domingo, 31 de diciembre de 2017

Feijóo: "Hai tempo que os galegos non nos preguntamos que vai pasar no futuro, senón que imos facer xuntos no futuro "

Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo dirixiu aos galegos o tradicional mensaxe de fin de ano. Foi o seguinte:
"Boas tardes.
Case oito séculos separan a construción deste Museo do Mar de Galicia do Pergamiño Vindel que está exposto nestas dependencias. Tanto o edificio que nos acolle como as Cantigas de Martin Códax dan fe dunha realidade chamada Galicia que se transforma constantemente para ser protagonista en todos os momentos da historia. En todas as épocas é visible a achega do noso país. En todas se pode distinguir a nosa pegada, tanto en iniciativas individuais como en obras colectivas.
Existe un modelo galego de convivencia que adopta diferentes formas, pero que sempre se fundamenta na cohesión. Ese modelo permítenos hoxe figurar entre as comunidades que saen da crise sen roturas e sen divisións.
Para logralo, foi fundamental entender que non hai solucións simples para problemas complexos e que ningunha solución é boa se non está reforzada por unha auténtica comunidade de afectos.
Galicia acerta cando se afasta de ideas que noutros territorios provocaron cismas e desconfianza.
Galicia acerta asegurando pontes e creando outras novas. Co resto de España, con Europa e co mundo.
A Galicia do século XXI ten empatía e goza dun prestixio merecido.
A Galicia que entre todos construímos é sinónimo no exterior de conceptos como convivencia, cultura, emprendemento.
Somos benvidos en calquera lugar do mundo e somos os mellores anfitrións para calquera dos máis de cinco millóns de visitantes que estiveron connosco no 2017, facendo deste ano un ano histórico para o turismo.
O modelo galego ten resultados. A nosa economía medra porque aumenta a confianza.

A débeda e o déficit públicos redúcense porque empresas, particulares e administracións teñen un superávit de responsabilidade. As nosas exportacións superan todos os rexistros debido a unha estabilidade que permite competir. O desemprego segue provocándonos desacougo, pero diminúe porque os investidores apostan por Galicia e non foxen. O noso idioma conquista novas parcelas porque fixemos del unha ferramenta de comunicación cordial e integradora.

Ter unhas contas saneadas fai posible manter o noso autogoberno intacto, que sigamos baixando impostos, respaldar máis fortemente aos autónomos, modernizar a Educación e a Sanidade públicas, prestar mellor atención a maiores e dependentes, e despregar un amplo abano de medidas en apoio das familias, algunhas delas inéditas ata agora.
Como pobo, podemos sentirnos orgullosos de que nos sigamos ocupando do realmente importante. E de que o fagamos sen roturas. Houbo e haberá diverxencias porque as diverxencias son inherentes a toda sociedade democrática. Sen embargo, os galegos non vemos no conflito un fin no que instalarse permanentemente, senón un medio para atopar novas respostas e novos consensos.
Quedan necesidades aínda sen atender, marxinacións sociais que reclaman medidas, sectores da nosa economía que piden novos pulos. Sabémolo. Sabémolo pero temos a certeza de que a Galicia cohesionada pode afrontar eses desafíos.
O modelo galego garante a unidade, o benestar e tamén a solidariedade en momentos dramáticos como os que provocou o terrorismo incendiario en Galicia e noutras comunidades. Se a intención desta forma de delincuencia era sementar a división social, Galicia soubo dar unha resposta admirable e resolta. A mesma que merecen outras execrables manifestacións de violencia, como a violencia machista en cuxa persecución seremos sempre implacables.
Hai tempo que os galegos non nos preguntamos que vai pasar no futuro, senón que imos facer xuntos no futuro. Non somos espectadores. Somos protagonistas.
Galicia ten moito que dicir e dirao de forma clara, responsable e serena. Como nacionalidade histórica, Galicia terá presenza singular nos previsibles debates sobre a reforma constitucional, a revisión do modelo territorial e o financiamento autonómico.
Reforzar e revisar non equivalen a destruír. Avanzar supón financiar como é debido os servizos que distinguen un moderno Estado do Benestar. Non se financian 17 territorios senón 47 millóns de persoas, porque son as persoas e non os territorios os que financian o Estado e posúen a soberanía nacional.
Os pasos que se dean teñen que incorporar as amargas leccións dos recentes acontecementos de Cataluña. O independentismo atentou gravemente contra a Constitución, e polo tanto tamén contra o noso Estatuto de Autonomía. Ademais das inevitables consecuencias xurídicas que eses feitos puideran producir, debe haber consecuencias políticas. A deslealdade non pode ser premiada mediante financiamentos a medida ou proxectos que non garantan o respecto á lei.
Fronte a un patrón de conflito permanente, Galicia ofrece un modelo no que a autonomía se concibe como unha parte esencial dun Estado que é tan galego como español.
En Galicia pódese confiar. Galicia é un país de palabra. Atesouramos virtudes cívicas que teñen un alto valor no mundo de hoxe.
O pobo galego, un dos máis antigos e característicos de España e de Europa, é un exemplo de que a tolerancia, o respecto ás diferencias e o cultivo de identidades múltiples fan posible que unha comunidade resista os avatares do tempo.
Unha das satisfaccións que teño como presidente da Xunta ao longo do ano é asistir aos innumerables premios que uns galegos outorgan a outros galegos. É un orgullo constatar que nas máis diversas actividades hai paisanos nosos cun valor excepcional internacionalmente recoñecido.
Pero hai un premio que aínda non se dá oficialmente. Refírome ao que merecen a maioría dos galegos, cuxo mérito non está no excepcional, senón no habitual, no cumprimento do deber, na integridade, na honestidade.
Eles son portadores desas dúas palabras que os falantes elixiron como máis representativas no 2016 e no 2017: “irmandade” e “afouteza”. Que a irmandade e a afouteza sexan a nosa divisa no ano que comeza.
Son consciente de que moitos de vostedes terán sentimentos encontrados nestes días tan sinalados. Eu tamén. Arredor de cada un de nós, faltan persoas queridas ou, pola contra, están por primeira vez outras novas que acaban de chegar.
Oxalá Galicia siga sendo unha gran familia unida, digna do legado dos que nos deixaron e da que tamén se sintan orgullosos os que nos van suceder.
Boa entrada no 2018 para todos os galegos, para todas as galegas. Vivámolo xuntos, traballando e soñando xuntos.
Moitas grazas e unha aperta."


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta