Onte os presidentes das tres comunidades autónomas do
noroeste, Galicia, Asturias e Castela e León, celebraron en Oviedo un "Encontro" no que abordaron diversas cuestións comúns que afectan os seus territorios: entre outros, a
loita contra os incendios forestais, o declive demográfico e as previsións de
reforma do financiamento autonómico.
Ao finalizar rubricaron a seguinte
Declaración Institucional, que por certo comparto plenamente:
"REUNIDOS
Dunha parte, o Excmo. Sr. D. Alberto Núñez Feijóo,
presidente da Xunta de Galicia, nomeado polo Real Decreto 423/2016, de 11 de
novembro.
Doutra parte, o Excmo. Sr. D. Javier Fernández
Fernández, presidente do Principado de Asturias, nomeado polo Real Decreto
704/2015, de 22 de xullo.
E de outra, o Excmo. Sr. D. Juan Vicente Herrera
Campo, presidente da Junta de Castilla y León, nomeado polo Real Decreto
617/2015, de 3 de xullo.
EXPOÑEN:
I. QUE COMPARTEN intereses
comúns as tres comunidades autónomas, froito das súas características
socioeconómicas, da súa relación de veciñanza e dos seus profundos vínculos
históricos. O Goberno do Principado de Asturias, a Xunta de Galicia e a Junta
de Castilla y León, conscientes da importancia que para os cidadáns das comunidades
comporta a suma de esforzos entre administracións autonómicas, veñen mantendo
unha relación de colaboración e confianza mutua que se propoñen reforzar.
II. CONSIDERAN que as
relacións de colaboración do Goberno do Principado de Asturias, a Xunta de
Galicia e a Junta de Castilla y León se enmarcan no necesario profundamento da
cooperación territorial horizontal entre comunidades autónomas, e de estas,
pola súa vez, coa Administración Xeral do Estado, nunha dinámica de lealdade
institucional dentro do respecto á Constitución e dirixida a un desenvolvemento
harmónico do Estado das Autonomías
III. COINCIDEN na necesidade de promover e impulsar un novo modelo
de financiamento autonómico, tal e como se acordou na última reunión da
Conferencia de Presidentes, que se fundamente no pleno respecto á Constitución,
e en concreto, ao principio de igualdade entre todos os españois recollido no
artigo 139.1, o cal garante que todos os españois teñen os mesmos dereitos, con
independencia de onde vivan, e no artigo 138.2 que establece que as diferenzas
entre os estatutos non poderán implicar, en ningún caso, privilexios económicos
ou sociais.
IV. CONSTATAN, como socios
fundadores do Foro Español de Regiones con Desafíos Demográficos (FREDD), a
necesidade de estreitar a cooperación e dar un novo impulso á estratexia de
dinamización demográfica das tres comunidades autónomas do noroeste peninsular
impulsando iniciativas que freen a perda de poboación e o envellecemento e
favorezan a fixación de habitantes, especialmente no medio rural. Así mesmo,
manifestan a súa firme vontade de seguir colaborando a través do FREDD na
elaboración da “Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico”, cuxa
elaboración e desenvolvemento por parte do Goberno de España foi un dos acordos
da última reunión da Conferencia de Presidentes.
V. RECOÑOCEN que as tres
comunidades autónomas veñen mantendo, desde hai anos, diversas liñas de
cooperación institucional, entre elas, as relativas á protección do medio
natural na loita contra os incendios forestais, a protección civil e a xestión
dos servizos de emerxencia. Colaboración que se sustentou nos seguintes
convenios e protocolos de colaboración:
- Convenio de colaboración entre a Comunidade Autónoma
de Galicia e a Comunidad Autónoma de Castilla y León, en materia de extinción
de incendios forestais, de 30 de xullo de 2001.
- Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León de 20 de xaneiro de 2010.
- Convenio de colaboración entre as comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e Castilla y León para a prevención e extinción de incendios forestais de 1 de outubro de 2010.
- Convenio marco de colaboración e apoio mutuo entre as comunidades autónomas
do Principado de Asturias e de Galicia en materia de protección civil e xestión
de emerxencias de 30 de xuño de 2015.
O pasado mes de outubro as tres comunidades autónomas
fixeron fronte a graves episodios de incendios forestais que afectaron miles de
hectáreas, bens materiais, e no caso de Galicia, lamentablemente, vidas
humanas. Diversas entidades e persoal experto na materia apuntan a que o
incremento do risco de grandes incendios e a potencial afección de zonas
habitadas son as principais ameazas ás que nos enfrontamos nos próximos anos,
un fenómeno que consideran seguirá progresando polos efectos do cambio
climático en todo o planeta.
A iso engádese o risco potencial derivado de
condiciones meteorolóxicas extremas que en condicións de elevada simultaneidade
de incendios intencionados, dificultan gravemente os labores dos operativos de
extinción e, consecuentemente, a protección sobre as persoas, os seus e o medio
ambiente.
Segundo fontes estatísticas do Ministerio de
Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, no período 2015-2016
producíronse 37 grandes incendios forestais (GIF) en España cunha superficie
total afectada de 72.008,9 hectáreas, dos cales un 49% se rexistraron nas
comunidades autónomas de Galicia, Asturias e Castilla y León, cun grado de
afectación do 34% (24.431,57 hectáreas) sobre o total da superficie forestal.
En consecuencia, os gobernos das tres comunidades autónomas participantes no Encontro
DECLARAN:
Primeiro.- Que consideran necesario impulsar de forma
urxente un novo modelo de financiamento autonómico, tal e como se acordou na
última reunión da Conferencia de Presidentes, que debe reforzar os seguintes
principios:
1. A garantía da prestación de niveis similares de
servizos públicos en todas as comunidades autónomas, con independencia da súa
capacidade para xerar ingresos tributarios, garantindo a suficiencia dinámica
naqueles supostos en que os ingresos non evolucionen de forma homoxénea.
2. O novo sistema debe ser o resultado dun consenso multilateral no seo do Consejo de Política Fiscal y Financiera, en no cal se teñan en conta as necesidades e posicións de todas as administracións afectadas, fuxindo de calquera tipo de negociación bilateral.
3. A corrección dos déficits de financiamento nos servizos que presenta o modelo vixente, dotando o sistema de maiores recursos.
4. A potenciación do principio de suficiencia garantindo que as comunidades autónomas dispoñan dos recursos precisos para financiar o total dos servizos da súa competencia tanto no presente como no futuro. O sistema debe garantir a suficiencia dinámica a través da vinculación dos recursos que atribúe o sistema de financiamento á evolución dos ingresos tributarios totais do Estado.
5. Debe definirse un sistema de nivelación total, que garanta a suficiencia para todos os servizos asumidos. Para iso existirá un catálogo de servizos, cuxa financiación estea asegurada a través dos recursos que o sistema atribúe ás comunidades autónomas.
6. A incorporación da cláusula tradicional en todas as reformas do sistema de financiamento, conforme á cal ningunha comunidade autónoma empeora a súa posición financeira como consecuencia da reforma.
7. A potenciación dos mecanismos de nivelación, a través dunha dotación suficiente destes mecanismos.
8. No desenvolvemento dos principios de suficiencia estática e dinámica e de nivelación, as necesidades de financiamento das comunidades autónomas deberán fixarse atendendo aos determinantes das súas necesidades de gasto reais. Mentres se utilice un sistema de aproximación indirecta deberán terse en conta, en maior medida, variables tales como os custos fixos, a orografía, a superficie, a dispersión, a baixa densidade, a baixa taxa de natalidade ou o envellecemento e sobreenvellecemento da poboación, entre outros.
9. A avaliación das necesidades reais realizarase de forma específica en relación aos gastos vinculados á educación, á asistencia sanitaria e aos gastos sociais.
- Avaliarase de forma diferenciada o efecto da aplicación da Lei de dependencia. O cálculo das necesidades reais realizarase tendo en conta as seguintes variables: número de persoas dependentes atendidas, grao de dependencia, tipo de prestación e dependentes potenciais e a dispersión territorial. O financiamento deberá ser suficiente para alcanzar os niveis de cobertura recollidos orixinalmente na Lei de dependencia.
- Avaliarase de forma especial o déficit no financiamento do gasto sanitario e a dinámica de crecemento deste gasto. En particular, o gasto sanitario ponderarase en función do seu peso actual no gasto real das CC.AA., e financiarase axustando a variable grupos de idade do gasto sanitario, recollendo a creación de novos tramos a partir dos 65 anos (maiores de 85 años) e aumentando a súa ponderación, tal e como vén evidenciando a dinámica deste gasto. Ademais realizaranse revisións periódicas para axustar estes indicadores e a ponderación, de forma que se garanta a suficiencia dinámica do gasto sanitario no modelo de financiamento.
- Terase en conta o investimento en políticas de conciliación da vida laboral, familiar e persoal e de apoio á natalidade.
10. A avaliación do comportamento dos mecanismos de
revisión anual incorporados no actual sistema de financiamento.
11. A plena efectividade do principio de lealdade institucional, que impida que decisións do Estado afecten a capacidade financeira das comunidades autónomas para facer fronte á prestación dos servicios, debendo estas ser compensadas pola totalidade dos efectos financeiros que poidan producirse. A tal efecto, deberá procederse á avaliación, no marco do principio de lealdade institucional previsto no actual sistema, das diferentes medidas adoptadas polo Estado que puidesen afectar os ingresos e gastos autonómicos.
12. A redefinición da recadación normativa de modo que se garanta que a cada territorio se lle imputan os recursos que lle corresponden, e que as comunidades autónomas, no exercicio da súa autonomía financeira, asuman a plena responsabilidade dos incrementos e diminucións de recadación que sexan consecuencia do exercicio da súa capacidade normativa. Neste sentido, debería impulsarse unha ordenación sobre unhas bases comúns do regulamento dos tributos cedidos (como xa sucede co IRPF), garantindo unha recadación homoxénea en todo o territorio que sirva como elemento de apoio ás necesidades de gasto e fomente a corresponsabilidade fiscal.
13. A potenciación das políticas de desenvolvemento rexional e, en concreto, do Fondo de Compensación Interterritorial, instrumento constitucionalmente ligado ao principio de solidariedade a través de recursos adicionais aos do sistema de financiamento, mediante unha adecuada dotación orzamentaria e unha reforma dos elementos de reparto.
14. A reforma do sistema de financiamento deberá abordar a situación dos
mecanismos extraordinarios de apoio á liquidez das comunidades autónomas baixo
as premisas de que as diferenzas entre comunidades autónomas no volume de
débeda acumulada non se corresponden cun eventual mellor ou peor financiamento
relativo asignado polo actual sistema e que as medidas que se adopten deberán
respectar unha igualdade de trato entre todas as comunidades autónomas.
15. A avaliación do impacto das reformas en materia de Administración local
sobre o financiamento e as necesidades de gasto das comunidades autónomas. Así
mesmo consideran necesario que se aborde a necesaria reforma do financiamento
local.
Segundo.- Que consideran as dificultades que os
desafíos demográficos presentan para os seus territorios respecto da prestación
de servizos públicos de calidade. Por iso, declaran necesaria a aprobación da
“Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico”, adoptada no seo da última
reunión da Conferencia de Presidentes, que deberá recoller compromisos
orzamentarios do Goberno de España e ter en conta o custo real e efectivo da
prestación de servizos e do desenvolvemento de políticas de conciliación e de
apoio á natalidade en cada territorio.
En particular, para abordar a Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico, comparten os cinco eixes de traballo formulados polo Foro de Regiones con Desafíos Demográficos na súa reunión do 26 de xuño de 2017, coas propostas máis urxentes:
- Favorecer un envellecemento activo e saudable na contorna habitual e converter nunha oportunidade os retos derivados da lonxevidade da poboación, a través da innovación social, a investigación e a promoción da economía do envellecemento. Fomentar a capacitación dixital das persoas maiores e dotar de infraestruturas e equipamentos o territorio, garantindo a accesibilidade, mobilidade e o transporte.
- Creación de contornos favorables para as familias, aproximando a natalidade realizada coa desexada, mediante políticas de vivenda e de conciliación da vida laboral, familiar e persoal, con medidas incentivadoras a familias con baixos niveles de renda e membros con discapacidade o dependencia, así como con políticas empresariais a favor da igualdade.
- Xerar maiores oportunidades para a xuventude, apoiando a xeración de emprego e formación, e adecuando os incentivos públicos orientados ao primeiro emprego e ao emprego xove ás demandas reais.
- Promover novas condicións de vida para atraer nova poboación, tales como programas de vivenda para os mozos e con escasos recursos, así como a conectividade á banda larga, aplicando liñas “Smart city” en zonas en declive demográfico para a incorporación de talento xove, emprendedores e tecnoloxía. Tamén se busca promover iniciativas en áreas como turismo, artesanía, agricultura, gandería, biomasa e outras enerxías renovables.
- Propiciar un desenvolvemento económico e social sustentable no medio rural, impulsando estratexias de economía verde e circular de aproveitamento dos recursos naturais de loita contra o cambio climático e de bioeconomía. E optimizar sistemas de produción agraria, atender os criterios de ruralidade fixados na Lei nacional de desenvolvemento sustentable do medio rural para fixar poboación ou buscar a equidade entre o urbano e o rural favorecendo a mobilidade dos empregados públicos.
Así mesmo declaran urxente e necesario avanzar cara á
unha Estratexia europea horizontal en materia demográfica que achegue novos
recursos económicos a partir de 2020 e que integre todas as políticas
susceptibles de contribuír a facer fronte ao cambio demográfico: cohesión,
innovación, transporte, saúde, políticas sociais e de emprego, TIC,
desenvolvemento rural, emigración, etc., deseñando medidas nos distintos
ámbitos que poden incidir neste obxectivo, de todas as políticas, tal e como se
recolle no Ditame do Comité Europeo das Rexións — A resposta da UE ao reto
demográfico.
Terceiro: Que, neste marco de cooperación institucional e, en relación coa situación de incendios forestais que de forma virulenta as tres Comunidades están experimentando, manifestan:
- O recordo ás vítimas mortais e ás súas familias, así como ás persoas que resultaron feridas.
- O agradecemento á profesionalidade e entrega do conxunto de efectivos de extinción e de Protección Civil, así como ás delegacións do goberno das tres comunidades autónomas, Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente (MAGRAMA); Unidade Militar de Emerxencias, forzas e corpos de seguridade do Estado, concellos, policías locais, voluntariado de protección civil e tamén a todos os veciños e veciñas dos municipios afectados que prestaron a súa axuda e colaboración.
- A necesidade de que máis aló da condena social a quen ocasionase intencionadamente os lumes, é preciso sensibilizar e concienciar a cidadanía do perigo que a reiteración deste tipo de accións pode levar sobre a vida de quen interveñen nos operativos de extinción e da poboación do medio rural. Provocar un incendio é unha acción criminal que require dun amplo rexeitamento social e da máis contundente resposta xurídica atendendo á natureza e gravidade dos feitos.
Por todo isto, fronte aos novos retos en materia de
políticas de extinción e prevención de incendios, os gobernos de Galicia,
Asturias e Castilla y León acordan desenvolver as seguintes propostas de
traballo:
1. Impulsar, no marco da Macrorrexión do Sudoeste
Europeo (RESOE) a colaboración necesaria para facer fronte ao desafío que supón
a evolución dos incendios forestais, especialmente dos grandes incendios.
Proporemos á Conferencia de Reitores desta Macrorrexión, que no seo dos seus obxectivos
e actuacións, incorporen traballos interdisciplinares en materia de prevención
e loita contra os incendios forestais, para avanzar desde a cooperación
científica na realización de proxectos e estratexias que poidan ser obxecto de
convocatorias europeas.
2. Revisar os protocolos de cooperación vixentes,
potenciando a colaboración na loita contra os incendios forestais, impulsando a
prevención e establecendo un mapa común de recursos, que en tempo real, poidan
ser mobilizados polas tres comunidades autónomas. Para iso elaborará un
protocolo específico que explorará ademais novas liñas de actuación que
permitan profundar en instrumentos de xestión dos grandes incendios forestais,
desde a perspectiva da extinción, da prevención, a investigación e a sensibilización.
No devandito ámbito deberíase traballar no deseño dun
sistema de xestión de emerxencias por incendios forestais común que permita, en
caso de apoio recíproco, a incorporación de medios humanos e materiais no Posto
de Mando Avanzado.
3. Potenciar o intercambio de experiencias entre
profesionais, no ámbito da xestión forestal, a extinción, e a aplicación dos
plans de protección civil, avaliando anualmente o seu desenvolvemento.
4. Establecer e implantar un marco formativo común no
cal se unifiquen contidos relacionados coa planificación, prevención e
intervención de incendios forestais.
5. Explorar as posibilidades de actuación conxunta na
elaboración e impulso de campañas de divulgación e sensibilización tanto a
nivel educativo como no conxunto da sociedade, co obxectivo de fomentar o
respecto e a conservación do patrimonio natural.
6. Solicitar ao Goberno de España, que no marco do
Consejo Nacional de Protección Civil presidido polo Ministerio del Interior, se
aborde a proliferación e simultaneidade dos grandes incendios (GIF) nos
instrumentos de coordinación coas comunidades autónomas para facer fronte ás
emerxencias. De igual modo dirixirémonos ao Ministerio de Agricultura y Pesca,
Alimentación y Medio Ambiente, na súa calidade de membro do Grupo de Expertos
de la Comisión sobre información forestal da Comisión Europea para que dea
traslado da excepcionalidade dos incendios forestais no noroeste peninsular e
profunden na análise do comportamento, evolución, causas e tendencias dos
incendios forestais neste ámbito territorial.
7. Promover a cooperación co Consejo del Poder
Judicial, a Fiscalía General del Estado, as comunidades autónomas de Galicia,
Asturias e Castilla y León e os organismos e institucións en defensa do medio
ambiente, para establecer liñas de actuacións conxuntas para unha mellor
coordinación na loita contra os incendios forestais:
Actividades de formación e perfeccionamento para
xuíces, maxistrados e fiscais con destino nestas comunidades autónomas, así
como para outros profesionais implicados. Tanto aquelas que consistan na
organización de encontros, seminarios, coloquios, xornadas e cursos, como as
que impliquen a realización de investigacións, publicacións e estudos que
poidan contribuír á mellora da eficacia na loita contra os incendios.
Profundar nos instrumentos e operativos destinados á
investigación de incendios forestais nas administracións autonómicas en
coordinación coa Fiscalía e a Guardia Civil, para erradicar a impunidade coa
que actúan os incendiarios nas condicións actuais. Labor que ha implicar o
Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente as consellerías
competentes, para abordalo tamén desde o punto de vista do desenvolvemento
rural e a estrutura da vexetación e a infraestrutura viaria.
Reforzar a colaboración das administracións
autonómicas coa Fiscalía de Medio Ambiente, axilizando a comunicación e o
intercambio de información e achega de probas entre os distintos órganos e
institucións.
Intercambio de experiencias profesionais polas partes.
8. Solicitar ao Goberno de España o desenvolvemento de
novas ferramentas xurídicas que faciliten as investigacións por delito de
incendio forestal.
9. Solicitar ao Goberno de España o impulso de medidas
de loita contra o minifundismo, promovendo convenios de promoción da xestión
agrupada das terras.
Por todo o exposto, en proba de conformidade, asínase
a presente declaración por triplicado exemplar no lugar e data sinalados no
encabezamento."
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta