Hoxe
coñecemos por medio de unna nota informativa que a Xunta de Galicia vén de remitirlle ao Ministerio de
Fomento, en concreto a Adif, o proxecto de aparcadoiro subterráneo da estación
intermodal de Ourense, que disporá de 302 prazas de estacionamento.
Este
equipamento, cuxo deseño técnico asumiu a Consellería de Infraestruturas e
Vivenda, suporá un investimento de case 7 millóns de euros, financiando
maioritariamente polo Goberno galego, e cofinanciado por Adif, que se encargará
ademais da súa contratación e execución.
O aparcadoiro subterráneo forma parte da primeira
fase do gran proxecto da estación intermodal de Ourense, xunto coa nova
terminal de autobuses intermodal, cuxas obras foron licitadas o pasado 26 de
febreiro pola Xunta de Galicia por un importe de 4,2 millóns de euros.
Este aparcadoiro subterráneo ten por obxectivo dar
servizo tanto á terminal ferroviaria como á de autobuses e ao barrio da Ponte,
ademais de permitir a reordenación da actual praza da estación.
Situado baixo a área de aparcadoiro da actual praza
da estación, terá unha superficie total de 8.645 metros cadrados distribuídos
en dous andares nos que se repartirán as 302 prazas, incluíndo 10
estacionamentos adaptados para persoas con mobilidade reducida.
O aparcadoiro conectarase coa rúa Eulogio Gómez
Franqueira mediante rampas independentes de vehículos para entrada e saída, situadas ambas no lado sur
do equipamento. O desembarco á superficie realizarase en paralelo á rúa, de forma
que se poida conectar con ela de forma directa e sen afectar aos percorridos
peonís na praza nin ao tráfico urbano.
Ademais, disporase de tres puntos de acceso peonil
desde a praza da estación. Dous deles situaranse na área norte, máis próximas á
entrada dás terminais de autobuses e de ferrocarril, respectivamente, e contarán con ascensor accesible. O terceiro
situarase no lado sur do aparcadoiro.
O Goberno galego prevé iniciar o vindeiro verán a
construción da nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril.
Contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación, ademais de cun
edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos:
venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.
Actualmente estase en proceso de valoración das 16
ofertas presentadas á realización das obras, cumprindo así cos trámites para
facer realidade unha infraestrutura clave para a cidade: a estación intermodal,
actuación na que están a traballar conxuntamente a Xunta, o Concello e o
Ministerio de Fomento, a través de Adif.
A nova estación de autobuses e o aparcadoiro forman
a primeira fase dese gran proxecto,
sumando un investimento de case 11 millóns de euros.
Mentres se leva a cabo a construción do aparcadoiro
habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do
espazo que ocupará a futura terminal de autobuses. Deste xeito, conseguirase
avanzar e adiantar prazos, garantindo que as obras do parking e da propia
estación autobuses se poidan compaxinar e executar ao mesmo tempo.
Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de
Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as
actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos
barrios da Ponte e do Vinteún.
Recibirá resposta.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.