sábado, 30 de diciembre de 2017

Mariano Rajoy : "Grandes infraestruturas, como esta Ponte de Rande, impulsan a nosa prosperidade, dan resposta á demanda social de mobilidade e conectividade e contribúen á vertebración territorial de España"


Esta mañá en Moaña, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, inaugurou o acto de apertura ao tráfico da ampliación da Autoestrada da Atlántico AP-9, no tramo O Morrazo - Teis, incluíndo a ampliación de capacidade da Ponte de Rande.

Acompañado polo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde Vigo, Abel Caballero e numerosas autoridades, traballadores, empresarios, enxeñeiros e profesionais que interviñeron na obra.

Interveu en primeiro lugar o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverando que con esta ampliación da Ponte de Rande os galegos “afrontamos mellor preparados o futuro”, máis aínda se se ten en conta que, de forma paralela e coordinada, a Xunta está a construír neste mesmo entorno a Autovía do Morrazo, “outra infraestrutura agardada e demandada e tamén de gran complexidade técnica”. Dúas actuacións que conxuntamente superan en investimento os 200 millóns de euros e que representan a maior transformación viaria desenvolvida nesta zona de Galicia nas últimas décadas.
O titular do Executivo autonómico afirmou que ambas obras contribúen á cohesión territorial e ao dinamismo económico de Galicia; a afianzar a recuperación, nutrindo a vitalidade da gran cidade do sur galego e axudando a que os seus efectos se estendan ao longo de todo o eixo atlántico, grazas tamén á ampliación desta autoestrada en Compostela.
Valorou a disposición do Goberno central para abordar na comisión conxunta sobre a AP-9 a imprescindible reflexión sobre o futuro da peaxe entre Vigo e Redondela, e incidiu na necesidade de impulsar sen novos custos en forma de peaxe actuacións pendentes na autoestrada, como son: a ampliación da avenida de Alfonso Molina; o nó de Bombeiros en Pontevedra; o enlace Orbital en Santiago de Compostela; e a necesaria remodelación do treito final da autoestrada na cidade de Vigo.
Expresou así o convencemento de que “máis pronto que tarde artellaremos unha solución satisfactoria”, dixo.
Nesta liña, lembrou que esta comisión, creada hai un ano, permitiu pórlle fin en pouco tempo a unha situación gravosa que Galicia arrastraba desde 2006: a obriga de financiar con 7 millóns de euros anuais as subvencións das peaxes de Rande e A Barcala que se aplicaban nesta autoestrada estatal. “E desa forma, todos os galegos nos liberamos da obriga de destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión”, abundou, incidindo na necesidade de manter activo este foro para conseguir que esta autoestrada responda mellor ás demandas e intereses dos galegos.
Feijóo concluíu destacando o compromiso do Goberno central con Galicia, reflectido na aposta por corrixir as históricas deficiencias desta terra en materia de infraestruturas: a ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago; a activación de todos os treitos da Autovía entre Lugo e Santiago; a posta en servizo do Eixe Atlántico ferroviario que permite salvar en pouco máis dunha hora a distancia entre Vigo e A Coruña; a defensa garantida da incorporación dos portos ao Corredor Atlántico de Mercadorías; e o compromiso coa finalización en 2019 das obras da liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e a Meseta.
O titular da Xunta quixo, ademais, agradecer o esforzo e traballo dos centenares de traballadores que executaron a ampliación da ponte de Rande. Unha ampliación, segundo recordou, planificada tempo atrás: decidida e acordada en canto ao seu deseño e forma de financiamento polo Goberno do presidente Zapatero, co seu ministro José Blanco; licitada e adxudicada en 2014 baixo a dirección da ministra de Fomento Ana Pastor; e executada e finalmente entregada baixo a dirección do ministro Íñigo de la Serna. “Quero agradecer a todos eles como presidente da Xunta a súa implicación, dedicación e determinación”, rematou. 
Interveu a continuación o presidente Mariano Rajoy sinalando que é un privilexio dar a benvida ao novo ano "ampliando pontes que unen e non separan". Na súa intervención, Rajoy lembrou que a Ponte de Rande, que agora se amplía, terminou de construírse en 1978 e que, precisamente hai 40 anos, "os españois tamén puxemos en marcha unha das obras máis fascinantes da arquitectura política do século XX, a nosa Transición, que foi unha excepcional ponte de reconciliación e concordia polo que transitamos os mellores anos de democracia e modernización en España".

Ademais, engadiu o presidente, hoxe cúmprense 25 anos da entrada en vigor en España do Tratado de Maastricht. "É unha efeméride que nos lembra a nosa vocación europea e o moito que avanzou España no espazo social, político e económico da Unión. Os grandes proxectos, como o da construción europea e o das grandes infraestruturas, como esta Ponte de Rande, impulsan a nosa prosperidade, dan resposta á demanda social de mobilidade e conectividade e contribúen á vertebración territorial de España".

Na súa intervención, recoñeceu que 2017 non foi un ano fácil e, con todo, "o conxunto da economía española mantivo unha sólida expansión e crecemos por encima do 3 por cento por terceiro ano consecutivo". Segundo Mariano Rajoy, existen motivos para o optimismo "porque a economía española leva catro anos encadeados de crecemento e, o máis importante, creamos emprego.

Por primeira vez desde hai 8 anos xa somos 19 millóns de ocupados, unha cifra que non se lograba en España desde o terceiro trimestre de 2009". "Fixemos o máis difícil: superar a crise e retomar a senda de prosperidade e estamos en condicións de conseguir o obxectivo de ser 20 millóns de persoas traballando a finais de 2019. 

Queremos que a recuperación chegue a todos e, con ese propósito, acabamos de asinar cos axentes sociais un pacto para subir o salario mínimo un 20 por cento en tres anos", subliñou Rajoy.

 O presidente do Goberno resaltou que "a economía española é hoxe moito máis competitiva e está máis envorcada ao exterior e o noso principal sector exportador, o turismo, volveu superarse a si mesmo". Mariano Rajoy insistiu en que os esforzos do Goberno "están e estarán orientados á xeración de emprego e prosperidade e no mantemento da estabilidade, a certidumbre e a seguridade que fan posible a mellora do benestar de todos. Teñan por seguro –sinalou o xefe do Executivo- que o Goberno seguirá traballando ao servizo do interese xeral pensando sempre nas persoas porque esta é a única forma posible de entender a política".

Rajoy asegurou que quere que o AVE chegue a Galicia e manifestou o firme compromiso do seu Goberno de finalizar as obras do corredor de Alta Velocidade en 2019, "pero antes, en 2018, propoñémonos acabar o tramo entre Zamora e Pedralba",engadiu.

Ademais, o presidente destacou "a recente decisión do Consello de Ministros de asumir o custo da bonificación que ata agora abonaba a Xunta para diversos tramos da autoestrada AP-9, que ao longo de todo o período da concesión alcanzará os 400 millóns de euros".

E en referencia aos aeroportos, Rajoy sinalou que se fará un investimento total de 50 millóns de euros nos próximos 4 anos. "Galicia está en marcha e crece e o seu impulso é o de España. As súas infraestruturas son un claro exemplo", concluíu o presidente.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta