martes, 20 de marzo de 2018

O ministro de Fomento presenta realidades e adquire compromisos coas infraestruturas en Galicia


Esta mañá o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, presidiu en Arzúa o acto de colocación da primeira pedra das obras do tramo enlace de Melide Sur – enlace de Arzúa Oeste da autovía A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela, que discorre polos termos municipais de Arzúa, Santiso e Melide, na provincia da Coruña. Trátase do último tramo para completar o trazado da autovía A-54.

O ministro aproveitou este acto para dar conta de avances, informacións e compromisos do seu Ministerio para coas catro provincias.

ESTRADAS

En primeiro lugar, fixou para dentro de aproximadamente un mes, o inicio das obras de acceso á Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

En relación coa Coruña, avanzou a aprobación expediente de información pública e, definitivamente, do proxecto de trazado para a mellora da capacidade e integración ambiental de ambas as marxes na avenida Alfonso Molina que será publicada mañá no BOE.

Sobre a ligazón orbital, dixo que se deron pasos moi importantes como o levantamento de actas esta semana en relación cunhas 200 leiras. Así mesmo, asegurou estar a iniciar negociacións con Audasa, a concesionaria da AP-9, para levar a cabo un convenio e poder así licitar as obras en 2018.

Cun orzamento de 19,1 millóns de euros, esta actuación segregará as obras -co propósito de axilizalas- en tres proxectos de construción independentes: o primeiro, de mellora de capacidade da avenida Alfonso Molina, por uns 14 millóns; o segundo, de integración ambiental, da contorna de 4 millóns; e o terceiro específico, para a Pasarela de Pedralonga, de 1 millón de euros.

A continuación referiuse á publicación no BOE este xoves do proxecto de trazado da intersección de Guísamo.

Aludiu á Variante de Ourense, como unha prioridade e adquiriu o compromiso de ter aprobado no mes de xuño o proxecto de construción do primeiro tramo Eirasvedras-Quintela de 30 millóns de euros, como paso previo á licitación que é unha das prioritarias para 2018. E dixo que seguirían avanzado no tramo entre Quintela e A Casa cuxo proxecto seguen redactando.

Falou logo do avance dos procesos de licitación da circunvalación do Barco de Valdeorras cun investimento de 64 millóns de euros. E lembrou a publicación esta semana no BOE da aprobación provisional do proxecto e a información pública dun dos tramos da A-76 entre Villamartín da Abadía e Requejo cun investimento de 101 millóns de euros.

En Pontevedra dixo que seguirían traballando na A-57. Ademais, Da Serna insistiu en que continúan traballando no procedemento para a supresión da peaxe da autoestrada AP-9 en Redondela, que pretende concluír contorna ao mes de xullo.

FERROCARRIL

Logo lembrou o seu compromiso de informar cada tres meses da evolución das obras da liña de alta velocidade. Ratificou o seu compromiso cos prazos; no primeiro tramo de Zamora a Pedralba, con previsión de terminar a finais deste ano 2018 e que por iso “ estamos a traballar coma unha bala para chegar".

Dixo, que entre Pedralba e Taboadela, de 100 quilómetros, hai 17 contratos de obras, algunhas delas xa finalizados e outras obras complicadas como as do tramo entre Portocamba- Cerdedelo, que inclúe o viaduto de Teixeiras de máis de 500 metros. Prevén que a vía esquerda conclúa en marzo de 2019 e en xuño a vía dereita. De 127 km de túneles xa se calaron 119. e desde ese punto ata Ourense a finais de 2019.

Logo falou do tramo Taboadela a Ourense no que dixo que están a pasar moitas cousas e moi rápido. Así o 26 de febreiro foron adxudicadas as obras do Ramal de Conexión en Taboadela; o 6 de marzo foi aprobado o proxecto do Terceiro Carril e o 8 de marzo o do Cambiador de Tabodela. Estamos a traballar na remodelación da estación de Ourense e na intermodal.

Neste punto, felicitou á Xunta por como se desenvolven os trámites para as estacións intermodais, por ser unha das comunidades autónomas que máis aposta por este ámbito.

Falou do ferrocarril entre Ourense-Lugo, e que hai moito para mellorar e que están a facer cousas con intensidade. Proxectos para adecuación dos tramos que non están afectados polas variantes, en aras a unha renovación total do tramo, Os Peares, Canabal e Rubián. Tamén aludiu ás licitacións dos proxectos para suprimir 36 pasos a nivel, cun prazo de entrega de dez meses. E citou os proxectos de electrificación.

Da variante da Pobra de San Xiao (Láncara, en Lugo), De la Serna dixo que antes de que comece o verán póidase poñer en servizo.

Falou dos estudos que teñen que realizarse para Vigo-Cerdedo e da modernización da liña tamén entre A Coruña, Ferrol e Ribadeo.
VIVENDA, CAMIÑO E DRONS

Finalmente ante a conselleira Ethel Vázquez, cifrou nun 62% o incremento da achega en política de vivenda e esperou "pronto" poder asinar para un investimento de 82 millóns de euros. E aludiu a 10 lotes que se están supervisando para o Camiño Francés entre Lugo e A Coruña.

Finalmente mencionou o gran interese do Goberno e da Xunta por impulsar o campo dos drons, cun centro de “referencia" como o de Rozas.


FEIJÓO


Pola súa parte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que, co inicio das obras do último tramo da Autovía Lugo-Santiago, Galicia comeza a superar a gran materia pendente da conexión do interior co Eixo Atlántico. “Enfilamos a recta final da construción da autovía Lugo-Santiago e empezamos a superar a gran materia pendente que é a conexión do interior coa costa”, afirmou.

Feijóo precisou que con esta infraestrutura Lugo se achega á metade occidental de Galicia, cuxa relación estaba ata o momento limitada á comunicación co norte da Coruña pola A-6 e a autovía Ferrol-Vilalba; e a Galicia interior entra en contacto con todo o Eixo Atlántico, con Pontevedra e con Vigo, así como co resto de vilas e cidades das que Santiago exerce de gran distribuidor de tráficos.

“É dicir, Santiago seguirá incrementando o seu papel protagonista de nó de comunicacións, de cruzamento de camiños; e Lugo confírmase como ponte entre o Eixo Atlántico e o norte España e Europa”, abundou, lembrando que todos os treitos desta vía están hoxe finalizados ou en execución.

Cun investimento de máis de 100 millóns de euros, Feijóo subliñou que este treito, de case 17 quilómetros, permitirá aos usuarios ir de Santiago a Lugo nun tempo de 50 minutos, fronte á hora e media de agora. “Os condutores pasarán de circular por unha estrada convencional con moitas travesías, cambios de velocidade e abundante tráfico pesado a circular por unha autovía libre de peaxe e cos máis altos estándares de calidade”, dixo, ao que engadiu que con esta obra se dá, ademais, solución a un dos treitos de maior sinistralidade da rede estatal, situado nesta zona entre Melide e Arzúa.

Logo de precisar que os municipios de Arzúa, Melide, O Pino, Santiso e Palas de Rei verán acurtadas as distancias que os separan dos centros de actividade económica, administrativa e social que son as cidades de Lugo e Santiago, Feijóo asegurou que esta nova estrada suporá un novo comezo para eles. Ao respecto, resaltou que o poder da Ruta Xacobea, así como o conxunto das axudas impulsadas desde o Goberno central e a Xunta en materia de vivenda constitúen unha ferramenta fundamental para conseguir que todos estes núcleos que son hoxe lugares de paso, cando se vexan liberados do tráfico pola A-54, se convertan en sitios para visitar e para quedarse.

Sobre este punto, precisou que este Plan de vivenda, ao que o Goberno central e a Administración autonómica destinarán un investimento de máis de 100 millóns de euros, suporá unha oportunidade para impulsar a rehabilitación do patrimonio, referíndose especialmente á iniciativa específica para vivendas en núcleos de menos de 5.000 habitantes.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Executivo galego recoñeceu o esforzo do Goberno central por facer da A-54 unha infraestrutura prioritaria. Non en van, máis do 40% do trazado desta autovía foi posto en servizo desde o ano 2015, o que significa que os catro treitos xa abertos entre Lugo e Palas recibiron o seu impulso definitivo nos peores anos da recesión económica.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta