Onte, logo de avaliar o informe presentado
pola Consellería de Facenda sobre o avance do peche do exercicio 2017, o
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou que Galicia pecha
2017 situándose, un ano máis, no lado das comunidades responsables e
cumpridoras: ao cumprir o obxectivo de déficit público, ao cumprir o límite de
débeda pública e ao controlar a regra de gasto, mantendo cada mes uns tempos de
pagamento inferiores á media española.
Deste
xeito, Feijóo aseverou que Galicia, tecnicamente, rematou o proceso de
consolidación fiscal que comezou no ano 2009. Máis polo miúdo, precisou que a
Comunidade pechou o exercicio cun déficit do 0,21%, cumprindo cunha ampla marxe
o obxectivo para todas as comunidades do 0,6%; e reducindo á metade o déficit
con respecto ao ano anterior, que foi do 0,58%.
Sobre
este punto, o titular da Xunta lembrou que a nosa é a segunda comunidade que
máis reduciu o déficit desde 2012, un proceso que se fixo de xeito paralelo á
mellora da situación económica.
Así
mesmo, avanzou que Galicia se atopa nunha boa posición para volver cumprir en
2018 o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e
Financeira do 0,4%. “Non prevemos esgotar este límite”, aseverou, lembrando que
nos Orzamentos para este ano se inclúe unha marxe máxima do 0,3%.
No
tocante ao endebedamento, Feijóo subliñou que hoxe cada galego soporta 2.000
euros menos de débeda pública que o español medio.
Cómpre
salientar ademais que, desde o ano 2014, a débeda de Galicia está estabilizada.
E, en 2017, por primeira vez na última década, a Comunidade logrou reducir o
endebedamento, pechando o exercicio cunha débeda sobre o PIB do 18,5% e
cumprindo co obxectivo fixado no Consello de Política Fiscal e Financeira do
19% para o ano que acaba de rematar.
Nesta
mesma liña, o responsable do Executivo galego avanzou que o obxectivo do
Goberno galego para 2018 é seguir neste camiño, precisando que a Xunta aforrará
neste ano outros 65 millóns en xuros da débeda.
Por
outra banda, o informe da Consellería de Facenda tamén indica que en 2017
Galicia conseguiu manter controlada a regra de gasto, un indicador que tamén se
manterá controlado en 2018, tal e como figura nos Orzamentos que xa están en
vigor.
Sobre
o pago a provedores, Feijóo resaltou que, segundo os datos que figuran neste
avance, Galicia está a ser a comunidade de referencia neste eido, pasando dun
período medio de pago de 22,6 días en decembro de 2016 a unha previsión de 7
días en decembro de 2017. “Galicia pagou de media 16 días antes que o conxunto
das comunidades autónomas”, concluíu.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta