Da actualidade política de hoxe, saliento
as declaracións do portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificando
de “eloxiable” a forma na que o Goberno central está a operar na negociación do
novo financiamento autonómico, ao contar primeiro cunha análise por parte de
expertos e buscar despois o consenso político, fundamentalmente co PSOE. Neste
debate, Puy indicou que a Xunta conta “con criterios tecnicamente xustificados,
non con fantasías como a suposta explotación fiscal de Galicia que sostén o BNG
en contra de toda evidencia académica ou numérica ao respecto”.
Pedro Puy sinalou que Galicia está
participando nos debates sobre o novo modelo de financiamento autonómico no seo
do Consello de Política Fiscal e Financeira sobre a base da proposición non de
lei aprobada no Parlamento galego e que o Grupo Popular pactou co Grupo
Socialista.
“Os puntos que defende Galicia están
claros”, asegurou Puy, quen citou en primeiro lugar, e como punto fundamental,
a suficiencia. Neste sentido, indicou
que “hai cuestións no ámbito da suficiencia que poden ser mellorados, como que
repercutan as subas do IVE nos ingresos da comunidade autónoma”.
“Galicia defende, ademais, unha
nivelación total, en contra da opinión dos nacionalistas doutras comunidades
autónomas que queren que o proceso de financiamento das comunidades non sexa
completo e non afecte a todos os servizos públicos, senón que se cinga exclusivamente
a algúns ámbitos como a educación, a sanidade e os servizos sociais, deixando
fora outros como a xustiza ou as infraestruturas”, apuntou.
CUSTOS REAIS
O portavoz popular afirmou que “Galicia está
apostando porque se teñan en conta os custos reais da prestación de
determinados servizos en función de circunstancias obxectivas e avaliables que
xeran un custo engadido, como o transporte escolar ou o gasto sanitario ou en
dependencia”. “Todo isto se debe traducir na existencia dun único fondo que
financie con criterios de nivelación as competencias homoxéneas que teñen todas
as comunidades autónomas; e as que non son homoxéneas, como a lingua, deben
quedar á marxe nun fondo específico para elas”, explicou.
Puy indicou que “o factor demográfico
tamén debería analizarse no financiamento autonómico”. Neste sentido, lembrou
que se trata dun “problema nacional pero que comezou afectando especialmente a
algunhas comunidades autónomas como a galega, porque tiñan unha pirámide de
idade especialmente complicada a consecuencia da emigración en décadas pasadas”.
“O que se está tratando é de poñer sobre
a mesa un sistema que permita resolver a insuficiencia xeral de recursos que
teñen as comunidades autónomas”, sinalou. Ademais, lembrou, tal e como xa ten
dito o Presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, que este novo sistema “ten
que ser por consenso a través do Consello de Política Fiscal e Financeira e co apoio
político co Partido Socialista”.
Pedro Puy subliñou
que, “a diferenza doutras ocasións nas que había pactos previos entre algunhas
comunidades autónomas para garantir a estabilidade parlamentaria”, nesta
ocasión “estase actuando dun xeito moito máis eloxiable, mellor e máis
favorecedor de grandes acordos que dea estabilidade ao financiamento autonómico”.
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta