Asisto
onte pola tarde na sede de Afundación en Ourense ao acto de conmemoración do 40
aniversario da Confederación de
Empresarios de Ourense (CEO).
O encontro
empresaria e social, estivo presidido polo actual presidente da CEO, José
Manuel Pérez Canal, así como polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o
presidente da Confederación Española de Pequenas e Medianas Empresas (CEPIME) e
vicepresidente da Confederación de Empresarios Españois (CEOE), Antonio
Garamendi; o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; e o alcalde de
Ourense, Jesús Vázquez.
Primeiro foi proxectado un vídeo conmemorativo dos 40 anos da
CEO, rememorando a súa historia desde a súa creación, o 5 de setembro de 1977,
até a actualidade, baixo o lema “40 anos de compromiso por Ourense”.
Falou en primeiro lugar José Manuel Pérez Canal, que despois de
agradecer o traballo dos predecsores e de facer repaso da historia e
traxectoria da CEO, aproveitou para pedirlle a Núñez Feijóo que axude a
axilizar as infraestruturas demandadas polos empresarios para facilitar a
actividade económica, como a execución da autovía A-76, Ourense-Ponferrada, da
autovía Ourense-Lugo, e da circunvalación norte de Ourense, infraestruturas do
Estado, e do enlace da A-52 co Polígono de San Cibrao, de titularidade
autonómica.
Interviron tamen o presidente de CEPYME, Antonio Garamendi, o da Deputación, Provincial José Manuel Baltar, e
o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
No
transcurso do acto foron entregados recoñecementos aos anteriores presidentes
da Confederación Empresarial de Ourense. Francisco Rodríguez, presidente de
1993 a 2013; Manuel Cabezas, durante o 1993; Manuel Martínez, que presidiu a
entidade entre o 1991 e o 1993; Miguel Ángel Pérez, presidente dende o 1986 até
o 1990; Guillermo Collarte, dirixente da entidade entre 1983 até o 1985; foi a
súa filla, Berta Collarte a que recolleu o premio. E, finalmente, Emilio Pérez
Nieto, presidente do 1977 ao 1983.
En nome dos premiado falou Emilio Pérez Nieto lembrando o difíciles inicios
da CEO, construindo o asociacionismo empresarial coa chegada da democracia a España.
Pechou
o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacando a determinación,
o afán por diferenciarse e a confianza dos emprendedores en Galicia como
elementos claves na recuperación económica.
Precisou
que estes tres aspectos están a contribuír a que a economía galega estea, por
exemplo, medrando por riba do 3%; a que se leven xa cinco anos consecutivos
marcando cifras récord en exportacións, cun incremento do 8% no que vai de ano,
e coa segunda mellor balanza comercial de España; e a que a industria en
Galicia estea cada día máis conectada á Universidade e aos centros tecnolóxicos
para ofrecer produtos e servizos máis innovadores.
Feijóo
aseverou, ademais, que todas estas cifras constatan o compromiso do Goberno
galego co emprendemento; en conseguir que o día a día das empresas e dos
emprendedores estea despexado de obstáculos, achegando solucións e certezas.
Nesta
liña, referiuse á aprobación da Lei de implantación empresarial, cuxo principal
obxectivo é que os trámites administrativos sexan unha garantía e non unha
encrucillada que enlenteza ou disuada a actividade económica. “E convencidos,
tamén, de que desenvolver un proxecto en Galicia ten que ser considerado como
un valor engadido por todo canto están a innovar os sectores estratéxicos; non
como un custo engadido polo prezo do solo industrial ou o pagamento de
impostos, tanto locais como autonómicos”, engadiu.
Así
mesmo, e no eido dos traballadores por conta propia, aseverou que contan con
medidas pioneiras como o Bono Autónomo para consolidar os seus negocios. Ao
respecto, precisou que máis de 4.000 autónomos galegos se beneficiarán o
vindeiro ano de axudas para iniciar a súa actividade, que poden chegar aos
4.000 euros para os menores de 30 anos; ademais de dispoñer de apoios para a
contratación indefinida de traballadores de entre 3.000 e 14.000 euros.
Foto de Carlos Hervella.- O Sil |
Ao
longo da súa intervención, o presidente da Xunta garantiu tamén o compromiso de
seguir apoiando a internacionalización das empresas a través de programas como
o Galicia Exporta; e o fomento da innovación nas pemes que queiran modernizarse
e avanzar neste ámbito.
Por
último, aproveitou o acto para
reivindicar a importancia da colaboración público-privada, facendo fincapé no
traballo conxunto e no diálogo permanente.
Feijóo tamén anunciou, con respecto
ás infraestruturas demandadas polos empresarios ourensáns, que nos Consellos da
Xunta que quedan neste ano “vaise aprobar a licitación do enlace co Polígono de
San Cibrao” e dixo que esta semana o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna,
estará en Galicia e que lle vai trasladar a petición da A-76, acceso central a
Galicia e o enlace de Ourense con Lugo, “que son as dúas únicas cidades que nos
quedan por comunicar”, asegurou.
Parabéns a CEO e o meu recoñecemento o traballo realizado
por esta asociación empresarial nestos corenta anos de vida.
Recibirá resposta
Recibirá resposta