Onte escoiteie, como millóns de cidadáns, a mensaxe da Súa Maxestade o Rei Felipe VI:
Foi a seguinte:
" Boas noites,
Diríxome a todos vós para felicitarvos o Nadal e transmitirvos xunto á
Raíña, a Princesa de Asturias e a Infanta Sofía os nosos mellores desexos
para o ano 2018.
E agradézovos que nesta noite de encontro de familias e de seres
queridos, me permitades acompañarvos uns minutos para compartir
convosco algunhas reflexións cando estamos xa a punto de rematar o
ano.
2017 foi en España, sen dúbida, un ano difícil para a nosa vida en común;
un ano marcado, sobre todo, pola situación en Cataluña, á que logo me
referirei.
Pero tamén foi un ano no que comprobamos o compromiso moi sentido,
firme e sincero dos españois coa España democrática que xuntos
construímos.
Porque durante os últimos 40 anos, conseguimos facer realidade un país
novo e moderno, un país entre os máis avanzados do mundo:
Asentamos definitivamente a democracia, mesmo superando hai décadas
un intento de involución das nosas liberdades e dereitos.
Somos unha parte esencial dunha Unión Europea coa que compartimos
obxectivos e unha mesma visión do mundo.
Fronte ao terrorismo conseguimos facer prevalecer a vida, a dignidade e a
liberdade das persoas coa forza das nosas conviccións democráticas.
E levamos a cabo, en fin, a transformación máis profunda da nosa historia
en moitos ámbitos da nosa vida: en educación e en cultura, en sanidade e
en servizos sociais, en infraestruturas e en comunicacións, ou en defensa
ou en seguridade cidadá.
En definitiva, ao longo de todos estes anos de convivencia democrática,
os dereitos e liberdades, o progreso e a modernización de España, e
tamén a súa proxección e relevancia internacional, foron da man.
E todo ese gran cambio, todo ese gran salto sen precedentes na nosa
historia, foi posible grazas a unha España aberta e solidaria, non
encerrada en si mesma; unha España que recoñece e respecta as nosas
diferenzas, a nosa pluralidade e a nosa diversidade, cun espírito
integrador; unha España inspirada nunha irrenunciable vontade de
concordia.
No camiño que percorremos, dende logo, hai que recoñecer que non todo
foron acertos; que persisten situacións difíciles e complexas que hai que
corrixir, e que requiren dun compromiso de toda a sociedade para
superalas.
Malia todo iso, o balance tan positivo de todos estes anos é innegable.
Temos que aprecialo e valoralo.
Paga a pena e merecémolo como país e
como sociedade.
Porque a historia da España que xuntos construímos é a historia dun gran
triunfo de todos os españois. Unha España á que non debemos renunciar,
que debe ilusionar e motivarnos, e que debemos seguir construíndo,
mellorándoa, actualizándoa, sobre a base sólida dos principios
democráticos e os valores cívicos de respecto e de diálogo que
fundamentan a nosa convivencia.
Uns principios e valores que, como comprobamos mesmo neste ano 2017,
están profundamente arraigados na nosa sociedade, na vida diaria dos
nosos cidadáns, e teñen raíces moi fondas nas conciencias e nos
sentimentos dos españois. Moito máis do que nos podiamos imaxinar.
España é hoxe unha democracia madura, onde calquera cidadán pode
pensar, defender e contrastar, libre e democraticamente as súas opinións
e as súas ideas; pero non impoñer as ideas propias fronte aos dereitos
dos demais.
Respectar e preservar os principios e valores do noso Estado social e
democrático de Dereito é imprescindible para garantir unha convivencia
que asegure “a liberdade, a igualdade, a xustiza e o pluralismo político”,
tal e como sinala a nosa Constitución. Porque cando estes principios
básicos se creban, primeiro deteriórase a convivencia e logo faise inviable.
Hai uns días, os cidadáns de Cataluña votaron para elixir os seus
representantes no Parlament, que agora deben afrontar os problemas que
afectan a todos os cataláns, respectando a pluralidade e pensando con
responsabilidade no ben común de todos.
O camiño non pode levar de novo ao enfrontamento ou á exclusión, que –
como sabemos xa– só xeran discordia, incerteza, desánimo e
empobrecemento moral, cívico e ,por suposto, económico de toda unha
sociedade.
Un camiño que, en cambio, si debe conducir a que a convivencia no seo
da sociedade catalá, tan diversa e plural como é, recupere a serenidade, a
estabilidade e o respecto mutuo; de maneira que as ideas non distancien
nin separen as familias e os amigos. Un camiño que debe conducir tamén
a que renaza a confianza, o prestixio e a mellor imaxe de Cataluña; e a
que se afirmen os valores que a caracterizaron sempre na súa propia
personalidade e lle deron os mellores momentos da súa historia: a súa
capacidade de liderado e de esforzo, o seu espírito creativo e vocación de
apertura, a súa vontade de compromiso, e o seu sentido da
responsabilidade.
Pero superar os problemas de convivencia que xerou esta situación non
nos pode facer esquecer, por suposto, outras serias preocupacións e
desafíos da sociedade española, que tamén condicionan o noso futuro e
aos que me vou referir moi brevemente:
A nosa economía e o emprego melloraron substancialmente, pero a
creación de postos de traballo estables ten que ser sempre un obxectivo
esencial e prioritario. Como igualmente non pode caer no esquecemento a
obriga e a responsabilidade de afrontar a desigualdade e as diferenzas
sociais, sobre todo tras as consecuencias xeradas pola recente crise
económica, que tanto dano fixo a non poucas familias, e afectou tanto o
futuro de moitos mozos.
O terrorismo yihadista segue a ser unha ameaza mundial e este ano nós
sufrímolo directamente en Barcelona e Cambrils. Os españois sabemos
moi ben que só dende a unidade democrática, a firmeza do Estado de
Dereito, e a eficacia da cooperación internacional, poderemos vencelo e
derrotalo. E así o faremos, tendo sempre moi presentes o recordo e o
respecto permanente ás súas vítimas.
A corrupción mantense tamén como unha das principais preocupacións da
sociedade, que demanda que sigan tomándose as medidas necesarias
para a súa completa erradicación e que os cidadáns poidan confiar
plenamente na correcta administración do diñeiro público.
Por outra parte somos Europa, e Europa encóntrase nestes momentos
nunha encrucillada histórica. España debe recuperar o seu protagonismo
nun proxecto europeo que agora require dunha maior vitalidade e
impulso. Europa –e España con ela– ten que facer fronte a uns retos que
son globais e ante os que non cabe a debilidade ou a división senón a
fortaleza da unión.
A defensa do medio e a loita contra o cambio climático non son problemas
menores nin secundarios pola dimensión e os riscos que carrexan e que
xa estamos a sufrir. Debemos ser moi conscientes diso, e implicarnos
todos moito máis. E España debe manterse firme nos seus compromisos
ante un problema que afecta a todo o planeta e que require solucións non
só globais, senón verdadeiramente urxentes.
Temos outras moitas preocupacións –dende logo– pero esta noite non
quero esquecerme das mulleres que, nun silencio tantas veces imposto
polo medo, sofren a violencia de xénero. Unha eiva inadmisible que nos
fere nos nosos sentimentos máis profundos e nos avergonza e indigna.
Manteñamos a firmeza e o apoio político para axudar e defender as
vítimas e concienciemos a toda a sociedade contra esa violencia, criminal
e covarde, que degrada a nosa convivencia.
2018 agárdanos nuns días e debemos seguir construíndo o noso país,
porque a historia non se detén. E non chegamos ata aquí para temer ao
futuro senón para crealo.
E estou seguro de que ninguén desexa unha España paralizada ou
conformista, senón moderna e atractiva, que ilusione; unha España
serena, pero en movemento e disposta a evolucionar e a adaptarse aos
novos tempos.
Sintámonos, sen complexos, orgullosos de todo o que conseguimos
porque é mérito de todos; confiemos no que sempre nos uniu, no que
somos, tal e como somos, e sobre todo no que podemos alcanzar xuntos
cunha fe firme nas nosas conviccións e nas nosas capacidades. Se
seguimos por ese camiño, se o facemos así, e con todas as nosas
enerxías, eu estou convencido de que o ano que vén, e os que virán
despois, serán moito mellores.
Sen dúbida.
Ese é o meu desexo para todos nesta noite tan especial.
Moitas grazas.
Feliz Navidad, Eguberri on, Bon Nadal e Boas festas.
Boas noites. E feliz e próspero ano 2018."
Recibirá resposta