Apunto que o pasado venres 27 o Consello de Administración de Adif-Alta Velocidade aprobou a adxudicación dun contrato de subministración e transporte de carril (fase II) para o tramo Zamora-Pedralba de la Pradería, da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia, pertencente ao Corredor Norte-Noroeste de alta velocidade ferroviaria.
O carril fornecido empregarase na montaxe de vía do 110 km do tramo Zamora-Pedralba, que discorre integramente pola provincia zamorana, deseñado en plataforma para dobre vía.
O contrato foi adxudicado á empresa ArcelorMittal España por 15.444.507,3 euros (IVE incluído).
Deste xeito, Adif Alta Velocidade continúa avanzando nos contratos e traballos necesarios para facilitar que a alta velocidade chegue canto antes a Galicia, acurtando os tempos de viaxe desde Madrid e a meseta ata a comunidade galega.
A adxudicación deste contrato vén reforzar o cumprimento dos compromisos para a finalización dos tramos pendentes da LAV Madrid-Galicia nos prazos previstos.
Sobre este tema o 25 de setembro informaba na Comisión de Fomento o Secretario Xeral de Infraestruturas, Manuel Niño que as obras do AVE a Galicia ata Pedralba de la Pradería terminarán a finais de 2018, comezando o período de probas.
E detallaba o estado actual das obras entre Zamora e Pedralba de la Pradería:
· As obras de plataforma atópanse finalizadas fóra dos tramos Zamora-La Hiniesta e Cernadilla-Pedralba.
· Tamén se completou e xa está en servizo o cambiador de anchos en Zamora e a obra do cambiador de anchos de Pedralba comezou no mes de xuño.
· Así mesmo, comezou a construción da Base de Montaxe de vía na Hiniesta e, tras a súa finalización, comezará a montaxe de vía.
· En tramos de plataforma xa finalizados e recepcionados iniciáronse os traballos de catenaria e enerxía.
· Está a adaptarse a redacción do proxecto de instalacións de seguridade e comunicacións.
· E o proxecto de telecomunicacións GSMR e o de afeccións á sinalización de rede convencional están en execución.
· Finalmente, as instalacións de Protección Civil están adxudicadas, están a iniciarse os traballos nos falsos túneles e ecoductos do tramo.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta