jueves, 7 de diciembre de 2017

Luz verde á primeira fase do proxecto da estación intermodal de Ourense: terminal de autobuses e aparcadoiro subterráneo

Do Consello da Xunta celebrado hoxe teño que salientar que dera luz verde á primeira fase do proxecto da estación intermodal de Ourense, o que permitirá iniciar as obras en 2018.

O Executivo autonómico está a apostar con determinación pola intermodalidade a través do deseño de infraestruturas funcionais, eficientes e estéticas que permitan un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte. Esta aposta reflíctese nos orzamentos da Xunta para o ano 2018, que inclúen unha partida de 2,7 millóns de euros para iniciar as obras da estación intermodal de Ourense.

A primeira fase desta actuación estratéxica comprende a execución da terminal de autobuses, cun investimento de 4,8 millóns de euros que achegará a Xunta na súa totalidade; e do aparcadoiro subterráneo, cun orzamento de 5,5 millóns de euros, do cal o 70 % será achegado polo Goberno galego.

Así, estas actuacións da primeira fase constan dun orzamento total que ascende a 10,3 millóns de euros. O Executivo autonómico conta con fondos do Programa operativo Feder Galicia 2014-2020 para financiar as actuacións correspondentes.

A segunda fase prevé a adaptación da estación de ferrocarril e actuacións de permeabilidade transversal e integración urbana para acadar unha adecuada comunicación entre os barrios a ambos os lados das vías.

No que se refire ao aparcadoiro subterráneo, Adif licitará as obras nos primeiros meses do próximo exercicio co fin de comezalas en 2018. Esta infraestrutura disporá de dúas plantas con 300 prazas que darán servizo ás terminais de ferrocarril e autobuses é á demanda pública en xeral e posibilitarán a reordenación da praza da estación. Ademais, esta actuación permitirá acadar unha contorna máis confortable e a súa integración urbana.

 As obras da estación de autobuses tamén serán licitadas pola Xunta de Galicia no vindeiro ano co fin de continuar avanzando para dotar canto antes a cidade das Burgas desta infraestrutura.

A estación intermodal incidirá positivamente na área que a acollerá, ao superar a barreira que as vías supuxeron na división dos barrios da Ponte e o Vinte e Un. 

Neste sentido, a nova infraestrutura integrará as terminais de ferrocarril e autobuses no mesmo espazo, constituíndo o principal nó de comunicación de viaxeiros da provincia e facilitando os desprazamentos dos veciños da cidade e do resto de concellos.

 Esta infraestrutura, ao non estar recollida nas normas urbanísticas en vigor actualmente no Concello de Ourense, tramitouse a través da Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese. Esta norma, aprobada pola Xunta o ano pasado, permite axilizar os prazos para acadar o amparo urbanístico e a seguridade xurídica necesaria nesta actuación estratéxica.


A Xunta, tras someter o Concello de Ourense o citado proxecto a información pública, considerou as alegacións recollidas para mellorar esta actuación. Unha das propostas para ter en conta consistirá en facer unha única entrada e saída na infraestrutura co obxectivo de non interferir nas inmediacións do centro de saúde da zona. 


Tamén se adecuarán diversos elementos da estación de autobuses co fin de acadar unha maior harmonía estética co proxecto da terminal de ferrocarril e conexión no conxunto da infraestrutura.

Estamos diante dun paso decisivo para ter en Ourense, nun mesmo espazo: ferrocarril, autobuses, taxis, vehículos de aliguer, e un amplo aparcadorido para trescentas prazas. Facilitará extraordinariamente a movilidade dos viaxeiros.

Parabéns ao Concello de Ourense, na persoa do seu alcalde Jesús Vázquez e a Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquéz.