Dentro de poucos días, o 1 de xullo,
comezará a campaña de alto risco de incendios forestais. Dicía esta pasada
semana o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, "con todo
o operativo dispoñible e a pleno rendemento".
Informaba que por primeira vez, todo o dispositivo estará despregado polo
territorio a comezos de xullo, xa que este ano se amplía a prestación do
servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que
pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro. Por outra banda, quedarán cubertas
o cen por cento das vacantes que había no servizo antes da tempada de alto
risco. Estas melloras reforzarán a operatividade do dispositivo, que destaca
precisamente por ser un dos mellores de Europa.
O director xeral aproveitou tamén para facer un novo chamamento á cidadanía
para que denuncien calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a
nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.
“Podemos ter temperaturas elevadas que iso non implica que haxa incendios, o
problema está na man do home que está detrás”, subliñou Fernández-Couto.
Porén, tamén aclarou que hai un cambio de actitude na poboación, non só á
hora de denunciar senón tamén de colaborar na limpeza das parcelas. E para que
esa colaboración chegue a todos os concellos de Galicia, a Xunta asinará nos
vindeiros días un convenio de colaboración coa Federación Galega de Municipios
e Provincias (Fegamp) para mellorar a xestión da biomasa nas proximidades das
vivendas e núcleos de poboación e, consecuentemente, previr e minimizar os
danos polos lumes.
A Consellería do Medio Rural comprométese a sufragar nunha porcentaxe do
75% os custes das actuacións precisas para manter estas faixas secundarias de
acordo co establecido na normativa. Corresponderalle á Fegamp e, no seu caso,
aos concellos adheridos ao convenio, o financiamento do 25 por cento restante.
Para impulsar e formalizar este acordo, o departamento que dirixe Ángeles
Vázquez achega este ano un total de 6 millóns de euros co que se asumirá o 100%
dos gastos, pois o Goberno galego é consciente das dificultades, sobre todo
económicas, que teñen os concellos para facer cumprir a lei neste ámbito.
Por outra banda, lembrou que o dispositivo en Galicia está composto por uns
7.000 efectivos que cobren a totalidade do terreo, entre medios propios, do
Ministerio, e municipais. “Haberá vixilancia nos nosos montes, porque previr é
fundamental na loita contra os lumes”, e engadiu que non só haberá efectivos a
pé, como a Operación Centinela Gallego ou as Forzas e Corpos de Seguridade do
Estado, senón tamén fixos a través dos 91 postos que conforman a rede de
vixilancia contra incendios. Así, nos vindeiros días quedarán instaladas as 44
novas cámaras que cubrirán o 54% do territorio.
Medios materiais
Galicia
manterá os medios materiais dos últimos anos, con 360 motobombas da Xunta, dos
concellos e dos parques de bombeiros, e aos que se engaden cisternas, pas e
outros vehículos. No tocante ao medios aéreos, estarán dispoñibles unha trintena
de helicópteros entre os que se atopa un dotado con cámaras que transmitirán
imaxes e vídeo en tempo real e xeorreferenciadas.