Asisto esta mañá en Ourense ao acto de inauguración da exposición In tempore Sueborum (O tempo dos suevos na Gallaecia: 411-585)
Organizada pola Deputación de Ourense, en colaboración coa
Xunta de Galicia, o Concello de Ourense e o Bispado de Ourense, que permanecerá
aberta desde hoxe e ata o 4 de marzo de 2018, e que exhibe por primeira vez, en
tres espazos expositivos: o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a igrexa de
Santa María Nai e o Museo Municipal, 262 pezas de grande valor histórico-artístico
de 39 museos europeos, facendo un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia
medieval do século V. Reúne a colección máis destacada que se ten realizado
sobre o mundo suevo, na que destacan xoias e pezas ornamentais dunha princesa
sueva, utensilios e figuras artísticas en ouro e prata, vidro, madeira e ámbar,
e elementos relixiosos e funerarios.
O presidente do goberno provincial,
Manuel Baltar, cualificou, no acto inaugural, como “a exposición que sitúa a
Ourense á cabeza das grandes mostras que definen a identidade dun territorio, a
través da difusión e posta en valor do seu acervo cultural e
patrimonial”.
dixo que estamos a falar “dunha exposición
irrepetible e cargada de historia, armada de entidade política de seu: falamos
dunha época, hai máis de 1.600 anos, en que se configurou aquí o primeiro
Estado de Europa: o reino suevo da Gallaecia”, e remarcou que esta magna
exposición “faise posible nunha terra cunha xente, como os suevos,
traballadores, creativos e emigrantes, con capacidade e valentía para amosar a
milleiros de quilómetros da súa patria natal talento e decisión para converter
en realidade proxectos persoais e colectivos”.
O presidente da Deputación destacou que
no ano 411 d. C. “creouse unha entidade política baixo a forma de reino, anos
antes da constitución do primeiro reino visigodo en Aquitania. Este é un
feito que adquire especial significación no contexto político que estamos
vivindo en España, pois Galicia posúe argumentos históricos de peso e
inequívocos da súa identidade, que funden as súas raíces hai máis de 1.600
anos”.
Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia destacou
que esta exposición “amósanos que Ourense forma parte da inmortalidade da
historia e nos achega luz sobre o legado suevo, 150 anos da nosa historia,
dunha época da que pouco se sabía e que agora comezamos a saber máis”. Núñez
Feijoo dixo que os visitantes “non só verán nesta mostra pezas ou documentos, senón
que poderán revivir os tempos remotos do noso Ourense e a nosa Galicia dos que
nos antecederon”, e agradeceu ao presidente Manuel Baltar e á Deputación de
Ourense por esta mostra, “que nos recorda que todos somos eslabóns dunha cadea
que une o noso pasado co noso futuro”.
Pola súa banda, o alcalde de Ourense,
Jesús Vázquez, dixo que estamos “diante da exposición máis ambiciosa de toda a
Península Ibérica nestes momentos, unha aposta pola cultura con maiúsculas que
pon a disposición de todos o legado histórico dos suevos”.
O bispo de Ourense,
Leonardo Lemos, expresou o seu desexo que a mostra “contribúa a realzar un
exercicio de memoria verdadeira, que hoxe máis ca nunca precisamos, porque
estamos asistindo a novos relatos que tentan reconstruír unha nova historia sen
fundamento na realidade”. E o director territorial de Abanca en Ourense, Rubén
Saavedra, destacou o apoio da entidade “a iniciativas, que como esta, exercen
un papel importante como dinamizadores económicos da nosa provincia”.
Tres espazos expositivos
O comisario da mostra, Jorge López
Quiroga, explicou que a mostra estrutúrase en tres espazos expositivos, cada un
dos cales acolle un bloque temático. Así, o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”
exhibe pezas que sobre a temática da deconstrución dos bárbaros. A igrexa de
Santa María Nai céntrase no proceso de cristianización na Gallaecia da época
sueva, e o Museo Municipal permite coñecer o ámbito social e organizativo dos
suevos cos galaico-romanos.
In tempore sueborum fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia
entre os anos 411 e 585, sendo o primeiro reino medieval de occidente, situado
en Ourense. A mostra reúne 262 obxectos procedentes de museos de 10 países:
España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia,
Bélxica, Francia, Alemaña, e expóñense pezas dun alto valor histórico e
artístico, entre as que destacan xoias e elementos ornamentais dunha princesa
sueva, e diversos utensilios e figuras artísticas en ouro, prata, bronce,
vidro, madeira e ámbar, así como material funerario.
A mostra está recollida nun catálogo no
que participaron 60 investigadores, escrito en galego, castelán e inglés, que
marca un fito na historiografía sobre o mundo suevo. Ademais está dispoñible na
páxina web da mostra: www.intemporesueborum.es, na que se inclúe toda a
información sobre a exposición e o catálogo en versión dixital.
Parabéns. Estamos diante dunha exposición do máximo nivel.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta