Informa hoxe a Xunta
que vén de adxudicar as obras mellora da seguridade viaria da rúa Otero
Pedrayo, en Ourense, por un investimento de máis de 1,7 millóns de euros. Esta
actuación iniciarase no primeiro trimestre deste ano e rematará a principios de
2019.
Os traballos, cun prazo de execución de 12
meses, foron adxudicados á empresa Extraco Construccións e Proxectos S.A.
Esta actuación pretende dar
resposta ás necesidades dos veciños da zona e dos alumnos do campus, atendendo,
na medida do posible, as solicitudes do Concello e do Vicereitorado da
Universidade.
Os traballos consistirán na
remodelación da Avenida Otero Pedrayo nos 2 primeiros quilómetros de cara a
reducir riscos e lograr unha mellor integración urbana. Actuarase nalgunhas das
interseccións existentes, coa execución de dúas glorietas: a primeira delas, no
acceso ao Campus Norte e á parroquia da Asunción; e a segunda no acceso cara ao
barrio da Rabaza, co obxectivo de separar o tráfico que se dirixe cara esta
parte da cidade, do que discorre pola vía de servizo que dá acceso aos
comercios e garaxes da zona.
Tamén se mellorará a
travesía, coa dotación e reparación de beirarrúas e a posta a punto das actuais
vías de servizo. Ademais, renovarase a rede de abastecemento, a drenaxe e o
saneamento, así como a iluminación, coa instalación de luminarias led.
Acometeranse tamén actuacións
complementarias, como a mellora do firme, a reordenación de aparcadoiros ou a
instalación de semáforos con pulsador para favorecer o paso dos peóns.
Esta actuación incidirá na seguridade viaria;
nunha mellor integración con toda a contorna; e favorecerá os desprazamentos
cara o campus universitario e cara outros barrios. Favorecerá o desenvolvemento
económico e social de Ourense e contribuirá a ‘facer cidade’, grazas a
instalación de elementos de auga, símbolo da urbe das Burgas, nas glorietas.