lunes, 29 de enero de 2018

Feijóo resalta que os galegos encarnan, ademais, valores ameazados, pero que ao mesmo tempo cotizan a alza: tolerancia, diálogo e cohesión


Escoito esta mañá en Madrid a conferencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco dun Almorzo Informativo de Europa Press.
Núñez Feijóo, apelou á política reflexiva, capaz de aparcar as siglas e disposta a antepoñer as solucións colectivas a todo para afrontar as materias pendentes con unidade, con xenerosidade e con vontade de acordo, referíndose ao asunto catalán, ao financiamento autonómico, á posible reforma da Constitución, á viabilidade do sistema público sanitario e ao futuro das pensións.
Durante a súa intervención Feijóo expresou o seu convencemento de que se temos esta capacidade, os problemas poderán solucionarse agora. “Se non, fronte aos malos augurios, dígolles que se resolverán tamén, pero máis adiante e con outros representantes públicos”, sentenciou.
O responsable do Goberno galego avogou así por valorar todo o que se fixo ben en España para facer fronte a unha nova lenda negra que algúns se empeñan en reactivar; fabricada por quen se esforza en destruír a unidade do país ou en cubrir de oprobio a Transición: “Recordar que España fixo unha Transición política exemplar. Non perfecta, seguro, pero útil e virtuosa para os que hoxe desfrutamos dos seus efectos. Recordar todo o que se fixo ben nestas décadas prodixiosas, para non caer na melancolía. E recordar o que fomos capaces de sobrelevar e superar na última década”, dixo.
Ao respecto, subliñou que o país acumula tres anos con crecemento superior ao 3%; o ano pasado logrou que 600.000 persoas abandonasen as listas do paro; estanse subindo os salarios e estanse volvendo aplicar medidas de estímulo económico e progreso social. España é un país atractivo, que o ano pasado visitaron máis de 82 millóns de persoas e está dobregando a peor crise económica coñecida na súa historia recente.
“Esa España é real e esa España tamén merece o noso recoñecemento colectivo”, aseverou, precisando que esa España é un logro de todos, do esforzo de moitos cidadáns e colectivos, da responsabilidade dalgunhas comunidades e dalgúns concellos, pero tamén do Executivo que a gobernou nos últimos anos, con Mariano Rajoy á fronte. “España pasa de peregrinar sen destino a fixarse unhas metas cara ás que enfocar as súas enerxías colectivas”, abundou.
Diante destes logros, o presidente da Xunta asegurou “quedarse” cos que combaten o máximo posible os comportamentos deshonestos e piden perdón polos erros e disfuncións, e non co novo fariseísmo que proclama a súa absoluta perfección, “xa que non hai políticos nin políticas infalibles, como algúns queren facer ver, senón políticos e políticas fiables”.
Galicia, o mellor “mentides” a quen cuestiona o éxito da democracia española

Neste mesmo contexto, resaltou que a transformación da Comunidade galega é o mellor “mentides” a quen cuestiona o éxito da democracia española. “Galicia non só recupera a súa economía, senón que reactiva a súa autoestima, afianza a súa cohesión interna e é partícipe do Estado cun comportamento responsable”, aseverou, lembrando que a Comunidade empregou os brazos da autonomía “para crecer, para abrirnos máis ao mundo e para achegar o noso acento ao conxunto de España”.
A longo da conferencia, Feijóo fixo fincapé en que ser unha nacionalidade histórica, como é Galicia, non equivale a ter unha política histérica nin uns políticos histriónicos. “Galicia foi unha comunidade responsable e, aínda que faltan obxectivos por alcanzar, respectamos os nosos deberes financeiros, melloramos os servizos públicos, impulsamos a economía e preservamos a estabilidade para que ninguén queira fuxir da nosa terra por falta de confianza”, afirmou, considerando que non é unha norma adecuada en ningunha situación facer pagar “aos xustos os desvaríos dos pecadores”.
Á hora de facer balance da España das autonomías, o presidente da Xunta insistiu en que tan erróneo sería premiar os conxurados cun Estado á medida dos seus caprichos como regresar a un centralismo imposible. E, pola contra, asegurou que o que parece aceptable é pedir que se defenda o modelo de autogoberno que Galicia practicou sempre.
Así mesmo, salientou que a sociedade galega encarna, ademais, valores ameazados, pero que ao mesmo tempo cotizan a alza: a tolerancia, o diálogo e a cohesión. “Entre eses lugares de España e Europa nos que se pode cultivar o propio sen menosprezar o alleo, está Galicia. Non existe entre nós unha esquizofrenia identitaria”, matizou.
O responsable do Executivo galego concluíu a súa conferencia poñendo de manifesto a necesidade de que política e economía formen parella, xa que “esquecer a política supón deixar unha parte da poboación a mercé dos cantos de sereas populistas. E esquecer a economía equivale a condenar a sociedade á inestabilidade, á decepción que xa se está a sentir en moitos concellos e autonomías gobernadas por quen prometía receitas máxicas que non existen e, finalmente, a esa penuria que xa están sufrindo moitos galegos do outro lado do mar, baixo gobernos populistas”.
Intelixente, amena  e ben construída conferencia da que quedo con dúas frases “Pódese estar a favor de algo sen estar radicalmente en contra pola contra” e “Tolerancia, diálogo e cohesión son valores que cotizan á alza en Galicia”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta