martes, 19 de diciembre de 2017

O Parlamento aproba a Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2018

O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mediodía a Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2018.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que “apoiamos a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2018 porque responden ás necesidades de Galicia e son coherentes para cumprir o que recollemos no noso programa electoral”. “Galicia cre na sostenibilidade baseada no crecemento, priorizando o gasto social e impulsando a creación de emprego, tanto a través da formación como do apoio á internacionalización, o I+D+I e os autónomos”, sinalou.

Pedro Puy sinalou que foi un “diálogo frutífero” a tramitación destes orzamentos, que ascenden a 9.487 millóns de euros, cun incremento do 3,7 por cento respecto ao 2017. “Trátase duns orzamentos máis sostibles, sociais e con moito máis investimento, para unha economía mellor e sa”, apuntou.

MAIOR ESFORZO INVESTIDOR

Na súa intervención, Puy salientou que “Galicia é a segunda comunidade española con maior esforzo investidor durante a crise”, cunhas prioridades de gasto centradas na sanidade, a educación, a acción social, a promoción do emprego e o I+D+I.

O portavoz popular considerou como “frecuente” que non se acepten emendas da oposición, “do mesmo xeito que acontece en concellos nos que gobernan e tamén se aproban orzamentos sen aceptar emenda algunha do PPdeG”. Porén, salientou que “nós aceptamos emendas que melloran as contas, como a ampliación das partidas destinadas ás bolsas de estudantes ou para axudar aos que sufriron a vaga de incendios deste ano.

“Ademais, levamos anos rexeitando as mesmas emendas da oposición, como a proposta de creación dunha Oficina de control orzamentario no Parlamento, cando desde 2015 estas funcións están delegadas no Consello de Contas; a regulación para mellorar o control e a transparencia das colaboracións público-privadas, que foi blindada en 2013 a través da Lei de racionalización; ou a suba do imposto do patrimonio, que xa foi acordado cos socialistas en 2013”.

Pedro Puy sinalou que “tamén é imposible que aceptemos emendas que piden reducir os cánons de demanda ou as partidas de gasto corrente; ou quitarlle ingresos aos entes públicos, pero sen retirarlles os gastos correspondentes”.

PRIORIDADES MARCADAS NO PLAN ESTRATÉXICO

“Este orzamento responde ás prioridades marcadas no Plan Estratéxico de Galicia, como o impulso á innovación, o fomento do emprendemento e a internacionalización, a dinamización demográfica, e a cohesión territorial”, apuntou. Deste xeito, sinalou que “rexeitar este proxecto de orzamentos suporía mudar substancialmente esa planificación marcada e caer nunha improvisación que este goberno non vai facer”.

Para rematar, Pedro Puy manifestou que os orzamentos “recollen as nosas prioridades políticas e son coherentes co programa electoral do PPdeG, poñendo recursos para rebaixas fiscais selectivas; a estratexia para os autónomos; a intermodalidade no transporte e o impulso das sendas peonís e ciclistas; saneamento das rías; extensión da teleasistencia e da hospitalización a domicilio; apostando pola formación profesional; o reforzo da atención á dependencia; o incremento dos fondos para loitar contra a violencia machista; ou a incorporación da mocidade ás actividades agrarias e pesqueiras.


“Están estas grandes prioridades, pero tamén outras anunciadas durante a campaña electoral, como a nova Facultade de Medicina de Santiago; a conexión da Vía Ártabra e a AP-9; o inicio da reforma integral do Hospital de Ferrol e do Gran Montecelo en Pontevedra; a reconversión do Hospital Xeral na Cidade da Xustiza de Vigo; as conexións viarias do polígono de San Cibrao na área de Ourense; ou os fondos para distintos proxectos formulados para a zona da Residencia en Lugo”, concretou Puy.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta