sábado, 28 de abril de 2018

Feijóo anuncia o nicio da tramitación do Plan de Transporte Público de Galicia, que modernizará todas as liñas e terá unha orientación social


Saliento o anuncio feito este xoves por parte do presidente Alberto Núñez Feijóo, relativo ao inicio da tramitación do Plan de Transporte Público que permitirá que a nosa Comunidade arranque 2020 con todas as liñas modernizadas e adaptadas ás necesidades dos cidadáns. “Galicia será así a 1ª Comunidade Autónoma que cumpra a normativa europea de licitar todas as liñas de transporte público por estrada”, dixo.
Feijóo precisou tamén que ao longo deste proceso, todos os colectivos ou particulares interesados poderán achegar as súas recomendacións, suxestións e propostas para mellorar o plan, cuxas liñas estratéxicas son: facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sustentabilidade económico-financeira e ambiental; fomentar o uso do transporte público, harmonizando oferta e demanda, mellorando e estendendo as liñas e modernizando o servizo; e impulsar a intermodalidade, de xeito que o transporte público se reforce como alternativa ao transporte particular.
O presidente da Xunta aseverou que nestas liñas queda patente a orientación social desta iniciativa, que se plasma noutros proxectos xa en marcha como: a Tarxeta Xente Nova, que ofrece viaxes metropolitanas gratuítas aos menores de 19 anos; os descontos ao transporte de familias numerosas; e, con respecto ao persoal de transporte, a aposta pola subrogación dos traballadores e pola mellora da súa formación.
Así mesmo, esta estratexia axudará a definir os proxectos de explotación de cada unha das concesións, que se deseñarán en función dos estudos de campo que van realizar. E, unha vez definidos, estes proxectos de explotación volverán ser sometidos á información pública, para que os colectivos interesados poidan presentar achegas xa máis polo miúdo.
“Deste xeito, serán os profesionais e os usuarios quen definan as liñas de transporte, no respectivo aos itinerarios, as frecuencias, o número de expedicións e os horarios”, explicou, ao que engadiu que, ademais, seguirase apostando polo transporte compartido (escolar-ordinario) e polo transporte a demanda nos casos nos que sexa necesario, coa finalidade de que non quede ningún viaxeiro sen transporte, pero tampouco ningún transporte sen viaxeiros.
O cronograma dos próximos pasos a seguir para a aprobación do Plan de transporte público de Galicia será o seguinte: de xeito inminente someterase a información pública o documento base do plan; no segundo semestre deste ano, iniciaranse os traballos de campo para redeseñar o mapa de concesións; e, entre finais de 2018 e o primeiro trimestre de 2019 se redactarán e someterán a información pública os proxectos de explotación.
Posteriormente, estudaranse as alegacións a estes proxectos; no verán de 2019 licitaranse as novas concesións, algo que se prevé que se faga por lotes e limitando o número máximo de concesións por empresa, para preservar o tecido empresarial do transporte; e, en torno a decembro de 2019 entrarán en funcionamento os novos servizos.
Sobre este punto, Feijóo precisou que estas dúas últimas fases adiantaranse no caso dos contratos adxudicados en agosto de 2017. Estes contratos, que teñen unha vixencia máxima de dous anos, serán licitados no segundo trimestre de 2019 e comezarán a prestar servizo en torno ao mes de agosto.
“En definitiva, un plan de transporte moderno e axeitado á realidade do seu uso, cun documento positivo para os traballadores, para os usuarios e para toda Galicia: para os preto de 5.000 traballadores do sector, porque blinda as cláusulas sociais pactadas o ano pasado cos sindicatos UGT e CCOO; para os usuarios, porque ademais da mellora das liñas, renóvase unha frota de entre 2.500 e 3.000 autobuses; e para Galicia, porque supón avanzar na vertebración do territorio”, concluíu, o titular da Xunta.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta.