lunes, 20 de noviembre de 2017

Avances no vial de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas

Coñecemos hoxe que a Xunta convoca os días 27, 28, 29 e 30 de novembro aos propietarios dos terreos afectados polas obras da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no treito A-52 –N-525, para realizar o levantamento de actas de ocupación e para o pago dos depósitos previos.

Esta actuación licitarase antes de que remate este mesmo ano.

O obxecto desta actuación é a construción dunha vía de novo trazado, que contará con 4,5 quilómetros de lonxitude e percorre os termos municipais de San Cibrao das Viñas e de Taboadela. Unha vez que estea en servizo reducirá o percorrido de conexión coa A-52 nun 66%, ao pasar de 11 a 4,5 quilómetros, e, adicionalmente, mellorará a conectividade coa autovía de Celanova.

O trazado escollido é a alternativa máis viable e axeitada, compaxinando a menor afección posible cos terreos, edificacións e infraestruturas xa existentes cos requirimentos técnicos que ten unha vía destas características. Así, a nova infraestrutura comezará no enlace de Gargantós da A-52, onde se conecta a propia autovía co viario local e a autovía AG-31 (Ourense-Celanova). A vía disporá de estruturas singulares como un viaduto de 510 metros sobre o rego de San Benito, 6 pasos inferiores e un superior.

A tramitación deste expediente expropiatorio, ademais de iniciar o proceso para a obtención dos terreos para a execución das obras, é necesaria neste momento para poder realizar as sondaxes xeotécnicas no punto exacto onde se situará a cimentación das pías do viaduto previsto, e así contar coa máxima información posible para a execución das obras.

Pulo á industria

O polígono de San Cibrao das Viñas conta con 5 millóns de metros cadrados de superficie; con máis de 300 empresas instaladas; e dá emprego a preto de 8.000 persoas. Trátase dun motor económico para toda a provincia que precisa das boas conexións coa rede viaria de alta capacidade para incrementar a súa eficacia na distribución de materias e mercadorías e xerar maior actividade.


A Xunta, consciente de que esta zona industrial é estratéxica na provincia, pretende impulsar unha conexión que atenderá a demanda empresarial e cidadá, favorecerá a mobilidade e os desprazamentos nesta área industrial e ofrecerá novas facilidades para que as industriais alí asentadas poidan medrar. A mellora das conexións suporá novas oportunidades para que o polígono se converta en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta