Social de Galicia para
facer fronte a exclusión social e ás desigualdade, entre outras a ampliación do
programa Reconduce dirixido a persoas e familias en risco de desafiuzamento.
E,
por último, as contas da área de Xuventude suman 16,5 millóns de euros, que
permitirán aumentar ata as 10.000 as prazas que se ofertan na Campaña de Verán;
consolidar os programas para a mellora da formación e empregabiliade como
Galeuropa, Lidera ou Eurocidade, aos que se destinan máis de 5 millóns de
euros; ou seguir fomentando o voluntariado, en especial o social e o
medioambiental.
En
definitiva, Rey Varela afirmou que o Orzamento de 2018 “responde a idea de
conseguir un crecemento integrador, de tal xeito que a mellora da economía
galega chegue a todas as persoas e familias e, en especial, a aquelas que máis
precisan do noso apoio”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta