jueves, 11 de enero de 2018

Galicia poderá pechar o ano 2017 superando por vez primeira os cinco millóns de turistas


Sinalar que hoxe durante o Consello da Xunta, o Goberno galego avaliou precisamente a evolución do sector turístico no ano 2017; unhas cifras que, segundo aseverou o presidente Alberto Núñez Feijóo, consolidan a liña ascendente dos últimos cinco anos. Non en van, nos once primeiros meses de 2017, Galicia recibiu case 4.900.000 viaxeiros, o que supón un incremento dun 3,1%.
Así mesmo, os datos poñen de manifesto que a Comunidade se consolida como un destino máis atractivo tamén fóra de tempada alta, rexistrando os incrementos máis intensos de demanda turística nos meses de outono, cunha suba do 12% en novembro e do 6% en outubro.
Ademais da desestacionalización, Galicia é un destino cada vez máis atractivo para o turismo internacional, que representa case o 30% do total, e como proba o feito de que máis da metade dos peregrinos procedan de fóra de España.
Nesta mesma liña, Feijóo subliñou que os viaxeiros permanecen máis días en Galicia, os establecementos incremental a súa ocupación e aumentan, así mesmo, os ingresos por habitación dispoñible. 
Por primeira vez, Galicia supera a barreira dos dez millóns de noites nos establecementos de aloxamento regrado, rexistráronse máis de 10,2 millóns de pernoitas, o que supón un incremento dun 5,6% con respecto ao ano anterior. 
Así mesmo, engadiu que, igualmente, o número de días que os viaxeiros permaneceron nos establecementos de aloxamento galegos medrou máis dun 2,4%. Sumando tamén neste indicador cinco anos consecutivos de mellora dos niveis de ocupación nos once primeiros meses do ano pasado.
Logo de resaltar que o ingreso por habitación dispoñible tamén rexistra cifras á alza, con máis dun 10,7% de incremento con respecto ao ano anterior, Feijóo lembrou que o Camiño de Santiago experimentou en todo 2017 un crecemento dun 8,3% en relación ao 2016, superando, por vez primeira vez, os 300.000 peregrinos. 
O número de cruceiristas que chegaron a Galicia roldou os 340.000, o que supón un incremento de máis do 12% en relación ao mesmo período de 2016; e o tráfico global de pasaxeiros nos aeroportos incrementouse un 6,8% ata o mes de novembro, rexistrando preto de 4,5 millóns no conxunto da comunidade, cun crecemento xeneralizado nos tres aeroportos.
En relación ao turismo nacional, a Comunidade galega é a oitava en canto a número de viaxeiros e de pernoitas, situándose á cabeza das autonomías da cornixa cantábrica, agrupadas baixo a marca España Verde, por diante de Asturias, Cantabria e do País Vasco.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que as cifras demostran a progresiva consecución dos obxectivos da Estratexia do turismo 2020, “porque estamos no camiño de que se siga incrementando a afluencia turística, de que os turistas veñan durante todo o ano, de ter cada vez máis demanda internacional e de que se queden máis tempo e gasten máis”. 
A falta das cifras definitivas do mes de decembro, o presidente da Xunta salientou que o incremento interanual do 3% que rexistrou Galicia ata novembro (con case 4,9 millóns de viaxeiros), e mesmo a proxección empregando o dato de decembro de 2016, permiten prever que Galicia poderá pechar o ano 2017 superando por vez primeira os cinco millóns de turistas.