miércoles, 29 de noviembre de 2017

Un informe do Observatorio Económico Ourensán inclúe un amplo mapa de especialización económica con datos de 13 sectores de actividade que teñen presenza nas 12 comarcas ourensás

Da actualidade política de hoxe destaco que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo-Campus de Ourense Andrés Mazaira, presentaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, referido á actividade económica por comarcas da provincia de Ourense, no que destaca que sete sectores sosteñen a especialización económica e laboral das comarcas de Ourense.

Manuel Baltar afirmou que o Observatorio “acada neste informe o máis amplo mapa de especialización económica das provincias, con datos de 13 sectores de actividade que teñen presenza nas 12 comarcas ourensás”; e destacou o peso de sectores como primario, público, comercio, transporte ou hostalería”, así como a importancia que terá, no horizonte de 2020, “á evolución do emprego tecnolóxico na provincia de Ourense”

O informe do Observatorio subliña precisamente ao Comercio como “motor das economías transfronteirizas”, situando o núcleo da industria da Automoción en Ourense e Valdeorras, e do sector Madeira e Mobles en Terras de Celanova, Carballiño e Valdeorras. Asemade, os índices de especialización máis elevados do sector Primario están en Caldelas, Trives e A Limia, mentres que a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta parte do emprego.

Desagregación inédita

Por primeira vez na análise e na interpretación estatística da provincia de Ourense, o Observatorio Económico Ourensán consegue identificar a posición e o protagonismo local que teñen trece sectores básicos da economía. Logra unha inédita desagregación comarcal que cuadruplica os niveis de estudo habituais -un máximo de tres sectores- dos traballos académicos ou de divulgación sobre a especialización sectorial dos territorios.

A primeira conclusión que extrae o Observatorio é que os trece sectores analizados teñen presenza en cada unha das doce comarcas ourensás, agás a industria extractiva en Terra de Caldelas e a fabricación de materiais de transporte (automoción) e grandes reparacións industriais en Terra de Trives.

Como segunda conclusión, a especialización económica e laboral da provincia de Ourense está plenamente baseada en sete sectores ou grupos de profesións, que son por orde decrecente os seguintes: o emprego público (inclúe o ensino, a sanidade, outros servizos e os postos xerados polas administracións); o comercio; a suma do transporte e da hostalería (comparten epígrafe estatístico); o sector primario; a construción; a industria extractiva; e o grupo das actividades de información, finanzas e servizos inmobiliarios e profesionais.

É dicir, entre os sectores analizados os que achegan un menor grao de especialización económica son a metalurxia e os produtos metálicos, eléctricos, electroquímicos e maquinaria; o grupo da madeira, mobles e papel; a fabricación de materiais de transporte e grandes reparacións industriais; a industria agroalimentaria; o resto da industria; e a enerxía, subministro de auga e xestión de residuos. Ningunha destas actividades figura entre as tres máis representativas de cada unha das comarcas de Ourense.

O comercio continúa a ser o primeiro motor das economías transfronteirizas, cunha excepción, a da Baixa Limia, polo desprazamento do núcleo desta actividade cara a comarca da que ten unha notable dependencia, Terras de Celanova. Deste xeito, os maiores índices de concentración do sector do comercio danse en Verín, Terras de Celanova e A Limia, aínda que con amplas diferenzas entre eles: en Verín impulsa o 29,9 % de todo o emprego comarcal, en Terras de Celanova o 20,1 % e na Limia o 19,9 %.

Ao ver desprazado o efecto transfronteirizo das actividades comerciais, a economía da Baixa Limia atopou refuxio laboral na hostalería, na que presenta a máis forte especialización de toda a provincia, xa que desa actividade (e máis da achega do sector do transporte) dependen un de cada catro empregos nesta zona fronteiriza con Portugal. Carballiño e Allariz-Maceda completan o liderado ourensán da hostalería, nos dous casos en niveis próximos ao 20 % na equivalencia sobre o emprego total.

Agroalimentación

A pesares da compoñente estratéxica da industria agroalimentaria e da captación de investimentos empresariais nos últimos anos, este sector aínda non se achega aos niveis desexables en posicionamento comarcal para acelerar o crecemento económico nas zonas rurais. Desde o enfoque da especialización sectorial, ten fortaleza no Ribeiro e de xeito moito máis moderado en Terra de Caldelas e Verín.

Dentro da industria, a automoción fixa o seu núcleo central en Ourense e Valdeorras. En Terra de Caldelas, por ser un mercado laboral cativo, as estatísticas tamén lle confiren á automoción e ás grandes reparacións industriais un peso relativo alto, en liña cos de Ourense e Valdeorras. Na metalurxia e produtos afíns, os pesos relativos máis significativos están asinados polas comarcas de Carballiño, Terras de Caldelas e Viana.  Na industria da madeira, mobles e papel, o liderado é propiedade de Terras de Celanova, Carballiño e Valdeorras; e nas enerxías, subministro de auga e xestión de residuos, localízase en Valdeorras, Allariz-Maceda e Viana, si ben con cativas aportacións na creación de postos de traballo.

No que atinxe á construción, na área comarcal de Ourense xa só impulsa 1 de cada 15 empregos, a proporción máis baixa da provincia (6,8 %), seguida do 8 % de Valdeorras e do 8,7 % de Terras de Caldelas. Sen embargo, este sector segue a ter un peso relativo alto en Terras de Celanova –onde sostén 1 de cada 6 postos de traballo-, e en Viana e na Baixa Limia, con proporcións comparables á de Terras de Celanova.

Xa no sector primario, os índices de especialización máis elevados sitúanse en Caldelas, Trives e A Limia, en aberto contraste cos das comarcas de Ourense, Valdeorras e Carballiño, onde xa só impulsa entre o 1,8 % e o 5,5 % do emprego. A agricultura, gandería e silvicultura tamén presentan, no laboral, un peso relativo inferior ao 10 % en Verín, Celanova e O Ribeiro. Pola súa banda, a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta parte do emprego. O Observatorio só identifica índices de especialización superiores ao da lousa en Valdeorras na comarca de Ourense, co 35,7 % no ensino, sanidade, outros servizos e emprego das Administracións; en Verín, co 29,9 % de peso relativo do comercio; en Terra de Caldelas, co 27,1 % no sector primario; e en Trives e no Ribeiro, que comparten niveis do 24,6 % tamén no ensino, sanidade, outros servizos e Administracións. O resto dos rexistros da provincia que amosan unha dependencia dun único sector superior ao 20 % son os do sector primario en Trives (21,7 %) e A Limia (20,5 %), os do comercio en Celanova (20,1 %) e A Limia (20 %) e o da hostalería e máis o transporte na Baixa Limia (21,7 %).

Ao compartir epígrafe de estudo con ramas de tanta dimensión laboral como a sanidade e o ensino, o emprego ligado ás administracións figura como o primeiro xerador de emprego en nove das doce comarcas da provincia. Unicamente na Limia, Verín e Viana esa suma de actividades pondera por debaixo do 20 %.

Nos servizos, a análise desagregada permite comprobar como se está a estender o debilitamento das profesións vinculadas á información, ás finanzas e aos servizos inmobiliarios e profesionais. En Terras de Caldelas apenas permiten fixar o 1 % de todo o emprego local, e en Trives e A Baixa Limia pouco máis do 2,5 %. O contrapunto leva o nome da comarca de Ourense, onde xa é un dos tres sectores con maior especialización, xunto co sector público e o comercio. Atribúese 1 de cada 7 empregos, é dicir, o 13,6 % do total. Para ver os seguintes rexistros máis elevados hai que descender ata o 6,8 % que acada ese grupo de profesións en Carballiño ou ata o 5,9 % de Valdeorras.  

Especializacións sectoriais

Á hora de definir o mapa provincial das especializacións sectoriais, o Observatorio Económico Ourensán aínda fai posible abordar outro novidoso ámbito de estudo: o das máis fondas desviacións -tanto positivas como negativas- con respecto dos valores medios da provincia. Así, encabezan ese particular ránking Caldelas, Trives e A Limia, debido á súa gran dependencia do sector primario. Caldelas sobrepasa en 22,4 puntos porcentuais o nivel medio provincial de especialización na agricultura e gandería (que está no 4,7 %), Trives en 17 puntos e A Limia en 15,8 puntos.


Verín está case 12 puntos por enriba da media ourensá de especialización no sector do comercio, Celanova nove puntos no da construción e O Ribeiro oito puntos no da industria agroalimentaria. Nas desviacións de trazo negativo, por transitar por debaixo das medias provinciais, só hai desequilibrios a dobre díxito na dependencia do sector público: A Limia figura 12,2 puntos por baixo da media da provincia, Verín 10,6, Viana 10,2 e Valdeorras 10,1 puntos.