Destaco da
actualidade de hoxe que o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, chamara
á implicación e máxima participación de cada un dos concellos de Ourense, para
xuntos acadar un transporte público sostible e eficiente, que de resposta ás
necesidades e demandas reais da cidadanía.
Maestro, que
estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, solicitou
deste xeito a implicación das administracións locais da provincia ás que
informou en detalle do proceso posto en marcha desde a Xunta para a elaboración
do Plan de Transporte Público de Galicia, de cara ao ano 2019, data de
caducidade das actuais concesións.
Con motivo dos encontros programados esta semana pola Xunta nas
distintas cidades galegas para informar sobre o proceso de elaboración do Plan
de Transporte Público de Galicia, Ignacio Maestro sinalou que esta reunión marca
o inicio do proceso de consultas, que seguirá con xuntanzas individuais concello
a concello, coa vista posta en acadar uns servizos axeitados ás demandas da
Galicia do século XXI.
Neste senso
expresou o interese da Xunta por coñecer as súas prioridades e propostas por
ser as entidades locais as máis próximas aos cidadáns, amosando tamén a súa
confianza en que as súas achegas sirvan para potenciar a cobertura territorial
da rede de transporte público, así como para renovar e
modernizar as liñas de transporte por estrada de toda Galicia.
Destacou o
traballo que está a realizar o departamento dependente da Consellería de
Infraestruturas e Vivenda, e falou do camiño iniciado en agosto de 2017 coa
posta en marcha da primeira fase do Plan de transporte público, que na
provincia de Ourense abrangueu 451 liñas e 92 concellos, e que permitiu acadar
o obxectivo prioritario de que os veciños non estivesen un só día sen
transporte. Tamén posibilitou ampliar e mellorar os servizos aos cidadáns,
ofrecendo unha mellor cobertura territorial e con tarifas máis económicas.
Ignacio Maestro dixo
que na provincia de Ourense, a 1ª fase do Plan de transporte supuxo case que
multiplicar por 4 o número de paradas, pasando de 1.500 a 5.350. E engadiu que
permitiu poñer en marcha novas modalidades, como as 304 liñas de transporte
baixo demanda e 262 liñas de autobús compartido, que están sendo utilizadas por
máis de 6.500 usuarios non escolares cada mes, e que teñen suposto grandes
beneficios para os veciños do rural.
Destacou que agora
na 2ª fase do Plan incluiranse a totalidade dos municipios e das liñas de
transporte da provincia, 461 liñas de interurbanas que prestan
servizo nos 92 municipios, e expresou a súa a confianza de que estes
encontros, que xa se celebraron na Coruña e Lugo, sexan útiles e frutíferos de
cara a potenciar a rede de transporte
público, ofrecer máis e mellores servizos e facilitar a mobilidade da xente.
O director xeral
de Mobilidade referiuse aos pasos que está a dar o Goberno galego, desde que no
mes de maio someteu a información pública o documento base do Plan de
Transporte Público de Galicia.
Salientou que
agora a Xunta continua o proceso de consultas e o traballo de campo, a través
destas reunións conxuntas con concellos e deputacións, e posteriormente se
celebrarán reunións individuais con cada un dos 313 concellos de Galicia. Tamén
tense previsto a realización de enquisas en centros sanitarios, educativos,
administrativos e parques empresariais, ademais de estacións e paradas de
buses, para coñecer as demandas existentes.
Rematou lembrando que
nos vindeiros meses se seguirá co proceso de escoita activa e participación
continuada, para mellorar os servizos e para que Galicia teña en 2019 un
transporte público que responda con eficacia ás demandas de mobilidade da
cidadanía.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.