sábado, 11 de noviembre de 2017

Na celebración relixiosa do San Martiño, patrón de Ourense e na entrega do Premio “Ourensanía”

Celebramos hoxe a festividade de San Martiño, patrón de Ourense. Asistin a misa na Catedral.

Nela tivo lugar a ofrenda do alcalde da cidade, Jesús Vázquez ao Santo. Respostou o Deán D. José Pérez Domínguez.

Abordou temas de actualidade como os problemas en Cataluña que poñen en risco a convivencia e a unidade nacional e dixo que "Ourense non é un reduto illado do resto do mundo. A nosa cultura é maioritariamente expansiva, vai sempre na procura de novos horizontes, e séntese partícipe dos problemas e dos soños que mobilizan ao conxunto de Galicia e de España", engadindo que "ningunha voz sobra e, por iso, alzo a miña voz en nome de Ourense para pedir que se retome o camiño do entendemento e da concordia. Fágoo porque me sinto ourensán, galego e español"

Tamén  pediu ao Santo a súa protección fronte aos incendiarios. "Persoas que queiman a nosa terra e arrasan a nosa paisaxe, os nosos recursos produtivos e a nosa riqueza natural e etnográfica. Estamos fartos deles porque Galicia non merece o que lle fan".

Logo acudo ao Teatro Principal de Ourense ao acto oficial de entrega do VII Premio “Ourensanía” ao exfutbolista ourensán Miguel Ángel González, un dos que acadou máis altas cotas de recoñecemento na historia do fútbol español.

Recibiu un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O acto oficial contou, ademais do galardoado, coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o titular do goberno provincial destacou que Miguel Ángel “é un exemplo do mellor Ourense, exerce de ourensán, non esquece as súas orixes e as predica sempre con orgullo”, remarcando o seu carácter “de home agradecido coa súa terra e coa súa xente”.

Manuel Baltar subliñou “a nobreza, a grandeza e a sinxeleza de Miguel Angel, aspectos que o acompañaron durante a súa carreira no Real Madrid, deixando patente a súa clase persoal e deportiva nos mellores campos de fútbol do mundo”.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na súa intervención propuxo  “galeguizar España” como vía para “superar as incertezas do noso Estado das Autonomías. Lamentou que Cataluña, unha comunidade historicamente asociada á modernidade, a integración e ao emprendemento, se asocie agora “a escurantismo, fractura social e fuxida de empresas”. “Sen falsas modestias, creo que se antes España miraba a Cataluña como modelo autonómico, agora ten que mirar a Galicia”, afirmou.
Feijóo recordou que “galegos e ourensáns fomos o primeiro pobo global”, pois fomos pioneiros no uso do poder brando, que consiste en influír mediante a empatía, os valores e a cultura. “Conquistamos algo moi valioso: a admiración e o respecto das comunidades que nos acolleron”, asegurou.

Loou a ourensanía, un concepto aberto e flexible. “O reverso da ourensanía son as ideoloxías que buscan a división en razón da raza, do credo, da clase social, da bandeira ou da lingua”, advertiu o presidente.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta