lunes, 26 de marzo de 2018

Velle: un exemplo de central hidroléctrica, produtora de enerxía renovable e limpa


Como todos os domingos saín a correr e nesta ocasión polas ribeiras do Rio Miño que baixaba cun enorme caudal consecuencia das fortes e persistentes choivas destas semanas. Crucei o Río pola presa que tiña as comportas abertas e desaguaba un abundante volume de auga.

Seguro que esta Central Hidráulica de Velle, propiedade de GAS NATURAL FENOSA, estaba a plena produción. Logo xa na casa estiven lendo en internet que esta instalación cumpriu en 2017 cincuenta anos, xa que en febreiro de 1967 empezaban a funcionar a pleno rendemento os dous grupos da central de Velle, a primeira das tres centrais hidroeléctricas proxectadas pola compañía para o aproveitamento do baixo Miño.

Con motivo deste aniversario GAS NATURAL FENOSA difundía unha nota na que informaba que “A construción da presa, que se prolongou durante catro anos, realizouse de maneira graduada xunto coas centrais hidráulicas de Castrelo e Frieira logrando un aproveitamento enerxético integral do curso baixo do río Miño. Máis de 1.500 persoas participaron na construción do salto de Velle, proxectado polo coruñés Luciano (Chano) Yordi de Carricarte, un enxeñeiro galego pioneiro na enxeñería hidráulica e civil, que xa deseñara varias presas en Galicia, entre elas, a presa de Belesar, que constituíu cos seus 132 metros de altura, un récord en Europa entre as presas de tipo bóveda.

Cunha potencia orixinal instalada de 80 MW (dous grupos con turbinas Kaplan) e unha produción media anual de 165 MWh, a central púxose en marcha co obxectivo de incrementar a produción eléctrica en Galicia e contribuír á industrialización da rexión.

A central hidroeléctrica de Velle é hoxe unha instalación dotada da última tecnoloxía tanto no que se refire ás turbinas como ao telemando, a automatización e o seguimento dos principais parámetros de funcionamento, que se xestiona desde o novo Centro de Control Integrado ( CCI) de GAS NATURAL FENOSA. O CCI recolle da Central de Velle, en tempo real, preto de 6.000 sinais duns 850 sensores e máis de 25.000 metros de cableado de control instalados na Central Hidroeléctrica, que permiten a total automatización e telecontrol da mesma. O recente cambio dos rodetes das turbinas, realizado entre 2012-2014, permitiu un 9,25% de mellora de rendemento da central, alcanzando un valor do 95% en turbina e 6 MW de incremento de potencia ata un valor de 86 MW.”

E nesa mesma nota da empresa, informaba que: ”GAS NATURAL FENOSA investira preto de 6,5 millóns de euros no novo Centro de Control Integrado ( CCI) de Hidráulicas de Velle, o máis innovador de Europa e dos máis punteiros do mundo. O CCI de Velle utiliza as tecnoloxías máis avanzadas para a xestión centralizada e a supervisión telemandada das 51 centrais hidroeléctricas e 23 grandes presas da compañía en toda España. O novo CCI incorporou sistemas de control e ferramentas de última xeración que permiten unha resposta áxil e eficiente ás novas esixencias do sistema eléctrico, as 24 horas do día, os 7 días da semana, co máximo respecto aos requirimentos de seguridade das persoas, instalacións e o medio ambiente.

O Centro de Control, que xestiona máis de 2.100 MW, recolle, en tempo real, máis de 200.000 sinais provenientes dos distintos activos que se controlan e supervisan, aínda que o CCI ten capacidade para analizar ata 800.000 sinais, o que permitirá ampliar a súa capacidade a novas plantas, garantindo a súa utilización no futuro.

O proceso de automatización das centrais hidroeléctricas da compañía iniciouse en 1998, sendo pioneiros na operación unificada e telemandada de centrais hidráulicas, e ao longo dos anos fóronse incorporando as melloras tecnolóxicas dispoñibles. O novo CCI supón un importante salto cualitativo ao integrar a tecnoloxía e a I+D+i para axuntar todos os aspectos asociados á explotación confiable e segura das instalacións nunha única contorna de decisión.
O sistema de control foi desenvolvido pola empresa norteamericana OSI baixo a supervisión e as directrices dos técnicos de GNF. O equipo do Centro de Control conta cun total de 19 profesionais, nos que se aúnan experiencia e mocidade, asegurando a transferencia do coñecemento adquirido e a capacidade de innovación, integración e manexo das novas tecnoloxías.”

Termino esta entrada, destacando a importancia que para Ourense ten o contar no seu termo municipal cunha central hidroléctrica, produtora de enerxía renovable e limpa, e ademais de dispoñer dun centro de Control de tanta relevancia. 

Finalmente lembremos a importancia de que a comunidade galega siga estando á vangarda no sector enerxías renovables. 

E que hoxe Galicia é a segunda comunidade autónoma en enerxías renovables de España.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta