Esta
mañá na Cidade da Cultura tiven a oportunidade de participar no acto de
presentación da Estación Intermodal de Santiago de Compostela.
Comezou o acto coa intervención
do responsable técnico do proxecto, o seu director, Xullo Alberto Rodríguez de
ADIF, e o arquitecto Abraham Piñate, que falaron das súas catro pezas singulares: a construción dunha nova praza urbana, a adecuación do tráfico rodado, a edificación dunvestíbulo sobre as vías e o levantamento dunha pasarela peonil que conectará as estacións de tren e autobús cos barrios lindeiros.
Logo foi a quenda do alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega que destacou o compromiso
"de todas as administracións e de todas as persoas que traballaron de
maneira intensa nos últimos meses para facer posible este proxecto". Tamén
apelou á necesaria cooperación, e mostrouse convencido de que
"en 2018, todo o sementado con este traballo colaborativo empezará a dar
os seus froitos, que serán unha intermodal da que todos e todas poidamos
desfrutar antes do Ano Santo de 2021".
A continuación interveu o ministro Íñigo de la Serna, que
aproveitou para dar información sobre a evolución dos proxectos do Ministerio
de Fomento en Galicia Falou da próxima apertura da ponte de Rande, na
autoestrada AP-9 que pronto comezará a soportar probas de carga, ou a
inauguración da circunvalación de Santiago de Compostela na mesma vía pois está
apunto de finalizar. Tamén das vías de penetración desta autoestrada en Vigo e
A Coruña. Aludiu á autovía A-54 entre Santiago e Lugo, Arzúa e Melide e ao
comezo das obras no tramo entre Palas de Rei e Melide.
En relación con Ourense
mencionou o impulso ao variante norte, á circunvalación do Barco de Valdeorras
e á A-76 .
Pechou o acto o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, propondo ao Goberno central que as obras de ampliación da AP-9
non se volvan facer con cargo a peaxes senón con cargo a presupostos do Estado,
referíndose ao enlace orbital de Santiago, así como á mellora da entrada desta
autoestrada na cidade da Coruña e na cidade de Vigo.
“Esta é a proposta da Xunta para que non volvamos cara
atrás: que a mellora da conectividade en Santiago, na Coruña, en Vigo e en
Pontevedra da AP-9 se fagan con orzamentos do Estado e non cun incremento das
políticas de peaxes”, abundou, valorando tamén a disposición do Executivo
central para avaliar na comisión mixta da AP-9 un tratamento para a peaxe en
Redondela.
Respecto a isto, Feijóo sostivo que é moi difícil explicar que se poida rebaixar un
50% os traxectos de ida e volta entre Pontevedra e Vigo “e que, porén, non teña
ningún tipo de bonificación unha peaxe como a de Redondela, que é a máis
próxima a Vigo”. E trasladou ao ministro a disposición de que na comisión mixta
se estude a posibilidade de que esta peaxe se bonifique ou se suprima de acordo
cunha política de peaxes baseada na totalidade, do mesmo xeito que se fixo en
Rande ou na Barcala.
Nesta liña, lembrou que a comisión, creada hai un ano,
permitiu pórlle fin en pouco tempo a unha situación gravosa que Galicia
arrastraba desde 2006: a obriga de financiar con sete millóns de euros anuais
as subvencións das peaxes de Rande e A Barcala que se aplicaban nesta
autoestrada estatal. E, desta forma, liberar a todos os galegos da obriga de
destinar a ese fin 400 millóns de euros ata o remate da concesión.
Na presentación, Feijóo agradeceu tamén o compromiso de seguir en contacto
permanente para acreditar o desenvolvemento das obras do AVE segundo o
comprometido. “Así, a variante entre Ourense e Vigo ten que proseguir de acordo
co pactado”, recordou. Ao que engadiu que “Lugo non pode quedar descolgado de
ningún xeito da alta velocidade ferroviaria, pareceríanos que iso sería algo
impropio dunha Comunidade que o que busca é unha conexión entre o interior e a
costa”.
Aludiu así mesmo a Ferrol e á proposta razoable de
mellorar as vías para facilitar a conectividade coa Coruña e co resto do Eixo
Atlántico, “un compromiso que está na axenda”.
No tocante á rede galega de transporte de mercadorías,
o responsable do Goberno galego gabou a decisión do Goberno central de que este
Corredor do Noroeste quede dentro, xa a partir do próximo ano, dos compromisos
europeos de financiamento, dando solución así a unha omisión que se producira
na negociación entre España e a UE no 2010, e que levou a que este corredor non
estivese, nin sequera, na planificación.
Ao longo da presentación da nova estación intermodal
da capital da Comunidade, Feijóo aseverou que os galegos asistimos ao arrinque
dunha infraestrutura que, ademais de prestar con moita máis eficacia un servizo
fundamental para os veciños, dotará esta cidade dun novo elemento de cohesión.
Así mesmo, e logo de precisar que a Xunta acaba de
autorizar a licitación das obras da primeira fase, co fin de que no primeiro
semestre de 2018 comecen os traballos da estación de autobuses, na que a Xunta
investirá case 11 millóns de euros, o presidente autonómico resaltou que,
paralelamente, as administracións central, autonómica e local avanzan nos
trámites para impulsar xuntos a pasarela que, ademais de conectar ambos os
espazos, permitirá eliminar a barreira que tradicionalmente viña separando os
barrios do Ensanche e de Pontepedriña. “Deste xeito, progresivamente, irase
desenvolvendo o proxecto completo da estación, que deberá contar, ademais, cos
accesos viarios axeitados”, abundou.
Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo
autonómico fixo fincapé en que as estacións intermodais teñen detrás o traballo
técnico e a planificación económica necesarios para poder convertelas en
realidade no curto prazo. “Non en van, hai outro proxecto con igual avance para
a estación intermodal de Ourense, de Vigo e de Pontevedra; e temos que
concretar o proxecto da estación intermodal da Coruña, ademais de seguir
avaliando as necesidades dunha estación intermodal en Lugo e en Ferrol”,
resaltou.
Feijóo incidiu en que estas infraestruturas, e especialmente a estación
intermodal de Santiago, son o mellor exemplo dun traballo conxunto e
coordinado. E aseverou, tamén, que a estación intermodal de Santiago é a mellor
mostra do obxectivo que se procura: unhas infraestruturas que, ao unir nun
mesmo espazo as terminais de ferrocarril e de autobuses, representan unha forte
aposta polo transporte público; vencelladas de forma indisociable a ese grande
obxectivo de país que é a chegada do AVE a Galicia; e que se erixen como pezas
fundamentais na trama urbana porque se integran no seu contorno e contribúen a
facer cidade.
No tocante á ampliación da AP-9 ao seu paso por
Santiago, Feijóo remarcou que nesta circunvalación se encontran os tráficos
procedentes de: Ourense e o Deza, a través da AP-53; da Estrada, pola AG-59; de
Noia, pola AG-56; de Lugo, a través da futura autovía A-54; e de todo o Eixe
Atlántico a través da propia AP-9.
Recibirá resposta