sábado, 3 de marzo de 2018

En 2017 a taxa de criminalidade de Galicia foi inferior en 16,5 puntos a de España, e a de Ourense inferior á estatal en 20,7 puntos


Esta semana o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, deu a coñecer  uns datos sobre o Balance de Criminalidade correspondente ao ano 2017, segundo o cal a comunidade galega mantense como a cuarta máis segura de España, cunha taxa de criminalidade (número de infraccións penais por cada 1000 habitantes) de 27,4. Son 16,5 puntos menos que a taxa media española, que ascende ata os 43,9.

O delegado precisou que no ano 2017 coñecéronse en Galicia un total de 74.174 infraccións penais, fronte ás 74.405 de 2016. “Isto supón un descenso global do 0,3%”, que tamén deu a coñecer que “descenderon nun 2,7% os roubos con violencia e intimidación.

 Do mesmo xeito, rexistrouse un 7,7% menos de roubos con forza en domicilios particulares. Tamén se observa unha baixada do 4,7% nos furtos e do 23,1 nas subtraccións de vehículos; e un aumento do 7,5% en delitos de tráfico de drogas”.

 Do mesmo xeito que a taxa de criminalidade do conxunto de Galicia, a taxa de cada unha das catro provincias galegas mantense nos últimos doce meses por baixo da media nacional.

Ourense

No caso da provincia de Ourense, as infraccións penais coñecidas descenden nun - 2,7% (de 7.423 en 2016 pasan a 7.222 en 2017).

 Tamén descenden os roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións nun 25,5%; os furtos nun 8,3% e a subtracción de vehículos nun 11,8% menos.

Aumentou un 33,3 % o tráfico de drogas, os homicidios dolosos e asasinatos consumados un 100 % e un 155,6 % os delitos contra a liberdade e indemnidadee sexual

A taxa de criminalidade de Ourense, é do 23,2, o que representa 20,7 puntos menos que a media española

EFICACIA POLICIAL

Dos 74.174 delitos e faltas coñecidos en 2017, as forzas e corpos de seguridade esclareceron o 43,1% dos casos. O delegado do Goberno felicitou por iso ás Forzas e Corpos de seguridade e quixo facer extensiva a súa felicitación á cidadanía, pois “a súa colaboración é fundamental para que Galicia siga sendo unha comunidade segura”.

BALANCE DE CRIMINALIDADE 

O Balance de Criminalidade correspondente a 2017 está desagregado por comunidades autónomas e provincias e inclúe os datos referidos a capitais de provincia e cidades de máis de 30.000 habitantes. O balance mostra as cifras das infraccións penais, delitos e faltas coñecidas polos distintos corpos policiais e axústase aos estándares europeos(EUROSTAT).

Esta clasificación obedece aos traballos desenvolvidos pola Comisión de Estatística das Nacións Unidas, que aprobou recentemente a Clasificación Internacional de Delitos con Fins Estatísticos para mellorar a coherencia e comparabilidade internacional de estatísticas sobre delitos e a capacidade de análise. Esta clasificación permite que se poidan aplicar a todas as formas de datos sobre o delito, calquera que sexa a etapa do proceso de xustiza penal (investigación policial, axuizamento, condena, prisión) en que se recompilan, así como os datos recompilados nas enquisas de victimización.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta