Salientar que onte o Consello da Xunta aprobou o
proxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de
Galicia. En total, reformúlanse 14 artigos e incorpora tres artigos novos, cos
cales se adapta a normativa ás novas realidades e inclúe aspectos máis
especificamente axeitados ao marco normativo actual (estatal, básico e
autonómico), especialmente modificado polas Leis 39 e 40/2015, do 1 de outubro,
reguladoras do procedemento administrativo e do sector público,
respectivamente.
A reforma aborda
a organización territorial do sistema público, a participación social no ámbito
sanitario, a consideración de autoridade sanitaria, a mobilidade e itinerarios
profesionais, e o establecemento de principios básicos para a regulación da
docencia, investigación e innovación.
A modificación normativa aprobada onte atende ás
achegas realizadas polos colexios profesionais, Fegamp e outras entidades
sociais e políticas coas que se mantiveron reunións desde a súa publicación no
portal de transparencia da Xunta de Galicia.
Simplificación territorial máis efectiva
A reforma establece a división por áreas sanitarias e
a súa delimitación territorial que coincidirá co actual ámbito das EOXI: A
Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense,
Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés e Vigo.
Ademais, créanse
14 distritos sanitarios que se configuran como divisións das áreas,
constituíndo un marco de referencia da actividade da atención primaria,
hospitalaria e sociosanitaria. Conforme este criterio existirán 14 distritos
sanitarios ligados á institución hospitalaria existente no seu ámbito
territorial, mantendo a agrupación de concellos que se realiza nos decretos de
creación das EOXI.
Os distritos indicados son os seguintes: A Barbanza, A
Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras,
Ourense, O Salnés, Pontevedra, Santiago de Compostela, Verín e Vigo.
A nova
organización territorial pretende acadar unha utilización óptima dos recursos
dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área
sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria; ao mesmo tempo
que favorece que a poboación galega dispoña en todo momento dunha organización
sanitaria máis eficiente.
Mobilidade
A norma
facilita así unha maior dispoñibilidade de profesionais e reforza a mobilidade
voluntaria de profesionais dentro da área favorecendo o achegamento ao lugar de
residencia e a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores do
Sergas.
Participación social máis próxima no ámbito sanitario
A participación
social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de
saúde. A modificación da norma neste senso ten como finalidade simplificar as
canles de participación, que se desenvolverá a través do Consello Galego de
Saúde de ámbito comunitario, dos consellos de saúde de área e dos consellos de
saúde de distrito no ámbito propio deles. A reforma da lei regula así mesmo as
funcións do Consello Galego de Saúde, os consellos de saúde de área, e os
consellos de saúde de distrito.
Desenvolverán funcións consultivas e de
asesoramento na formulación de plans e obxectivos xerais no ámbito territorial
respectivo, así como de seguimento dos resultados de xestión. Na composición
destes órganos, que se determinará por decreto da Xunta de Galicia, haberá
representación dos concellos, dos colexios oficiais de profesionais sanitarios,
das asociacións de pacientes, así como das organizacións empresariais e das
organizacións sindicais e doutras entidades e organizacións do ámbito
sanitario, de forma que quede garantida a participación efectiva e se poida
contar cunha visión e percepción ampla da sociedade.
O novo articulado formaliza a creación do Consello
Asesor de Pacientes e establécese que regulamentariamente se poderán establecer
outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos de actividade
sanitaria.
Modificación en docencia e investigación
A creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS)
supuxo un cambio no modelo existente de xestión do coñecemento, e nas
actividades de investigación e innovación. A reforma permite formular os
principios básicos para a regulación da actividade investigadora no ecosistema
sanitario galego, estruturada en torno aos institutos de investigación
sanitaria e coordinada por ACIS. Ademais poténciase a transferencia de
coñecemento e o réxime de colaboración co sistema público de saúde de Galicia,
facendo referencia expresa á innovación.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacaba na rolda de prensa do Consello que a aprobación da reforma da Lei de saúde blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que “ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez
Almuíña, sinalou que “o paciente é o gran beneficiado desta reforma de lei”, xa
que haberá máis e mellores servizos nos hospitais comarcais e servizos que
serán cada vez máis próximos á poboación.
Así mesmo, subliñou que as áreas sanitarias desenvolverán a
función que facían as estruturas de xestión integrada (EOXI) e os distritos
porán en valor os hospitais comarcais. Nesta liña, precisou que “o
desenvolvemento das EOXI permitiu que se investiran nestes anos 20 millóns de
euros nos hospitais comarcais, evitándose arredor de 260.000 desprazamentos
dende as zonas comarcais cara á área principal”.
Almuíña tamén sinalou as melloras realizadas na participación
cidadá coa creación do Consello Asesor do Paciente, e a creación de consellos
de saúde de área e consellos de saúde de distrito, ademais do Consello Galego
de Saúde. “Referéndase, amplíase e faise máis fácil a participación cidadá a
través de colectivos e asociacións de pacientes pero, tamén, a representación
de colexios profesionais e asociacións científicas que poidan axudar na toma de
decisións”.
Por último, destacou que “os outros grandes beneficiados” son os
traballadores do ámbito sanitario, coa creación por lei dun concurso aberto e
permanente e cos itinerarios profesionais. “Queremos que o clima laboral de
todos os traballadores sexa o máis cómodo posible, evitar desprazamentos
innecesarios e facilitar a conciliación laboral e profesional a todos eles”,
concluíu.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta