Hoxe foi un día importante en Galicia, xa que foi inaugurada a
restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.
Neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo acompañou a S.M. a Raíña Dona Sofía, salientando que esta rehabilitación forma
parte dos traballos tendentes a restaurar a fachada do Obradoiro e a maior
parte deste templo. E, referiuse tamén á recente presentación do proxecto do
Edificio Fontán na Cidade da Cultura que, entre outros servizos, albergará o
Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais e un Observatorio
Permanente do Camiño de Santiago. Todo isto dentro dos preparativos do Xacobeo
2021.
Ao
longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego aseverou que Galicia
é gardiá dunha obra que transcende o tempo e as fronteiras; que desborda
humanidade e que foxe do hieratismo da época.
“O
Mestre Mateo leva á pedra a súa idea da gloria e, de paso, reflicte as formas
de pensar e os ideais dos nosos antepasados. Xa naqueles albores da nosa
civilización, Galicia tiña capacidade para proxectarse no mundo porque nin o
pórtico nin a catedral son concibibles como obras meramente locais. Esa
simbiose entre o galego e o universal estivo presente aquí”, abundou.
Feijóo
asegurou que tanto o pórtico como o conxunto catedralicio son consecuencia dun
empeño colectivo. “O destino da obra non é illar, senón abrir; non é rexeitar
senón acoller; non é repudiar o estranxeiro que se interna no Camiño, senón
integralo na comunidade multinacional dos peregrinos”, dixo.
O
responsable do Executivo autonómico concluíu subliñando que non se está ante
unha obra de arte, senón ante tres obras de arte: unha é o pórtico en si. A
outra, a pericia do equipo interdisciplinar de restauradores que traballaron
desde 2009 para ofrecer un traballo que xa é un fito internacional da
recuperación artística.
“E, en terceiro lugar, unha obra de arte foi, así
mesmo, o entendemento entre institucións privadas e públicas”, asegurou,
referíndose ao Arcebispado de Compostela, á Fundación Catedral, á Consellería
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao Instituto de Patrimonio
Cultural de España e ao protagonismo xeneroso, entregado e extraordinario da
Fundación Barrié.