lunes, 18 de diciembre de 2017

Na presentación de "Raia Termal", exemplo de cooperación transfronteiriza

Participo esta mañá na Xornada de lanzamento do proxecto europeo transfronteirizo “Raia Termal”

Un proxecto Poctep liderado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) e a Deputación de Ourense e que conta como socios ás cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro e aos concellos de Cotetagda, Lobios, Bande e Muíños.

O ámbito no que se actuará correspóndese coas zonas termais transfronteirizas do río Miño, Concello de Cortegada (É) e Cámara Municipal de Melgaço (PT), e do río Limia, nos concellos de Lobios, Bande e Muiños, e a Cámara Municipal de Terras de Bouro (PT).


O proxecto está estruturado en 6 eixos de actuación, os catro primeiros específicos e os dous últimos comúns a todo este tipo de proxectos. O primeiro trata a vertebración dunha rede de termalismo transfronteirizo; o segundo, a recuperación ambiental e posta en valor de contornas naturais de espazos termais; o terceiro, ocúpase da valorización e recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais termais; o cuarto, contempla a xestión conxunta e a promoción de recursos e itinerarios termais de fronteira; sendo o quinto e o sexto os referidos a difusión, coordinación e xestión.

O marco temporal de execución prevista, é o 31 de decembro de 2019, e o orzamento do proxecto é de 2.659.767 millóns de euros, dos cales un 75% será cofinanciado polo FEDER.


Das palabras pronunciadas por Francisco Marín, presidente da CHMS destaco que sinala como obxectivos principais, conseguir a óptima calidade das augas e a mellora das contornas fluviais e a súa confianza no éxito garantido.

Doutra banda o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, sinalou que esta iniciativa entre Ourense e Portugal “é un exemplo de cooperación no ámbito termal, turístico e medioambiental”.  E que termalismo e o turismo “unen con obxectivos comúns aos catro concellos ourensáns implicados neste proxecto e ao Norte de Portugal”

Nesta interesante Xornada tamén interviron os presidentes das cámaras municipais de Terras de Bouro e Melgaço, Manoel Tibo e Manoel Batista Calzada, respectivamente.

E os alcaldes de Lobios, Maria del Carmen Yáñez; Muíños, Plácido Álvarez; Cortegada, Luís Avelino de Francisco, e Bande, José Antonio Armada. Expuxeron algunhas das actuacións que con cargo a este programa europeo, levarán a cabo e o seu municipio.

O alcalde de Bande falou da proxectada nova área de autocaravanas, nas proximidades do campamento romano de Aquis Querquennis. O rexedor de Cortegada falou das piscinas termais exteriores e dos axardinamentos previstos; a alcaldesa de Lobios aludiu a unha ciclovía termal e ao azud desontable do Río Caldo e apostou polo turismo sustentable e de calidade e no modelo turístico inspirado na economía verde. O presidente da Cámara de Melgaço explicou as actuacións que se pretenden levase cabo no parque termal do Peso para valorizar a envolvente natural das termas e dun novo azud.

O alcalde de Muiños falou de actuacións na contorna do encoro de Salas e das Cunchas e en concreto da adecuación ambiental do Corgo e dunha nova EDAR.

Finalmente o presidente da Cámara de Terras do Bouro, explicou as actuacións para desenvolver na Vila do Geres nas inmediacións do Río Caldo, como un xardin de herbas e plantas aromáticas A xornada foi clausurada pola Secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Ana Méndes Godinho.

Realmente, un proxecto moi interesante. Parabéns.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta