Asisto esta mañá en Santiago de Compostela , ao foro
organizado por Nueva Economía Fórum, onde o presidente do
Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira pronunciou a conferencia
titulada “O Parlamento de Galicia, unha historia de éxito catro décadas despois
das primeiras Eleccións democráticas (1977)”, onde foi presentado polo titular
da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O presidente do Goberno galego, reivindicou
o papel do Parlamento para debater,
acordar e decidir o futuro, con medidas e con reformas que se adoptan do único
xeito que é posible: con respecto á legalidade.
E lembrou que a Cámara é o resultado dos
nosos devanceiros, o anhelo das xeracións que sufriron o antiparlamentarismo,
incidindo en que o realmente útil para os cidadáns non son as discusións que
nunca chegan a ningures, senón aquelas que conflúen en puntos de acordo.
Para logralo, Feijóo expresou o seu convencemento de que son necesarios directores que
blinden este obxectivo, aseverando que Miguel Santalices é un deles.
Nesta liña, afirmou que a defensa do
Parlamento en si mesmo é razón máis importante pola que o seu actual presidente
merece ser recoñecido. “Santalices defende o Parlamento e tamén defende os parlamentarios.
Faino cando garante o respecto escrupuloso á lexislación vixente e ao
regulamento da Cámara e faino cando logra que o Parlamento galego destaque no
panorama nacional polo seu traballo”, dixo, recordando que a Cámara galega é a
máis eficiente de España, coa maior produción lexislativa e o menor custo.
O presidente da Xunta concluíu
resaltando a dilatada experiencia parlamentaria de Miguel Santalices, “un home
–dixo- que sempre defenderá, sen ningún tipo de fisura, tanto a nosa
Constitución como o noso Estatuto de Autonomía”.
Comezou
logo Miguel Santalices ca súa intervención
recordando o exercicio de “diálogo, xenerosidade e concordia, e as múltiples
cesións que uns e outros fixeron, desde os máis aloxados posicionamentos
ideolóxicos, para implantar e asentar (en España) unha democracia
perfectamente equiparable coa dos países máis avanzados”. “E coa
democracia –afirmou- decontado botou a andar a mellor experiencia de liberdade,
estabilidade, prosperidade e progreso da historia de España”.
Esta
“transición modélica” é o resultado, segundo Santalices, de factores como a
“grandeza de todas as persoas que padeceron en carne propia a devastación da
Guerra Civil ou a represión do franquismo. Uns e outros foron quen de pasar
páxina na procura dun futuro de liberdade para todos”. Recordou tamén o
“sacrificio” dos españois que soportaron as estreiteces daquel momento, a
implicación das forzas políticas e sociais e o “liderado” do rei Juan
Carlos I, do mesmo xeito que “hoxe exerce esas funcións constitucionais con
afouteza e acerto o rei Felipe VI”.
Autogoberno
valorado polos galegos
Neste
contexto, transcorridas catro décadas desde a celebración das primeiras
eleccións democráticas celebradas en España despois da ditadura, o presidente
do Lexislativo autonómico apuntou que “a inmensa maioría das galegas e galegos
aprecian e valoran o noso autogoberno, porque mellorou a súa calidade de vida e
achega as solucións máis acaídas en cada momento”. Ao seu xuízo, “o feito de
que o autogoberno fose exercido con `sentidiño´ , fuxindo de conflitos
innecesarios, incrementou a aceptación desta fórmula consagrada pola
Constitución e o Estatuto”.
Trinta e
seis anos despois da súa constitución, o Parlamento de Galicia “goza de boa
saúde”, leva aprobadas máis de 400 leis e “tense convertido na Cámara
autonómica máis activa de España, e tamén na máis eficiente”. Sinalou, como
exemplo, que o custe por deputado do Parlamento Vasco duplica o de Galicia.
Apuntou que, con datos de 2017, hai unha decena de Comunidades nas que o custe
por deputado é superior ao de Galicia, incluídas todas as históricas.
Agregou
que a Cámara galega é a que máis facilidades outorga para a participación
cidadá e mesmo conta cunha figura única, as proposicións non de lei de
iniciativa cidadá, da que carecen os restantes parlamentos.
Discapacidade
na oferta de emprego
Tendo en
conta que a sensibilización e a visibilización da realidade das persoas con
discapacidade resulta fundamental para superar prexuízos sociais e gañar
integración, Santalices Vieira anunciou que a oferta de emprego público do
Parlamento para este ano reserva unha praza específica para persoas con
discapacidade, reserva que tamén se contemplará na próxima convocatoria de
bolsas de formación. A oferta de emprego aposta, ademais, pola promoción
interna.
“O
Parlamento constitúe unha caixa de resonancia susceptible de xerar un efecto
multiplicador na sociedade”, afirmou Santalices, referíndose á necesidade de
que a institución amose unha especial sensibilidade respecto ás entidades e
colectivos que traballan no ámbito social, a promoción dos hábitos de vida
saudable ou o universo creativo galego, sexa literario, plástico ou de outro
tipo.
“A
permanente actualización, na procura dunha maior eficacia e eficiencia, é un
reto diario fronte ao que no é admisible baixar a garda, sexa no Parlamento, na
Administración, na empresa privada ou na vida cotiá de cada un de nós”, apuntou
o titular da Cámara.
Recordou,
nesta liña, que o pasado verán se puxo en marcha unha versión avanzada da
aplicación audiovisual do Parlamento e que hoxe entra en servizo unha actualización
da web institucional, “máis accesible e intuitiva e, sobre todo, con maiores
facilidades para a participación cidadá”, que seguirá mellorándose
periodicamente.
Xunto a
retos como a dixitalización, a transparencia e a participación, Santalices referiuse
á necesidade de mellorar a calidade do traballo parlamentario. “O importante é
aprobar boas leis, que resulten útiles para a cidadanía, reforcen a seguridade
xurídica, respondan a necesidades reais e faciliten a vida cotiá das persoas,
en lugar de crear problemas ou dificultades innecesarias”, dixo.
Para
acadar ese obxectivo, o presidente do Parlamento recomendou que deputadas e
deputados manteñan un “contacto fluído coa cidadanía e cos distintos actores
sociais da Comunidade”. Puntualizou que “somos deputadas e deputados as
vinte e catro horas do día, os sete días da semana” e lembrou que a súa
experiencia lle indica que “as mellores emendas, as iniciativas máis orixinais,
xorden do contacto coa xente, non do traballo burocrático, tamén necesario,
nunca exclusivo”.
Na súa
aposta por superar a distancia que ás veces separa as institucións das persoas,
o conferenciante amosouse partidario de reforzar as iniciativas encamiñadas a
dar a coñecer o Parlamento. Citou, como exemplo, as visitas de escolares –que
se potenciarán a través dun convenio recentemente asinado coa Consellaría de
Educación e que permitirá organizar e financiar a realización de visitas
guiadas ás sedes do Lexislativo e o Executivo nunha mesma xornada-, os plenos
para a infancia e a mocidade, ou o programa de charlas divulgativas para
alumnado de ESO e Bacharelato, que neste curso se amplían tamén ás
universidades.
Portas
abertas semanais
Para
complementar o actual programa de visitas guiadas ao Parlamento, aberto a todas
as persoas que o soliciten con antelación, o presidente da Cámara anunciou a
próxima posta en marcha dunha iniciativa de “portas abertas” un día á semana,
no que calquera persoa que o desexe poderá visitar o pazo do Hórreo sen
anotarse previamente e en quendas diarias fixas.
Contacto
fluído con todos os sectores
Miguel
Ángel Santalices afirmou que que “debemos ir a onde se nos convida. Pero digo
máis. Hai que tomar a iniciativa e xestionar tamén encontros que leven o
Parlamento á rúa e nos faciliten unha visión máis ampla de realidade”. “Ese
contacto –apuntou- debe ser fluído e permanente con todos os colectivos e
sectores sociais, porque o Parlamento a todos representa e todos deben sentirse
representados na institución”.
Entre
outras medidas a curto e medio prazo, anunciou a edición dun volume
recompilatorio dos perfís biográficos de todos os deputados deputadas do
Parlamento de Galicia desde a súa primeira lexislatura, a emisión dunha serie
de programas divulgativos na TVG e un volume sobre anécdotas parlamentarias.
No
ámbito das estruturas físicas, adiantou que se atopa en preparación o Plan
director do edificio que alberga o Parlamento para adaptalo a novos
requirimentos como a mellora da accesibilidade.
Nesa
estratexia de apertura do Parlamento, o presidente da institución recordou
tamén diferentes exemplos de actividades de carácter académico e divulgativo,
celebradas dentro e fóra do Pazo do Hórreo en datas recentes, “unha
programación cultural propia, plural e aberta, como o país ao que
representamos”.
Recuperar
a paixón pola democracia
“Aspiramos
e precisamos que o Parlamento recupere o crédito social para recuperar tamén o
espírito e a paixón pola democracia que rebulía nas rúas hai agora corenta anos,
cando, logo da longa noite de pedra, tivemos ocasión de exercer de novo a máis
importante liturxia de calquera sociedade libre: a posibilidade de expresarse
nas urnas e con absoluta liberdade para definir o noso futuro”.
Acatamento ás normas establecidas
Acatamento ás normas establecidas
O
presidente do Parlamento de Galicia considerou que “unha democracia avanzada e
un Estado de dereito como o é España ou calquera outro país do noso entorno,
non pode nin debe frouxear no acatamento ás normas establecidas” na medida en
que “iso leva ao abismo e provoca unha quebra social”.
Santalices
advertiu que a aritmética parlamentaria “non pode substituír a democracia nin o
Estado de dereito. A suma de escanos, lexítima para conformar maiorías
parlamentarias, non pode nin debe confundirse con maioría sociais ficticias na
procura de obxectivos ilícitos”.
Parabéns a Miguel Santalices por esta completa conferencia que potencia a institución parlamentaria como centro da vida política de Galicia.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Parabéns a Miguel Santalices por esta completa conferencia que potencia a institución parlamentaria como centro da vida política de Galicia.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta