Salientar que hoxe o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello o inicio da tramitación da primeira Lei de rehabilitación e de renovación e rexeneración urbana de Galicia, que facilitará a recuperación de 100.000 vivendas en núcleos rurais e centros históricos, apostando pola protección do patrimonio e a dinamización da actividade económica e social, así como a posta en valor a contorna.
“Estamos a falar dunha lei cuxo obxectivo básico é facilitar a recuperación do patrimonio que xa está construído, evitar o seu abandono e favorecer que as zonas rehabilitadas se convertan en lugares económicos e sociais dinámicos” aseverou, incidindo en que a conservación axeitada dos centros históricos e núcleos rurais é un foco de calidade de vida, de atractivo turístico e de cohesión social.
Ao longo da súa intervención, Feijóo precisou que o novo documento aposta pola planificación e a coordinación entre administracións; a eliminación de trabas burocráticas e a dotación de recursos económicos, sobre todo financeiros, como bases para facilitar a rehabilitación.
Baixo esas premisas desenvolveranse novas medidas que permitirán fixar dúas grandes metas: facilitar a rehabilitación de 100.000 vivendas grazas ás normas de aplicación directa; e reducir nun 40% os prazos para as modificacións substanciais do planeamento que permitan a recuperación dun determinado ámbito.
Feijóo aseverou que a prioridade será a recuperación dos núcleos rurais e dos centros históricos, especialmente os catalogados como Ben de Interese Cultural. E, para a recuperación destes últimos crearase a figura da Área Rexurbe, unha área de rexeneración de interese autonómico na que, ademais de reforzar as axudas públicas, a propia Administración autonómica realizará actuacións de rehabilitación, como as que xa está a facer en Betanzos, en Ferrol Vello, Ourense, Lugo ou Mondoñedo.
“A nova lei permitiranos avanzar nestas Áreas Rexurbe, abrindo a posibilidade de expropiar os edificios en ruínas ou nos que se incumpran flagrantemente as normas de conservación; e, noutros casos, este incumprimento gravarase mediante un canon que se destinará a investir na propia área”, explicou, ao que engadiu que tamén se potenciarán as medidas de coordinación e simplificación administrativa para a obtención de licencias e a aprobación de plans de dinamización que propicien unha recuperación completa da zona.
Co fin de acadar o máximo consenso posible, o responsable do Goberno galego destacou o inicio de xeito inmediato dunha primeira fase de exposición pública, para que a sociedade poida valorar e completar as bases desta lei, antes de seguir traballando no seu desenvolvemento, co obxectivo de que poida entrar no Parlamento no primeiro semestre de 2018.
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Éthel Vázquez, destacou que o Goberno galego empregará as áreas Rexurbe como principal ferramenta de acción autonómica para planificar a recuperación integral dun ámbito. Estas zonas contarán cun centro Rexurbe, que funcionará como xanela única de todos os servizos administrativos e técnicos necesarios para dar resposta máis rápida ás tramitacións de licenzas e axudas.
Concretou que dentro das áreas Rexurbe, defínense as zonas de especial necesidade de rehabilitación (ZER), nos ámbitos nos que sexa preciso realizar unha intervención urxente ou facilitar a instalación de equipamentos de especial relevancia nun edificio ou conxunto deles.
Precisou que será declarada polo Consello da Xunta e levará implícita a posibilidade de expropiación forzosa, minorando o prezo nun 50% cando os propietarios incumpran as obrigas de rehabilitar. Esa posibilidade terá en conta as circunstancias económicas persoais.
Precisou que será declarada polo Consello da Xunta e levará implícita a posibilidade de expropiación forzosa, minorando o prezo nun 50% cando os propietarios incumpran as obrigas de rehabilitar. Esa posibilidade terá en conta as circunstancias económicas persoais.
Así mesmo, explicou que se prevé a creación dun canon para gravar os edificios situados en área Rexurbe nos que se incumpre a obriga de rehabilitar, un tributo que definiu como “disuasorio” e excepcional, cuxa recadación irá destinada á avanzar na recuperación do ámbito.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta