Esta mañá en Santiago, tivo lugar unha manifestación na que participaron os líderes de todos os partidos da oposición en Galicia, os representantes dos sindicatos e veciños pedindo a retirada da reforma da Lei de Saúde e reclamando que se abra un proceso de negociación.
En relación con esta mobilización, o conselleiro de sanidade, Jesús Vázquez Almuiña expresaba hoxe nunha entrevista en La Voz de Galicia o respecto ao dereito a mostrar a súa protesta, e engadía “que é bo que a sociedade se preocupe pola sanidade, pero creo que se deu información falsa e o desprestixio ao sistema público de Galicia, no que traballan 38.000 persoas, é inmerecido.
A Xunta dedica o 41 % do
seu orzamento á sanidade, cando no 2008 dedicaba un 35 %. Curiosamente, cando
creamos as estruturas organizativas de xestión integrada ( EOXI) no 2011 dicíase que se ían a pechar os hospitais comarcais, do mesmo xeito que agora. E non só incrementáronse estes hospitais en infraestruturas, senón en servizos.”
Negaba tamén o conselleiro que faltase pedagoxía para
explicar os cambios na Lei de Saúde: “Reunímonos con todos os representantes políticos de cada unha das comarcas, porque existía o mesmo ruxerruxe que no 2011. Explicámosllo e nos despachos enténdese perfectamente, pero unha vez chegado a outros estamentos xa non se transmite exactamente igual. Con estes cambios queremos levar os servizos sanitarios o máis preto posible do cidadán, por iso potenciamos a atención primaria e melloramos as prestacións nos hospitais comarcais. Chamamos áreas sanitarias ao que chamabamos EOXI para darlles o nome que figura na lei, e para blindar os hospitais comarcais creamos 14 distritos.”
O meu apoio total á reforma emprendida pola Xunta de Galicia
nun tema tan esencial como a sanidade. Todo nesta vida é mellorable e as formas
de xestión tamén.
Non é admisible
presentar á sanidade pública galega e a súa xestora, o SERGAS como ineficiente.
E nada mellor para acreditar o seu labor que acudir aos recentes datos datos
que agora reproduzo nesta entrada.
TEMPO DE ESPERA
CIRURXICA
Hai poucos días o SERGAS informaba que a finais de 2017, o tempo de espera media cirúrxica en Galicia é
de 66,4 días, o que supón unha diminución de 1,9 días con respecto a decembro
de 2016.
Este dato consolida a tendencia decrecente dos datos nos últimos anos
e sitúase como a cifra máis baixa de toda a serie histórica. O xerente do
Sergas indicaba que con estes datos, a previsión é que Galicia continúe como
unha das comunidades con esperas máis baixas dentro do Sistema Nacional de
Saúde que en decembro de 2016 tiña unha espera de 115 días.
INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizou o pasado ano 2017 un total de 205.277
intervencións cirúrxicas, 552 máis que no 2016. Seguen a incrementarse as
intervencións ambulatorias que ascenderon a 107.710 (570 máis que no ano 2016),
e que supoñen o 53% do total das intervencións cirúrxicas realizadas polo
Sergas; mentres que as intervencións con ingresos foron 97.567.
Son datos do informe de actividade a 31
de decembro de 2017 presentado polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa,
acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e no que
se reflicte un aumento da actividade global de todas as áreas.
ACTIVIDADE HOSPITALARIA
Ao longo do pasado ano, os ingresos hospitalarios rexistraron un
incremento do 2%, acadando os 241.022, o que supón 4.743 ingresos máis. Destes,
181.898 foron non programados e 59.124 programados. A actividade de
transplantes aumentou acadando os 340 (41 máis que no 2016) “a cifra máis alta
rexistrada”, dixo Fernández-Campa.
Durante a súa intervención, o que
Fernández-Campa tamén destacou foi o aumento
da actividade nos hospitais de día, que rexistraron ao longo do pasado ano
289.190 sesións, 27.099 sesión máis que no ano anterior. A hospitalización a
domicilio rexistrou 6.213 ingresos (558 máis que en 2016). No tocante ás probas
diagnósticas, realizáronse un total de 3.105.775, 281.219 probas máis que o ano
anterior, o que supón un incremento do 9,95%. “A actividade nos centros
hospitalarios do Sergas é cada vez máis ambulatoria, así o amosa o incremento
desta actividade nos hospitais de día e tamén da cirurxía sen ingresos”,
apuntou o xerente.
INCREMENTO DAS CONSULTAS
O informe presentado hoxe tamén reflicte
un aumento no número de consultas.
Rexistráronse un total de 31.341.033, 393.222 máis que en 2016. Desta cifra
global, Atención Primaria acadou 26.176.433 consultas (231.644 máis). Isto
supón que cada día atendéronse nos
centros de Atención Primaria máis de 103.000 consultas. Do total destas
consultas, o 59% son médicas. O xerente do Sergas destacou o aumento da
actividade non presencial, que facilita a accesibilidade dos cidadáns.
Rexistráronse 2.558.477 consultas telefónicas (262.128 máis). O 99,87% das
citas telefónicas foron resoltas sen necesidade de acudir ao centro médico.
O programa
Conecta-72 en Atención Primaria, que garante a continuidade dos coidados
dos doentes con alta hospitalaria, contabilizou 201.209 consultas (15.925
consultas máis que o ano anterior), cunha porcentaxe de pacientes contactados
do 91%.
En Atención
Especializada atendéronse 5.164.600 (161.578 máis que en 2016), o que supón
20.413 consultas ao día. Tras subliñar que é a actividade máis alta da que
consta no rexistro do Sergas, Fernández-Campa destacou que o número de
consultas non presencias foi de 106.767, 20.171 máis, o que supón un incremento
do 23,29% máis.
Fernández Campa resaltou que durante
2017 beneficiáronse das vías rápidas 17.181 pacientes (3.836 máis), cun tempo
medio de derivación dende o profesional de medicina de Atención Primaria ao
especialista do hospital de 5,9 días (0,7 días menos que en 2016). As vías
rápidas están implantadas en todos os hospitais do Sergas para pacientes con
sospeita de proceso oncolóxico para cancro de mama, colon, pulmón, próstata,
vexiga, cancro otorrinolaringolóxico (cabeza e colo), e melanoma.
ÁREA DE URXENCIAS
En 2017 o Sergas atendeu un total de 2.561.981 urxencias (22.228 máis que
en 2016), o que supón a realización dunha media de 7.000 urxencias ao día.
Desta cifra, 1.548.272 urxencias foron en Atención Primaria (7.594 máis que en
2016), o que supón unha media diaria de 4.200. En Atención Especializada
atendéronse 1.013.709 urxencias (14.634 máis que o ano anterior), cunha media
diaria de 2.800 urxencias.
De cada 10 urxencias, 6 se atenderon en Atención
Primaria.
Sinalar o alto nivel de resolución das urxencias de
Atención Primaria nos PAC, que en 2017 acadou unha porcentaxe de resolución do
91,28%. En Atención Especializada, a porcentaxe
de ingresos foi do 16,70% (0,24 puntos porcentuais máis que en 2016).
Por outra banda, o 061 rexistrou
1.108.194 chamadas e 434.424 procesos asistenciais, 860 máis que o ano
anterior.
BLINDAXE DOS HOSPITAIS
COMARCAIS
En definitiva, o proxecto de Lei de Saúde de Galicia – en fase de tramitación parlamentaria - blinda a existencia dos
hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que ningún
goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é
por lei e por autorización parlamentaria.
Como dicía o presidente
Feijóo “esta é a primeira vez que unha lei blinda servizos relevantes para os
cidadáns como son os hospitais comarcais, que teñen un papel primordial para
garantir a proximidade da atención especializada, establecendo de xeito
específico 14 distritos sanitarios: Barbanza, A Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol,
Lugo, Monforte, O Barco de Valdeorras, Ourense, O Salnés, Pontevedra, Santiago
de Compostela, Verín e Vigo.
O meu total apoio ao competente e eficiente conselleiro
de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que pensa no paciente, que é o
gran beneficiado desta reforma de lei, xa que haberá máis e mellores servizos
nos hospitais comarcais e servizos que serán cada vez máis próximos á
poboación.
As áreas sanitarias
desenvolverán a función que facían as estruturas de xestión integrada (EOXI) e
os distritos porán en valor os hospitais comarcais.
Lembremos que o
desenvolvemento das EOXI permitiu que se investiran nestes anos 20 millóns de
euros nos hospitais comarcais, evitándose arredor de 260.000 desprazamentos
dende as zonas comarcais cara á área principal.
Considero que non se debe utilizar a manipulación e a mentira como arma política con respecto aos datos da sanidade galega e sobre a reforma do sistema de saúde.
É o momento, mediante emendas ao proxecto de Lei de Saúde, de que os grupos parlamentarias propoñan melloras ao texto presentado, que se son razoables e construtivas, seguro serán valoradas.
Considero que non se debe utilizar a manipulación e a mentira como arma política con respecto aos datos da sanidade galega e sobre a reforma do sistema de saúde.
É o momento, mediante emendas ao proxecto de Lei de Saúde, de que os grupos parlamentarias propoñan melloras ao texto presentado, que se son razoables e construtivas, seguro serán valoradas.