Da actualidade política de hoxe saliento
a reunión entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Delegado do
Goberno en Galicia, Javier Losada.
Nela, Feijóo pedíu novamente, a Javier
Losada que non sexa só o delegado do Goberno en Galicia senón tamén “que a
Delegación sexa a Delegación de Galicia no Goberno”.
Aseverou que a Xunta, manterá o mesmo
nivel de lealdade e exixencia que xa tiña co anterior Executivo, porque a
cohabitación é perfectamente posible facendo prevalecer os intereses dos
galegos.
Ao respecto, destacou a necesidade de que
a resposta ao desafío demográfico se siga considerando prioritaria, reiterando
a aposta por un sistema de financiamento autonómico baseado nos principios de
equidade e de poboación axustada. “E falamos tamén do Xacobeo 2021, un fito no
que o Goberno de España debe estar”, dixo trasladando a importancia de que este
sexa coprotagonista na organización do ano santo.
Como terceiro asunto, Feijóo destacou o
compromiso da chegada do AVE en probas a Galicia a finais de 2019 e falou da
necesidade de respectar a palabra e os prazos dados, que encaixan desde o punto
de vista técnico, cos informes de Adif. “Falamos deste tren de acordo cos
propios datos de Adif, presentados hai un mes e medio en Lugo; do AVE
Lugo-Ourense; do acurtamento do AVE entre Vigo e Ourense pola variante de
Cerdedo e da adecuación das vías do tramo A Coruña- Ferrol para que sexa un
tren competitivo”.
E referiuse, así mesmo, ao financiamento da liña ferroviaria
a punta Langosteira, que xa se acordara co anterior Goberno e á transferencia
da autoestrada do atlántico reclamada unanimemente polo Parlamento galego.
O presidente da Xunta solicitou,
ademais, a implicación do Goberno central para solucionar os danos producidos
tras a explosión pirotécnica ocorrida no concello de Tui.
Logo de subliñar que a Xunta activou as
liñas máis importantes de axudas, Feijóo recordou que o seguimento, control e
inspección das instalacións pirotécnicas son competencia do Estado; “e, polo
tanto, entendemos que o Estado debe cofinanciar xunto coa Comunidade Autónoma,
a Deputación de Pontevedra e o propio Concello todos os danos producidos”.
Nesta liña, avanzou que no Consello de
mañá o Executivo autonómico levará varias ordes para que toda a política de
axudas e incentivos da Xunta estea en marcha de forma inmediata. Non en van, as
axudas, tanto para alugueiros como realoxos e rehabilitacións xa se están a
pagar de acordo coas solicitudes recibidas.
Por último, o presidente da Xunta,
abordou tamén co delegado do Goberno a petición de reforzar a Policía
Autonómica.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.