Acompaño esta mañá á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o presidente da Deputación Provincial, José Manuel Baltar; e o alcalde, Jesús Vázquez, a un acto na estación ferroviaria de Ourense na que informou da licitación hoxe das obras da nova estación de autobuses intermodal da cidade, que comezarán no verán, cun investimento de máis de 4 millóns de euros.
O Goberno galego segue avanzando nos trámites necesarios para a execución da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación; cun edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos: venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.
Vázquez Mourelle explicou hoxe os pasos para facer realidade unha infraestrutura clave para a cidade, a estación intermodal, actuación na que están a traballar conxuntamente a Xunta, o Concello e Adif para lograr un encaixe perfecto das pezas que a conforman: a nova terminal de autobuses, integrada na terminal ferroviaria; a adaptación da estación de tren; o aparcadoiro subterráneo; e os elementos de conexión entre os barrios.
Salientou que se está a traballar no desenvolvemento da 1ª fase desta actuación estratéxica, que comprende a construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo, por importe de máis de 11 millóns de euros. Adif executará as obras correspondentes ao aparcadoiro, con dúas plantas con 300 prazas, que darán servizo ás terminais de autobuses e de ferrocarril e permitirá unha reodernación da actual praza da estación, cun investimento de arredor de 7 M€, achegando a Xunta 3,9 M€ e Adif o restante.
Mentres se leva a cabo a construción do aparcadoiro habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do espazo que ocupará a futura terminal de autobuses. Deste xeito, conseguirase avanzar e adiantar prazos, garantindo que as obras do parking e da propia estación autobuses se poidan compaxinar e executar ao mesmo tempo.
Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos barrios da Ponte e do Vinteún.
Ethel Vázquez subliñou o traballo intenso e coordinado entre administracións para mellorar a mobilidade de todos os veciños, tanto da cidade de Ourense como dos demais concellos da provincia, xa que nun único espazo disporán dun nó de comunicación onde terán concentrados tanto a información como os servizos de autobús e de tren. Destacou que a intermodal garantirá un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte, conectando e vertebrando os barrios e contribuíndo a facer cidade.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta