jueves, 1 de marzo de 2018

Feijóo: "É o momento de traballar nunha nova normativa que garanta en todo momento o abastecemento de auga en cantidade e calidade"


Saliento como unha nova destacada de hoxe que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, na rolda de prensa do Consello, que a Administración autonómica está a traballar nunha nova normativa que garanta en todo momento o abastecemento de auga en cantidade e calidade, referíndose así á redacción dunha Lei de medidas ante eventos de seca ou outras situacións excepcionais e ao impulso dun Plan especial para a mellora da vixilancia da calidade da auga de consumo humano.
“Hai unha realidade que non podemos obviar e para a que debemos estar preparados”, aseverou en alusión a todas as administracións competentes ao tempo que sinalou que a Xunta pon a disposición un borrador de lei que inclúe medidas moi diversas para planificar, debater e pactar entre todos e cuns obxectivos –asegurou– compartidos por todos.
Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico afirmou que o primeiro obxectivo da lei será ordenar os recursos hídricos do xeito que máis conveña ao interese xeral, dándolle prioridade ao abastecemento de auga para o consumo humano. Ademais de preservar as garantías sanitarias da auga en todo momento –especialmente ante a eventualidade de que unha situación de seca poida alterar diferentes valores con repercusións na saúde pública-; e garantir a unidade de criterio e de acción en todo o territorio.
Hoxe en Ourense
Para que estes tres obxectivos se cumpran, Feijóo explicou que a nova norma establecerá as medidas excepcionais a tomar nos períodos nos que se declare a seca; e clarificará as competencias de cada administración, de xeito que a Xunta poida cumprir coas súas competencias de saúde pública e de protección e ordenación dos recursos hídricos, e os concellos coa responsabilidade de prestar abastecemento e saneamento aos veciños.
Logo de precisar que esta norma será aplicable en toda Galicia, con independencia de que a seca se produza na Demarcación Galicia–Costa ou no ámbito doutro organismo de conca, o titular do Goberno galego subliñou que as medidas agruparanse en tres ámbitos: potenciar máis intensamente o consumo racional, non só por parte das administracións senón tamén primando sempre aos cidadáns que menos auga consuman; garantir a máxima fluidez de información entre as distintas administracións, especialmente nas situacións excepcionais; e protocolizar as medidas de aforro cando hai maior escaseza de auga, co fin de dar unha resposta máis rápida entre todos.
Plan especial para a mellora da calidade da auga de consumo humano

Embalse de Cachamuiña. Setembro 2017
En segundo lugar e co obxectivo de implementar as medidas máis efectivas para velar pola calidade da auga e corrixir deficiencias cando se atopen, Feijóo destacou a autorización do inicio da tramitación dun Plan especial para a mellora da calidade da auga de consumo humano. Unha iniciativa que permitirá ampliar o ámbito de actuación dos programas de inspección da Xunta, para incluír tamén nel as traídas de veciñanza ou as traídas non conectadas a redes municipais.
Esta medida permitirá, segundo concretou o titular do Goberno galego, un mellor control da auga coa inclusión de criterios máis homoxéneos para as administracións local e autonómica; un maior control da auga, especialmente en situacións de risco como as que xeran momentos de seca; e, finalmente, máis capacidade de acción ante posibles incumprimentos.
A partir de agora, concluíu, ábrese un período de estudo coa Fegamp e con todos os axentes que poidan enriquecer o texto para alcanzar un consenso no menor tempo que sexa posible.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta