viernes, 25 de mayo de 2018

Comeza o II Congreso Internacional de Drons de Galicia DIC Galicia


Asisto onte ao acto de inauguración do II Congreso Internacional de Drons de Galicia DIC Galicia que ten lugar no Auditorio Municipal de Ourense os días 24, 25 e 26 de maio de 2018.
Contará con máis de media  centena de relatores expertos e empresas, que expoñerán en máis de 20 mesas redondas e presentacións, os últimos avances tecnolóxicos no ámbito dos drons, lexislación e as telecomunicacións.
Está organizado conxuntamente polo Colexio Oficial Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación e a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións  Aggett.

E nesta edición conta co apoio de administracións e institucións tales como, o Ministerio de Fomento, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea ( AESA), a Xunta de Galicia, a Axencia  Galega de Innovación, a Deputación de Ourense,  Concello de Ourense e Universidade de Vigo, ademais doutros organismos e empresas, quen depositou a súa confianza e respaldo a esta iniciativa.

Interveu en primeiro lugar José Manuel Martínez, delegado do  COGITT en Galicia que tras presentar os obxectivos do Congreso destacou que “Galicia conta cos mellores Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación”.

 Logo foi o turno do Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que afirmou que este congreso é o resultado dunha “aposta sólida, mantida no tempo, dos profesionais do sector, das institucións e da sociedade no seu conxunto a prol dun sector, o dos vehículos aéreos non tripulados, que conta con enorme potencial de futuro”.

E lembrou que Galicia “tivo o certo de apostar” polos drones desde a Universidade, coa impartición do Grao de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en Ourense; desde a Administración, a través do polo aeronáutico de Rozas; e tamén cun protagonismo destacado das empresas privadas.

Tamén interviron, o alcalde Ourense, Jesús Vázquez e o Vicepresidente da Deputación Rosendo Luis Fernández. Tamén estivo presente o Director General de Aviación Civil, Raúl Medina

Pechou o acto o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, referindose ao polo aeronáutico de Rozas, ás tres universidades galegas e ás empresas e centros tecnolóxicos, como ao Centro de innovación aeroespacial de Galicia (Cinae), como factores clave para o crecemento dun sector que en 2017 acadou unha facturación que chegou aos 127 millóns de euros e deu traballo a 1200 persoas, un 9% máis que o ano anterior.
E aseverou que esta industria está a consolidar o seu peso na economía galega, conxugando dous piares fundamentais: innovación e formación.
Sobre este último punto, o conselleiro subliñou que é precisamente en Ourense onde se desenvolve a vertente académica e formativa do sector aeroespacial galego, coa Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, na que se imparte o Grao de Enxeñaría Aeroespacial. E a partir do vindeiro curso se vai ofertar o Máster en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, no que colaboran a UVigo e a USC. Unha oferta formativa que se completa co Ciclo Superior de Mantemento Aeronáutico que imparte o Centro Integrado de Formación Profesional As Mercedes de Lugo.
“Destes centros sairán as novas xeracións de enxeñeiros e técnicos especializados neste sector. Unha xeración de profesionais cualificados que son os que van facer posible que o sector aeroespacial en Galicia poida despregar todo o seu potencial e marcar fitos tan importantes como os que xa se están a poñer en marcha no polo tecnolóxico de Rozas”, destacou. Ao respecto, recordou que, neste momento, son 20 os proxectos de I+D os que se están a executar en Rozas, con 200 persoas empregadas e coa previsión de superar as 440 en 2020.

Estes proxectos corren a cargo de Indra e Babcock, os socios industriais da Xunta, cos que se puxo en marcha este polo tecnolóxico que mobilizará 150 millóns de investimento público-privado e que ten permitido que unha vintena de empresas e centros tecnolóxicos galegos traballen en novos proxectos por valor de 13 millóns.
Ao longo da súa intervención, Conde subliñou que, neste momento, Rozas é a denominación de orixe de iniciativas tan novas como o primeiro dron mariño que deseñou a Universidade de Vigo e Indra; as 3 aeronaves non tripuladas que xa fan ensaios de voo; o dispositivo creado pola startup viguesa Centum para a localización de persoas desaparecidas, que agora se vai adaptar para ser usado en dúas destas aeronaves; ou o primeiro banco de ensaio de motores no que participa o CTAG.
Así mesmo, aseverou que son 10 as licitacións publicadas que xa van camiño de ser adxudicadas, con propostas para aplicar o uso de drons na xestión forestal e do territorio, a seguridade da flota pesqueira ou a vixilancia do patrimonio cultural, e ás que se sumará unha nova na que se está a traballar para a atención cardiovascular de peregrinos no Camiño de Santiago.
O conselleiro concluíu lembrando que para apoiar o nacemento de novas startups no sector aeroespacial se presentará proximamente unha nova aceleradora, que terá a súa sede nas instalacións do antigo hospital de Lugo, onde se situará tamén un centro de emprendemento específico para este sector.