Saliento hoxe
no blog, a noticia difundida hoxe de que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto
cos alcaldes de Arnoia, Cenlle, Lobios, Baños de Molgas, Cortegada e O
Carballiño e os representantes dos sete balnearios da provincia, presentaron
esta mañá no balneario de Arnoia o balance dos cinco anos de desenvolvemento do
programa de “Termalismo social”, que desenvolve a institución provincial. Éxito
e máxima aceptación definen esta iniciativa pioneira no ámbito do termalismo,
“nun territorio, a provincia de Ourense, líder en Europa pola calidade das súas
augas mineiro-medicinais, e polos programas que desenvolve a Deputación de
Ourense -unindo turismo termal, ocio e saúde-, de máxima aceptación tanto pola
calidade das instalacións e as súas contornas como pola facilidade da xestión
de reservas”, afirmou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial
avanzou que este ano 2018 o programa superará os 3.000 usuarios, “un dato que
demostra o éxito desta iniciativa pola que apostamos, considerando ao sector
termal un referente para a competitividade da nosa provincia”. Baltar destacou que o 51 % dos bañistas termais que se
achegan a Ourense no marco deste programa utilizan o tren, “grazas ao acordo
entre a Deputación de Ourense, o Ministerio de Fomento e Renfe, que permite
viaxar a Ourense desde 40 cidades de España para gozar das diferentes
modalidades balnearias”, dixo. “A facilidade, rapidez e sinxeleza do
procedemento para facer as reservas constitúe un modelo en administración
electrónica, o cal puxemos en marcha na Deputación de Ourense, un paso máis na
política de innovación na xestión pública no marco do programa “Provincia
Intelixente”, que leva a cabo o goberno provincial”, remarcou Manuel Baltar.
Nesta liña, afirmou: “Seguiremos
potenciando este programa, que desenvolve a Área de Benestar da Deputación, na
provincia termal por excelencia; unha andaina que comezou con cinco balnearios,
agora temos sete, e coa previsión de abrir este ano un novo establecemento
termal: o balneario de Berán”. Este éxito participativo e de organización é
posible “grazas á cooperación de concellos e balnearios para seguir mellorando
o programa con novas propostas e iniciativas”, valorou Manuel Baltar.
A Deputación de Ourense realiza esta
iniciativa social cun plantexamento innovador consistente na implantación,
desde o ámbito local, dun programa de servizos sociais que xira sobre tres
eixos: a prestación dun servizo de saúde, benestar e envellecemento activo, a
través do termalismo social baseado nos beneficios terapéuticos das augas
minero-medicionais; a concepción do programa como un servizo social integral
facilitando a mobilidade a través do uso do tren; e o avance da administración
electrónica.
“Esta iniciativa nos posiciona como
referente europeo no ámbito termal”, salientou Manuel Baltar, na actualidade é
vicepresidente da rede europea de territorios termais -integrada por 13 nacións
e 51 territorios termais-, unha asociación que celebrará en Ourense no vindeiro
outubro a súa asemblea xeral, situando a Ourense como capital do termalismo
europeo. Neste ámbito da promoción internacional do termalismo ourensán, Baltar
tamén se referiu á vindeira edición de Termatalia, que terá lugar en Foz de
Iguaçú, en Brasil. “Todo ese atractivo termal de Ourense ten que servir para
seguir impulsando as outras vantaxes competitivas da nosa provincia: o turismo
cultural e de natureza, o patrimonio histórico-artístico ou a declaración da
Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”, expresou.
O programa de Termalismo social
oferta aos usuarios tres modalidades: un programa de Estancias Balnearias de 6
días e 5 noites en calquera balneario da provincia, con 10 técnicas de
tratamento termal; un programa de Cultura Termal, con estancias de fin de
semana; e un programa de Tratamentos Terapéuticos de diferente duración, sen
aloxamento, con especialidades dermatolóxicas, respiratorias ou
traumatolóxicas.
A sinxeleza para inscribirse no
programa é un dos éxitos da iniciativa, destacando que o prazo de inscrición
está aberto todo o ano, as 24 horas do día, e tamén que o usuario non ten que
presentar ningún papel nin realizar ningún desprazamento, obtendo a praza no
mesmo momento da solicitude. O proceso ten unha duración aproximada de 5
minutos. Este ano como novidade, o usuario asina a solicitude cun código PIN
que lle chega ao móbil no mesmo momento que comeza a inscrición.
Respecto do avance de datos de 2018,
cabe salientar que os usuarios que xa obtiveron praza para este ano son 2.302,
un 79% deles solicitaron a modalidade de estancia de 6 días; un 12%, a de
cultura termal, e un 9% a de tratamentos terapéuticos. Asemade, dos
participantes na modalidade de estancias un 51% utiliza o tren para achegarse a
Ourense, sendo a súa procedencia de todas as comunidades autónomas, entre as
que destaca Madrid.