Hoxe 25 de Xullo
celebramos o Día de Galicia.
Uns, por motivos de
traballo en Madrid, de xeito que rematado o Pleno, xuntámonos coa presidenta do
Congreso, Ana Pastor sete Deputados galegos das catro provincias e fixemos unha fotografía de recordo desta data.
Mentres en Santiago de
Compostela, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel
Santalices Vieira, presentaba, en representación do Rei Felipe VI, a Ofrenda
Nacional ao Apóstolo Santiago, unha tradición que cumpre 375 anos.
Durante a súa
intervención, pronunciada no transcurso cunha cerimonia litúrxica celebrada na
Catedral de Santiago presidida polo arcebispo Julian Barrio, o oferente reclamou “consenso” e “fórmulas imaxinativas”
aos dirixentes políticos para afrontar desafíos como a preservación do Estado
de benestar ou a crise demográfica.
“Preservar a viabilidade
do Estado de benestar- que se manifesta través da sanidade, a educación, os
servizos sociais, a atención as persoas en situación de vulnerabilidade, o
sistema público de pensións e tantas outras prestacións- constitúe unha obriga
moral que a todos concerne”, dixo Santalices. “Trátase dunha meta difícil, pero
alcanzable”, engadiu.
Conciliación como
prioridade
Respecto á crise
demográfica, “que compromete o noso futuro”, o delegado rexio considerou que
“crear as condicións adecuadas para que criar e educar aos fillos deixe
de ser unha ousadía para os seus proxenitores é unha necesidade imperiosa;
facilitar a conciliación debería ser unha prioridade en calquera contorno
laboral”. Porque “sen nenos non hai futuro”.
O presidente do
Parlamento referise á crise migratoria como outro dos retos actuais. Apuntou
que Europa “bota de menos unha política migratoria consensuada, blindada fronte
a bandazos tacticistas ou brotes xenófobos; medidas ambiciosas que contemplen
aos migrantes como persoas, que busquen a integración e fuxan dos guetos, que
aposten pola educación que inmunice fronte a hipotéticas e indesexables
radicalizacións”.
Nunha invocación
ateigada de contido social, Santalices Vieira tivo presentes ás familias, ás
persoas migrantes, ás afectadas pola crise, ás persoas con adiccións ou ás que
padecen algunha doenza. “Aliviar o padecemento físico e psicolóxico do enfermo
–agregou- e ofrecer coidados paliativos a quen o necesite ao final da
vida eríxese nunha obriga moral fronte á que non resultan admisibles os
atallos”.
Mandato ético fronte
aos incendios
O delegado rexio falou
tamén da ameaza que supoñen os incendios forestais e apuntou que “facer
canto estea ao noso alcance para previlos, cumprir o ordenamento xurídico e
manter unha actitude vixiante fronte a este tipo de delincuencia
constitúe un mandato ético inescusable para todas as persoas de boa vontade”.
Reiterou Santalices a
condena social fronte á violencia de xénero, un drama que ao seu xuízo, require
“un enfoque global, máis aló dos recursos institucionais; un enfoque que conte
coa implicación de particulares e institucións, que comece no fogar e na
escola, e corrixa condutas inapropiadas que en ocasións se desencadean a partir
de patróns observados na propia rede”.
Honrar a memoria das
vítimas
Na Ofrenda ao
Apóstolo, o presidente do Parlamento lembrou ás vítimas do accidente
ferroviario de Angrois, ás vítimas do terrorismo e de calquera outra forma de
violencia. “Perpetuemos e honremos a súa memoria, a memoria de todas as vítimas”,
dixo.
Para Galicia,
Santalices pediu “seguir transitando por sendas de entendemento, estabilidade e
crecemento económico que a todos estenda os seus efectos positivos”.
O delegado rexio
tivo presente na súa invocación á xuventude, “para que se impregne de
valores humanos e, unha vez concluída a etapa formativa, atope un futuro
laboral estable que lle permita formar unha familia e construír unha sociedade
mellor”; e tamén aos maiores “para que logo dunha vida de traballo e
sacrificio, pidan desfrutar do seu outono vital con plenitude e serenidade, nun
contorno de respecto, cariño e recoñecemento ao seu legado”.
O oferente fixo votos
“por cada un dos españois e galegos -tamén cantos exercemos responsabilidades
públicas- para que nos esforcemos por actuar con rectitude e honestidade, na
procura dunha sociedade máis xusta, harmoniosa e inclusiva”.
Para o rei Felipe VI,
o presidente do Parlamento desexou “que continúe exercendo as súas
responsabilidades con acerto, moderación e eficacia, ao servizo dunha España
que sexa fogar común para todos os seus habitantes”.
España como espazo de
concordia
Nesta liña, sinalou
que “queremos unha España que sexa quen de atopar un camiño de concordia, no
que todas as sensibilidades teñan acomodo dentro do respecto á lei, onde a
diversidade ideolóxica, cultural, lingüística, histórica, económica ou de
xénero sexan sempre factores de enriquecemento e xamais de ruptura ou
enfrontamento entre iguais”.
“Unha España –agregou
Santalices- na que todas e todos gocemos dos mesmos dereitos e teñamos acceso a
prestacións e servizos públicos similares, con independencia da idade ou lugar
de residencia”.
Pedir desculpas
O presidente do
Parlamento de Galicia fixo tamén referencia aos casos de corrupción que
afectan á credibilidade das institucións. “Con independencia dos feitos
que deben xulgar os tribunais, resulta imprescindible que todos pidamos
desculpas –con responsabilidade ou sen ela- polos erros cometidos e seguir
reforzando os mecanismos de prevención para impedir que accións deste tipo
podan repetirse no futuro”.
Recordou Santalices
que canda a festividade litúrxica do Apóstolo Santiago, desde hai 99 anos se
celebra o Día da Patria Galega e, en datas máis recentes, o Día de Galicia;
“unha festa patriótica, patrimonio de todos, ao igual que esta solemne
cerimonia relixiosa”. O presidente do Parlamento rematou a súa invocación desexando
“que estas e calquera outra celebración sexan sempre fonte de unión no esencial
para sermos mellores”.
A este solemne acto asistíu o presidente da Xunta de Galicia,
Alberto Núñez Feijóo, acompañado dos membros do presidente do Tribunal
Constitucional, dos membros do Goberno galego e outras autoridades.
Rematada a cerimonia
na Catedral, o presidente do Parlamento dirixiuse ao Pazo de Raxoi, onde
asinou no libro de ouro da cidade e asistiu á recepción ofrecida polo Concello.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.