Esta mañá o presidente do Goberno
galego, Alberto Núñez Feijóo, inagurou o stand de Galicia en Fitur 2018, e
tivo a honra de recibir a visita dos reis de España, Don Felipe e Dona
Letizia, acompañado pola presidenta do Congreso, Ana Pastor.
Na sua intervención Feijóo manifestou que
Galicia prepara xa o Xacobeo 2021 co obxectivo de convertelo no mellor ano
santo da historia cunha oferta única en paisaxes, patrimonio e lecer.
Así, aseverou que a Comunidade seguirá
apostando por un turismo respectuoso e de calidade, que permita preservar o
patrimonio e ofrecer a mellor atención ao visitante escorrentando a pantasma da
turismofobia; por un turismo que non estea concentrado só en certas zonas e en
certos momentos do ano; e por un turismo moderno e de experiencias, que axude
ao visitante a descubrir o mellor da xeografía galega, impulsando produtos
turísticos como Galicia surfing, un paquete de rutas polos mellores
miradoiros de Galicia ou a Ruta dos Faros.
Nesta mesma liña, resaltou a posta en
marcha este ano de “O son do Camiño”, un amplo programa de concertos que
servirá como prólogo musical para o grande evento do turismo en Galicia. E
lembrou que os que decidan visitar Galicia poden desfrutar das 11 estrelas
Michelín e das 300 festas gastronómicas; dos seis parques naturais, ademais de
lugares como a Praia das Catedrais; e dos seis bens Patrimonio da Humanidade e
dos bens de interese cultural.
Así mesmo, resaltou os traballos que se
están a levar a cabo para ampliar esta lista de bens recoñecidos pola Unesco,
con dous candidaturas de primeiro nivel: a Ribeira Sacra, unha zona que conxuga
unha natureza de vertixe coa maior concentración de igrexas e mosteiros
románicos de Europa; e Cíes-Illas Atlánticas. “E os apaixonados da cultura e a
Historia teñen en 2018 unha oportunidade de ouro para visitar Galicia: o Ano
Europeo do Patrimonio Cultural; e o 25 aniversario da declaración do Camiño
Francés como Patrimonio da Humanidade”, abundou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo
incidiu en que esta aposta por un turismo tranquilo e de calidade ten como
obxectivo converter Galicia nun fogar aberto para todo aquel que queira
coñecela, que faga sentir os turistas como na casa nos 273 establecementos que
contan coa Q de Calidade Turística, unha distinción na que Galicia é líder a
nivel nacional; nos balnearios da provincia de Ourense, a segunda potencia
termal de Europa; e en cada unha das etapas dos Camiños de Santiago que
atravesan Galicia.
O responsable do Goberno galego concluíu
recordando que, por primeira vez na historia, en 2017 chegaron a Santiago de
Compostela máis de 300.000 peregrinos. Un máximo histórico piar doutro récord
que, segundo todas as proxeccións, tamén se bateu o pasado ano: Galicia recibiu
por primeira vez 5 millóns de turistas, que sumaron máis de 10 millóns de
pernoitas.
Estas cifras proban que o turismo na
Comunidade está crecendo especialmente en temporada baixa, sobe a estancia
media e o turismo internacional segue avanzando con solidez.
O presidente Feijóo foi tamen acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vazquez ao espazo adicado a oferta termal.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta