Informa hoxe o PP de G que Galicia será a cuarta Comunidade Autónoma con máis delegados no Congreso
Nacional do Partido Popular, cun total de 279 compromisarios electos e 48
natos.
A militancia delegará o seu voto nos compromisarios, que actúan como representantes
que se asignan a cada territorio en función dun dobre criterio: un 75%
corresponde ao número de militantes e o outro 25% aos resultados das últimas
eleccións xerais nese lugar –a porcentaxe de voto ao PP nos comicios Xerais de
xuño de 2016 foi do 41,49%, sendo a forza máis votada con case 20 puntos de
diferenza co PSOE-. Nese sentido, cómpre sinalar que o PPdeG conta con máis de
101.000 afiliados en Galicia.
Por provincias, Pontevedra conta con 84 compromisarios –dous deles de Novas
Xeracións-, A Coruña con 78 –dous deles de NN.XX.-, Ourense con 73 –un deles de
NN.XX.- e Lugo con 44 –un deles de NN.XX.-. Á súa vez, cada sede provincial
asignará aos representantes correspondentes de cada concello nos comités locais
que se celebrarán a partir de hoxe e nos próximos días.
Ademais dos electos, entre os compromisarios natos atópanse os catro
presidentes provinciais, o presidente do Parlamento galego, os alcaldes das capitais
de provincia e todos os integrantes do Comité Executivo nacional, así como
senadores, deputados do Congreso e eurodeputados.
Hai que lembrar que foi o propio Mariano Rajoy o encargado de anunciar onte
a data do vindeiro conclave nacional do partido, que terá lugar os días 20 e 21
de xullo en Madrid, e que servirá como punto de partida para un proceso de
renovación interna da formación onde a militancia terá un papel fundamental, xa
que será a encargada de escoller ao novo presidente do Partido Popular. De
feito, trátase do primeiro congreso no que os militantes terán voto directo sobre os
aspirantes a presidir o partido.